in

‘A leituga’ inicia xira de outono no Barco

a leituga cea2 |

Despois do éxito acadado na primavera e do seu paso por diversos festivais de verán, a comedia A leituga, da compañía Emedous, comeza este venres 28 de setembro, no Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras, unha xira de outono que continuará por Pontevedra (4 de outubro), Tui (5 de outubro), Vimianzo (6 de outubro), Vilagarcía de Arousa (13 de outubro), Vigo (19 e 20 de outubro), Outes (27 de outubro), Viveiro (3 de novembro) e As Pontes (16 de novembro).

Antonio Durán ‘Morris’, Mercedes Castro, María Vázquez, Xosé Barato e Federico Pérez conforman o elenco de A leituga, unha comedia dramática que aborda en clave de humor un conflito familiar polo que todos pasamos ou pasaremos nalgún momento das nosas vidas: como actuaremos no momento en que os nosos pais se aproximen á morte?

A montaxe dirixida por Víctor Duplá sobre un texto do venezolano César Sierra, achega unha reflexión teatral sobre o reparto dos coidados e sobre a dificultade das relacións familiares a través de cinco personaxes que se moven entre a esperanza e a aceptación, o sacrificio e a culpa, a moral e a ética, o afecto e o rancor. Así, A leituga, tal e como indica o seu director, Víctor Duplá, afonda nos temas da dignidade humana, o dereito á vida e o dereito á morte, ao tempo que reflexiona sobre as relacións familiares, sobre os vínculos e as lealdades dentro das familias.

A leituga transita así entre a comedia e o drama, polo que o público observará entre o riso e a reflexión as repercusións dos coidados nas relacións entre pais e fillos, parellas e irmáns e de que xeito poden chegar as saltar as fráxiles costuras dos afectos familiares nunha situación de repartición dos coidados.


Publicidade

A leituga estreouse en Nova York, Miami ou Santiago de Chile para agora chegar a Galicia da man de Emedous, coa dirección de Víctor Duplá e un elenco ben coñecido para os espectadores galegos, tanto para o público da escena coma para o do audiovisual. O seu autor, César Sierra, iniciouse na escrita dramática e na dirección en 1984. Dende aquela, dirixiu máis de trinta obras en países como Venezuela, Estados Unidos, Arxentina ou España.

 

Datas

O Barco de Valdeorras: Teatro Municipal Lauro Olmo, 28 de setembro ás 21:00.
Pontevedra: Teatro Principal, 4 de outubro ás 21:00.
Tui: Teatro Municipal Área Panorámica, 5 de outubro ás 21:00.
Vimianzo: Teatro Municipal Casa da Cultura, 6 de outubro ás 21:00.
Vilagarcía de Arousa: Auditorio Municipa, 13 de outubro ás 21:00.
Vigo: Auditorio Municipal, 19 e 20 de outubro ás 21:00.
Outes: Casa da Cultura, 27 de outubro ás 20:00.
Viveiro: Teatro Pastor Díaz, 3 de novembro ás 20:30.
As Pontes: Auditorio Municipal Cine Alovi, 16 de novembro ás 21:00.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

fillosdosol6 |

A Mostra de Teatro de Ribeira comeza en outubro

Sueiro03 1 |

Hemeroteca: Entrevista a Alberto Sueiro realizada no 25º aniversario do FIOT