in

Directo 9

Directo9 |

A espera

| Manuel Xestoso |
| Foto: Manu Lago |

 

Toda creación artística comeza polo corpo: por ese territorio, integrado polas sensacións e as cousas, que cae fóra do dominio da razón. A vida sensitiva –esa que desenvolve unha confusa realidade nas rexións máis escondidas do entendemento– constitúe a esfera na que nace a obra de arte. A partir de aí, quen se dan en chamar artistas modelan o material bruto segundo a proporción que consideran necesaria para explicar ese terreo pantanoso, para comunicar o que nos dita ese caos que, no fondo, non é máis que o noso encontro coa realidade.

Pisando Ovos parte dese magma para buscar os fíos que o unen co intelecto: busca o camiño que enlaza a pulsión cos motivos que nos damos a nós mesmos para seguir crendo nunha identidade. E arrisca ao presentar toda unha delongada primeira parte que é case unha reprodución exacta dunha pista de discoteca, con Dj en directo incluído. Talvez porque nos lugares onde o ritual prevalece sobre a convención social é máis doado iniciar un discurso que se quere primixenio, que busca ese principio onde o corpo é aínda todo potencia, todo confianza.

O máis interesante de Directo 9 é, precisamente, que a compañía de Rut Balbís obriga ao público a observar dende un lugar que xa non se rexe exclusivamente polo entendemento e que debe ser enfrontado, tamén, dende a corporalidade. Trata de iniciar un diálogo no que a espera vai transformándose noutra cousa máis próxima á unha complicidade instintiva, a un escoitar e asentir sen que se precise un concepto que envolva o acordo. Nesa prolongada primeira parte, a definición pode ser calquera porque aínda non apareceu o discurso que remate as cousas nun ou noutro sentido. Ata aí o espectáculo é suxestivo porque é todo promesa: o desafío aos límites da fatiga dos bailaríns resulta tamén un desafío á expectativa do público, que, non obstante, confía, levado polo pacto establecido dende a espreita.

Logo aparece a danza e, con ela, o sentido, a articulación dese material en discurso. E polo discurso é por onde o espectáculo perde solidez: non é que tarde moito en aparecer, senón que o fai demasiado abruptamente. Non se atreve á parsimonia da primeira parte, á paciencia de ir deixando que as cousas se expliquen por si mesmas. Despois do ritmo hipnótico do que precede, a sensación de que se queren pechar moitas incógnitas apresuradamente rompe o tempo da función e opera en contra da intuición dun público que agarda por unha transición menos severa.


Publicidade

Por riba desa contradición, Directo 9 inicia un interesante xogo que apunta á dificultade de formalizar de modo rigoroso a experiencia sensible que, mesmo antes de ser pensada, revela unha organización de grande ambigüidade: por unha banda, capaz de unir aos suxeitos a través dun impulso material espontáneo e, por outra, levándoos á marxe de calquera control racional. A través de hábiles imaxes relacionadas coa estética de club, a obra transporta ao espectador dende o desconcerto á especulación, deixando albiscar que hai algo no corpo que pode provocar unha insurrección contra as estruturas de poder que o constrinxen. Os matices talvez merecen algo máis de esforzo, pero a intención revela rigor, orixinalidade e atrevemento.

 

Directo 9 de Pisando Ovos

Creación e dirección: Rut Balbís.
Elenco: Fran Martínez, Jas Processor, Raúl Pulido e Laura Villanueva.
Deseño de iluminación: Afonso Castro.
Deseño espazo sonoro e deseño gráfico: J. Processor.
Produción e distribución: Manu Lago.
Vídeo: Miramemira.
Colaboran: Teatro Ensalle, Centro Dramático Galego e Galicia Danza Contemporánea.
Coproduce: Pisando Ovos – Centro Coreográfico Galego – Agadic – Xunta de Galicia.

Estrea o 3 de outubro de 2018 no Teatro Ensalle de Vigo.

Manuel Xestoso

Manuel Xestoso

Crítico cultural e escritor. Traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e colabora en publicacións como Grial, Faro de Vigo, Sermos Galiza ou Nós Diario, entre outras. Foi subdirector da Erregueté dende 2016 ata 2020. Publicou Antón Reixa. Ghicho distinto, xunto a Xosé Cid Cabido (Xerais, 2012), e o volume de poemas As ruínas de Europa (Galaxia, 2017).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

iphigeniaEnVallecas |

O Fiot entrega o Xograr de Outono a Manuel Lourenzo nunha fin de semana ateigada de teatro

LaMacanaPinkUnicorns2 |

La Macana estrea ‘Pink Unicorns’ en Galicia