in , ,

Hemeroteca: Entrevista a Alberto Sueiro realizada no 25º aniversario do FIOT

Sueiro03 1 |

«O mérito do festival é que o público vexa teatro de todas as pelaxes»

| Vanesa Sotelo e Manuel Xestoso |

 


capa88 |No número 88 da erregueté | Revista Galega de Teatro, publicabamos esta entrevista con Alberto Sueiro, presidente da Asociación Telón e Aparte, organizadora do FIOT (Festival Internacional Outono de Teatro) de Carballo, que, na altura, celebraba o seu 25º aniversario. Co gallo da entrega do Premio da Cultura Galega, queremos compartir con todo o público aquela conversa que ofrecía algunhas das claves do éxito do festival e algúns dos retos que se lle apuñan. Malia algunhas referencias a aquela edición, cremos que será de grande interese para valorar a entrega deste premio ao FIOT.

 


O éxito de público é unha das forzas que desde sempre acompañou ao Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, cal é o segredo do festival para manter esa resposta?

Eu creo que o segredo está en que non había nada. Inicialmente, había un festival de cine que pelexaba por ver como continuar e xusto no momento no que aquela iniciativa morría, aparecemos nós. Iso sumouse á presenza dunha figura como foi Xosé Manuel Eirís, que nos avalou e, posteriormente, ao reforzo que tivo lugar a finais da década dos 90 coa creación dun departamento de cultura organizado cun criterio e unha metodoloxía de traballo. Toda esa ilusión que sempre tivemos por ver teatro e a organización da programación estivo acompañada pola creación do Pazo da Cultura e iso cambiou totalmente a maneira de ver teatro: asentos cómodos, un escenario axeita- do e condicións técnicas acordes. A creación do espazo deunos dez anos de marxe. A partir de aí, chega o momento no que todo cambia e, sen razón aparente, as subvencións empezan a ser maiores e chega o recoñecemento. Aínda que tamén hai que dicir que desde as institucións carballesas o festival nunca foi obxecto de debate nin de cuestionamento. Un dos motivos que parecen contribuír á solidez do festival é o de pensar unha programación coidadosa que equilibre as propostas para o gran público con outras máis audaces.

Iso está na razón do nacemento do festival que era o de querer ver teatro nun contexto onde había unha ausencia absoluta. En principio, interesábanos ver un pouco de todo e tivemos claro que o que tiñamos que facer non era educar –iso sería ser pretencioso– senón ensinar, mostrar. E creamos tamén o OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado) para ampliar a oferta do programa e ofrecer un espazo para quen queira ver algo máis experimental.

Hai algúns anos o crítico Carlos Gil titulaba un dos seus artigos de opinión que resumía o que acontecía no FIOT como «Milagro en Carballo» e apuntaba que o problema co público neste caso era o de ter que deixar público fóra. Como se remedia ese ese problema?

O problema de Carballo non é tanto o de ter máis aforo senón a necesidade de dotalo dun mellor espazo escénico. Non precisamos ter un auditorio de mil butacas senón un espazo escénico mellor, xa que é aí onde se producen as cousas. Resolver ese problema de público pódese facer coa programación de varias funcións. O de aumentar os metros de escenario paréceme máis difícil de resolver. E para o público de Carballo hoxe precisariamos un espazo no que as cousas se vexan o mellor feitas posible. Digo isto porque antes o público podía conformarse co nome de quen viña pero agora desenvolveu outra mirada e a xente nota se a escenografía está moi comprimida ou se hai cousas que non funcionan porque fisicamente non hai espazo. O seguinte avance para o festival sería unha mellora nas condicións do espazo.

Esa formación do público é algo que se aprecia na programación de todo o ano?

