Picasso: A ollada nas mans é un espectáculo producido pola Fundación Emalcsa e a Concellaría de Igualdade e Diversidade do Concello da Coruña co fin de fomentar o teatro e a danza inclusiva profesional. Estréase o 7 de novembro, ás 20.00, no Teatro Colón e formúlase como unha representación na que se inclúe danza, teatro, música, circo e audiovisuais.
Con guion é de Xoán Carlos Mexuto e Carlota Pérez e dirección desta última, a obra xira arredor das etapas artísticas máis salientables de Pablo Picasso, en torno a un director de teatro na procura dunha nova historia e unha das súas mulleres que amosa o estudo agora cheo de po. En medio aparecen pouco a pouco as personaxes das súas obras, destacando a súa infancia, a etapa azul en París, a época rosa, o Cubismo e rematando co famoso Guernica e a pomba da paz como símbolo dunha nova época na vida do autor.
Trátase dun espectáculo inclusivo profesional onde están en escena artistas con e sen diversidade funcional nunha linguaxe onde se mesturan danza contemporánea, teatro, novo circo, audiovisuais e música en directo. A compañía entra na súa xira cunha proposta de 65 persoas en escena onde colaboran a Banda Municipal de Música da Coruña con 45 músicos e unha peza sen banda máis fácil para realizar en teatros que non teñan as medidas necesarias para poder realizar o espectáculo.
A entrada será gratuíta e a obra forma parte da segunda convocatoria do programa Cultura Accesible e Inclusiva, que se desenvolverá ata o 31 de agosto.