Actualidade

Iria Pinheiro estrea ‘Anatomía dunha serea’

PUBLICIDADE

O vindeiro 18 de outubro estréase, no Auditorio Constante Liste da Ramallosa (Teo), Anatomía dunha serea, de Iria Pinheiro, o terceiro proxecto sementado na Berberecheira do grupo Chévere, un achegamento escénico á violencia obstétrica desde a experiencia persoal da actriz.

 

Anatomía dunha serea é unha peza de teatro documental construída sobre a memoria e a experiencia persoal da actriz Iria Pinheiro como muller, como nai e como vítima da violencia obstétrica. Trátase ademais dunha obra de teatro autobiográfica e con carácter testemuñal, pois a voz en primeira persoa da protagonista é tamén o testemuño directo de alguén que viviu os sucesos e acontecementos reais que se contan na obra. É o terceiro proxecto escénico sementado na Berberecheira do grupo Chévere.

Cando en maio de 2016 Iria Pinheiro entrou no hospital para dar a luz con rotura de bolsa amniótica non sabía que nas seguintes horas mudaría a súa vida para sempre. Varios días despois saiu mutilada daquel edificio, coa sensación de ter sido estafada e sen o seu fillo. Foi abandonada polo sistema e tivo que xestionar a súa dor e recuperación en soidade. Pero axiña descubriu que non era a única muller mutilada no momento de parir. Investiga nas redes e atopa testemuños por todo o mundo. Entón é cando se convence da necesidade de abrir un camiño para outras mulleres, contando a súa historia no espazo público cos medios que ten ao seu alcance: os que lle proporciona o seu traballo en escena.

Anatomía dunha serea é un proxecto de teatro documental e autobiográfico que fala das condicións nas que se dá a vida na sociedade actual, de como concibimos a maternidade nun mundo dominado pola lóxica do beneficio económico, de como asumimos a violencia contra as mulleres dentro dun hospital ou dunha sala de partos. Fala de violencia de xénero en lugares insospeitados. Da falta de respecto pola intimidade nas contornas sanitarias e de certos tabús que persisten na sociedade hoxe e aquí.

 

A berberecheira

Este é o terceiro proxecto sementado na Berberecheira, un laboratorio de creación escénica promovido e xestionado polo grupo Chévere en Teo para apoiar proxectos de creación innovadores que desbordan o núcleo estable da compañía, dando soporte e incorporando as voces e as poéticas doutras persoas ao discurso vital do grupo.

Con esta nova obra a Berberecheira segue desenvolvendo o plan de traballo iniciado en 2015, centrando o seu interese en proxectos escénicos que documenten experiencias e historias persoais, contadas en primeira persoa e conectadas con acontecementos colectivos. As dúas anteriores foron Goldi Libre, de César Goldi (sobre o movemento de insubmisión ao exército) e Salvador, de Borja Fernández (sobre o impacto da emigración e a ausencia nas xeracións seguintes).

 

Equipo técnico e artístico

Actriz protagonista: Iria Pinheiro. Escrita: María Lado, Iria Pinheiro. Dramaturxia, dirección: Xron. Escenografía, atrezzo e iluminación: Suso Jalda. Vestiario: Iria pinheiro e Carmiña de Saladina. Espazo sonoro: Iria Pinheiro. Fotografía e cartel: Paula Pez. Comunicación: Xana García. Xefa de produción e asistencia de dirección: Patricia de Lorenzo. Unha produción que conta co apoio da Agadic-Xunta de Galicia, Concello de Teo e Concello de Moaña.

Compartir

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

Relacionado

PUBLICIDADE

Deixar un comentario

Subscríbete

Recibe as novas, artigos, entrevistas e contidos da Erregueté para que non perdas unha!