Hoxe Carballo en calquera das dúas programacións ao longo do ano ten unha entrada media que supera a metade do aforo –o que poden ser unhas 200 persoas cada día. O público tamén cambiou moito: ao principio todo era novidade, despois viña a divertirse e pasalo ben, pero hoxe a xente que vén sabe ver teatro e distinguir perfectamente entre as propostas e aplicar unha mirada crítica. Esa mirada propia vén dada pola diversidade da oferta: por ver tanto de todo e tan diferente. Así é como nos habituamos a ver moitas cousas, formando un criterio e desenvolvendo un gusto propio. Ese é o mérito que ten o festival: que a xente vexa teatro de todas as pelaxes.

E que obriga a facer un exercicio coidadoso entre asegurar, apostar e arriscar na programación. 

É fundamental que haxa unha idea do que queremos e por onde temos que ir para levala a cabo e neste caso contamos co traballo de Carmen Castro. Necesitamos afinar moito porque o que pasa no teatro, como feito social, sempre pasou rapidamente a estar en boca de todo o mundo. Temos anécdotas graciosas como a de persoas que chegaron a trasladarlle as súas queixas ao alcalde, ou o fito que foi o verdadeiro estalido do festival e que protagonizou Leo Bassi cando aínda se celebraba no Cine Rega. Bassi saiu do cine montado nun colector do lixo e incitando á xente a queimar o concello. O cachondo diso é que iamos detrás preguntándonos se iría en serio e até acabou por aparecer a Policía Local. Ao día seguinte, o FIOT foi importante xa que pasaron a existir dous tipos de carballeses: os que estiveran no teatro e os que non. E a partir de aí todo o mundo quería estar no teatro polo que puidese pasar.

Este ano o cartel tivo un cambio na súa liña ao escoller tres rostros da profesión como son María Tasende, Rober Bodegas e Alba Bermúdez. A que respondeu esta escolla?

O que se pretendía hai vintecinco anos cando comezamos o festival era que xurdise algo. Co cartel quixemos recoller que hai vintecinco anos non había ninguén que vivise disto e agora, polo menos, hai tres caras coñecidas que se dedican profesionalmente ao teatro. O éxito do festival, fisicamente, son eles. E o cartel quería celebrar pero tamén homenaxear esa fisicidade dos 25 anos que son eles: tres persoas que, ademais, concentran moita «carballesía».


Publicidade

Anteriormente falaba do espazo OTNI e a resposta do público a esas novas propostas máis experimentais. Que lugar está ocupando no festival?

O FIOT é como unha boneca rusa na que parece que hai oito ou nove representacións de sala pero que na realidade se está movendo tamén por outros lugares. Un deles é a Rúa dos Contos, que ten o seu propio público e a súa propia dinámica formada, sobre todo, por xente que non vén tanto o teatro, prefire estar no bar e asistir aos espectáculos con outra proximidade. Despois está tamén o Concurso de Teatro Lido dos nenos que é a actividade do FIOT que máis xente move e onde están xa implicados os centros de ensino. O outro espazo é o OTNI, onde podemos incluír esas propostas que nos apetece traer pero que non poden estar nesa selección de oito espectáculos de sala destinados a todo tipo de público. O Obxecto Teatral Non Identificado, como o seu propio nome indica,inclúe propostas máis experimentais e posúe unha media de 150 espectadores. Facémolo nun espazo máis pequeno porque é outro tipo de concepto e formato e teño que dicir que a xente á que máis lle gusta o teatro cae máis dese lado. O OTNI Suscita moito máis debate que os espectáculos que se programan en sala e que cumpren unha función máis social. Eu percibo que a miga do festival hoxe está no OTNI xa que é o que ten máis trascendencia mediática, onde están as grandes descubertas e onde se atopan as puntuacións máis altas que dá o público. Sorprende que un espectáculo do OTNI feito con case nada teña puntuacións máis altas que a media dos que veñen á sala e creo que con el acontecerá o mesmo que sucedeu coa Rúa dos Contos acadando unha dinámica propia.

