in

Oito espectáculos conforman o programa de outono de Tui

GAIAGosiaTrebacz |

Oito espectáculos conforman a oferta de Outono no Teatro Municipal de Tui que foi presentada onte no propio teatro. Unha actividade que mantén a aposta de calidade, variedade, estabilidade e continuidade marcada ao longo dos últimos anos. Este traballo ten dado coma froito converter a este espazo escénico – que o pasado mes de abril cumpriu 15 anos– nun referente cultural en Galicia e no norte de Portugal, que ten amais colleitado o respaldo do público coma demostra a media de espectadores cada ano.

Así o destacaron onte na presentación o alcalde, Carlos Vázquez Padín, o concelleiro de Cultura, Eduardo Freiría, xunto á xerente de Eme2, Mercedes Castro, ao actor Antonio Durán “Morris”, á directora do coro Mistura Vocal, Aloia Martínez, e ao director do Conservatorio Profesional de Música de Tui, Rubén López.

O alcalde, Carlos Vázquez Padín, lembraba que “Tui ten unha continuidade na súa programación cultural moi importante, cunha calidade e unha constancia, que fai que no mundo da programación cultural Tui teñan un nome recoñecido e este teatro teña un nome”. Salientaba amais o rexedor “a calidade, permanencia, constancia e regularidade” da programación que se desenvolve no teatro. Pola súa parte o concelleiro de Cultura, Eduardo Freiría, aludiu a calorosa resposta do público que tiveron as actividades do verán que terán continuidade nos eventos que agora se presentan.

Teatro, cinema, danza e música integran a programación que se abre o venres, 5 de outubro, ás 21.30h coa obra A leituga de Eme2 dirixida por Víctor Duplá e protagonizada por Federico Pérez, María Vázquez, Mercedes Castro, Xosé Barato e Antonio Durán “Morris”. A xerente de Eme2, Mercedes Castro, destacou esta mañá que están “moi contentos con este proxecto pola resposta que están a ter do público” nun proposta moi limpa que “provoca unha reacción no espectador”. Esta comedia negra achéganos á cea anual, que co gallo do aniversario do seu pai -que está en coma dende hai anos-, celebran tres irmáns e as súas parellas.

Mentres, Antonio Durán “Morris” un dos actores de A Leituga indicaba que se trata dun “espectáculo difícil dende o punto de vista da creación” que dá coma resultado unha comedia moi negra que ten moito que ver coa vida.


Publicidade

“Morris” tamén forma parte do elenco de Dhogs a película que se proxectará o venres, 19 de outubro, e que gañou 13 premios Mestre Mateo, e que está a ter un importante percorrido por festivais internacionais. Destacaba o actor que se trata dun thriller psicolóxico con personaxes que te atrapan nas distintas secuencias. Amosouse amais moi satisfeito de ter participado na ópera prima de alguén novo, neste caso Andrés Goteira.

O público infantil poderá gozar de Rubicundo da man de Ghazafellos, o xoves 11 de outubro, ás 20:00, nunha historia máxica chea de sorpresas protagonizada por Montse Piñón, Jorge Casas e Pepablo Patiño. O venres, 26 de outubro, será a quenda de A fiestra dos soños un espectáculo musical de Trotaventos baseado no libro homónimo e no que estarán Manuel Boquete, Ramón Feáns, Nadia Fonseca, Roberto Grandal e Dani Riveiro. Peter Pan y Wendy é o título da obra que Gemma Viguera e Fernando Moreno de El Perro Azul representarán o mércores, 31 de outubro, ás 20:00. Completa a oferta para o público máis novo o espectáculo de danza contemporánea Gaia de Entremáns Cía no que Kirenia Celia Martínez e Estefanía Gómez nos descubrirán o poder da terra a través da voz e a danza o venres, 16 de novembro, ás 20:00.

A música estará tamén presente nesta programación, dirixida xa para o público en xeral, co concerto Noró da man de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre o venres, 9 de novembro, ás 21:30.Por último pecha a programación o Concerto de Nadal da Orquestra Sinfónica de Tui e do coro Mistura Vocal o venres, 21 de decembro, ás 21:00. A primeira parte do concerto centrarase na interpretación de bandas sonoras de películas integrando a música en directo cun proxecto audiovisual aproveitando o ciclorama do teatro, xunto co Coro Mistura Vocal. Na segunda parte que abrirá o Coro Mistura Vocal, cunha coidada posta en escena e con sorpresas, como explicaba a súa directora Aloia Martínez, continuarán interpretando un repertorio típico do Nadal onde non faltarán os valses da familia Strauss e a marcha Radetzky.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Sueiro03 1 |

Hemeroteca: Entrevista a Alberto Sueiro realizada no 25º aniversario do FIOT

ManoliñoNguema |

Vixésima edición da “Rúa dos Contos” no FIOT Carballo