A compañía madrileña La Tristura estreará en Galicia a obra Future Lovers, un retrato sobre a xeración millenial.
O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo non da tregua e presenta o seu segundo fin de semana con novos espectáculos na Rúa dos Contos, o inicio do teatro de sala e un programa especial para os máis pequenos, o Fiotiño.
A primeira actuación na Rúa dos Contos terá lugar na Cervexaría Ágora ás 21.00 horas, con Lois Pérez e o seu espectáculo Historias da fronteira. Unha mestura de humor e tradición oral. As risas continuarán cun imprescindible da Rúa dos Contos: Cándido Pazó, ás 23.00 horas na Cafetería Valle Inclán co monólogo Como cho conto, un rosario de historias e contos sobre cousas cotiás que parecen mentira.
O domingo día 7 de outubro ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, o FIOT arrincará as sesións do teatro de sala. A compañía madrileña La Tristura estreará en Galicia a obra Future Lovers. Unha oportunidade única para que o público poida presenciar a obra dunha das compañías de teatro contemporáneo máis importantes de España con gran proxección internacional.
Future Lovers abre unha ventá á vida dos mozos nacidos arredor do ano 2000, representando un sincero retrato sobre a xeración dos ” millenials”. Un fermoso espectáculo entre a realidade e a ficción, contundente e próximo ao público. Segundo a crítica, «é un espectáculo que non podes perder se tes 17/18 anos ou se tes fillos con estas idades». Esta obra inicia o ciclo de teatro de sala porque a xuventude é un dos eixos da 27ª edición do FIOT.
Noite branca: O Fiotiño
Os máis pequenos tamén teñon o seu propio programa: O Fiotiño. Un ano máis terán a oportunidade de coñecer os segredos do teatro e vivir unha experiencia inesquecible e moi enriquecedora arredor do mundo máxico do teatro. Será no Pazo da Cultura de Carballo. Participan neste mini campamento 25 nenos e nenas de 6 a 12 anos. Coñecerán como é un teatro por dentro, participarán de divertidos obradoiros e memo crearán unha pequena obra de teatro. Os pequenos pasarán unha noite de teatro, xogos, sorpresas e contarán coa presenza duns convidadados moi “espaciais”.
Sábado e domingo: Rúa dos Contos e Teatro de Rúa
O sábado 6 de outubro terá lugar unha nova sesión de Teatro de Rúa, será ás 20.00 horas na Praza do Concello, onde o grupo Erori mostrará o espectáculo Cair: malabares, acrobacias, caídas e coreografías perseguindo un maletín.
O sábado tamén terá lugar unha actuación no Mercado Municipal, ás 21.30 horas o dúo arxentino Sutottos ofrecerá Inestable; actuación que se distingue polo humor e a sinxeleza. Un fenómeno de “off porteño” que recala en Carballo.
O sábado, día 6 de outubro, continuarán os espectáculos da Rúa dos Contos no Pub O Patacón, onde ás 00:00 Las Antonias presentarán Boleros e outras delicias, un show musical de temas moi coñecidos aos que as artistas dan unha visión moi persoal.
A xornada dominical comezará cunha nova representación da Rúa dos Contos, ás 13.00 horas na Cervexaría A Bombonera a cargo de La Mosca Valiente, que substitúen aos madrileños Chanson Mormon dado que un dos seus compoñentes debe permanecer inmobilizado debido a un accidente de tráfico.