Se pensamos nas votacións, poderíase sinalar que o público de Carballo é ben agradecido xa que ten unha media de 4,1 puntos sobre 5 en todos os espectáculos.

Tamén hai que dicir que nos espectáculos da sala é relativamente fácil. Despois de todo, traemos cousas moi contrastadas. Nesta edición hai que confesar que fomos máis conservadores que habitualmente porque co 25 aniversario quixemos asegurar. As puntuacións, efectivamente son altas, pero a min ségueme sorprendendo o do espazo OTNI porque contén propostas máis arriscadas tanto no formato como na linguaxe. E iso é porque vai moita xente de teatro que busca algo máis que ver os espectáculos.

Falamos do OTNI, da Rúa dos Contos e do Concurso de Teatro Lido pero tamén hai un espazo importante para a formación de público e hábito na asistencia ao teatro como é o Fiotiño. É a mellor forma de garantir futuro?

O Fiotiño é outra iniciativa fundamental. Non se pode facer nada que non conte con rapaces e como non consigamos incorporar xente e ir incorporando público, isto acaba. Sabiamos que queriamos relacionar a xente co teatro máis aló de asistir como público a un espectáculo infantil. O que fixemos co Fiotiño foi un campamento no Pazo da Cultura onde nenos e nenas pasasen un día enteiro no teatro. Comeza ás 18.00 dun venres cun par de monitores que explican claves sobre o teatro. Con eles os participantes visitan o espazo, cean e dormen no edificio e preparan un espectáculo que presentan ao día seguinte. O que queremos é que veñan ao teatro polo gusto de estar nel e a iniciativa ten un éxito absoluto.

O FIOT ten unha gran capacidade para xerar espazos e proba disto son as diferentes iniciativas de programación que inclúe, que van desde os locais da Rúa dos Contos ao propio Pazo da Cultura. Búscanse outros espazos para seguir enchendo Carballo de teatro?

O certo é que estamos creando espazos novos. E un éxito foi a segunda planta do mercado municipal case en desuso e que adaptamos. O ano pasado fixemos unha proba e tivemos que parar de vender entradas por prudencia xa que parecía que podiamos duplicar o aforo previsto. Para facer espectáculos de rúa temos dificultades climatolóxicas pero contamos con ese espazo como alternativa.

Despois dun cuarto de século de vida é case obrigado preguntar por cales son os retos de futuro do FIOT?

Un reto claro é o espazo porque senón logramos melloralo imos tropezar con limitacións técnicas que farán que o programa non teña espectáculos de determinado formato e acabará condicionando tanto que teremos que repetirnos. As montaxes de determinado nivel cada vez son máis grandes e as compañías grandes non poden vir porque non lles cabe o espectáculo. Eu creo que ese vai ser o gran condicionante. Por outro lado, pode que haxa máis público máis xeralista pero o futuro do FIOT está no Fiotiño e no OTNI.

Carballo acolleu a estrea de O tolleito de Inishmaan, unha das producións fortes da temporada e co que a dramaturxia de Martin McDonagh regresa ao FIOT despois de Un cranio furado. Como ves a relación de Carballo co teatro galego?

Eu creo que aquí o problema está na falta dun circuíto de distribución. Ao final o que temos son dez teatros e iso dificulta a existencia dun proxecto empresarial. Se non tes máis de dez ou doce clientes a venda é complicada. A posibilidade de saír fóra tamén é complexa pero eu creo que é o único camiño. Hai anos, Carballo colleu o primeiro boom do teatro galego despois dos precursores. Eu creo que houbo unha certa acomodación no esquema de financiamento e creo que a escola pode ser a que rompa todo isto. Os novos non van ter a responsabilidade de montar un sistema teatral pero terán que montar unha industria que consiga que a xente vaia ao teatro.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

a leituga cea2 |

‘A leituga’ inicia xira de outono no Barco

GAIAGosiaTrebacz |

Oito espectáculos conforman o programa de outono de Tui