O grupo de teatro Muxicas, composto por actrices e actores invidentes e pertencente á ONCE, leva ao Auditorio de Ourense, este mércores 7 de novembor, ás 20:30, o seu espectáculo O inspector, de Nikolai Gogol, con dirección de Tito Asorey.
O grupo vén de gañar o Premio do Público na XI Mostra de Teatro Amador “Terras do Orcellón” do Carballiño hai só uns días.
Muxicas
O grupo de teatro Muxicas é un colectivo artístico formado na súa maioría por actrices e actores cegos ou cunha discapacidade visual grave. Impulsado pola delegación da ONCE en Ourense, leva case vinte anos facendo posible que persoas con estas características poidan achegarse con profesionalidade, rigor e compromiso artístico a un mundo, paradoxicamente tan visual, como é o da Arte Dramática.
Dende o ano 2007 a dirección do grupo recae en Tito Asorey, recoñecido profesional do teatro ourensán, actor e director de escena, co que levan postos en escena nove espectáculos que puideron ser vistos en escenarios de todo o país, entre eles o célebre Teatro Arriaga de Donosti. O grupo foi galardoado no ano 2012 co Premio Max ao mellor labor en prol do teatro afeccionado.
O obxectivo desta agrupación artística é dobre: dunha banda, loitar pola inclusión deste colectivo no eido escénico, eliminando os prexuízos e os falsos mitos existentes respecto ao mundo da cegueira, e doutra, traballar cunha vontade claramente artística, unindo esforzos para ofrecer espectáculos que poidan ser disfrutados por todo tipo de público, independentemente de que sexa vidente ou invidente.
O inspector
A unha localidade gobernada por políticos corruptos chega a nova de que na cidade apareceu un inspector do goberno para realizar unha auditoría sobre as contas públicas e elaborar un estudio sobre a limpeza das prácticas políticas dos seus dirixentes.
Ante esta situación, os gobernantes entran en pánico, procedendo á destrución de todas as probas que os poidan comprometer. Comezará así unha espiral descendente de submisión cara ese inspector, ofrecéndolle todo tipo de agasallos e subornos, chegando a límites insospeitados de tolemia e indignidade.
O inspector é unha comedia de ritmo frenético, onde dez actrices e actores, na súa maioría invidentes ou con discapacidade visual grave, dan vida nas táboas ao clásico texto de Nikolái Gógol, versionado e dirixido para esta ocasión por Tito Asorey.
O equipo
O inspector está interpretado polo elenco de Teatro Muxicas, que se rodeou dun equipo de profesionais con ampla traxectoria no teatro profesional galego: a escenografía está deseñada e realizada por José Faro “Coti”, que vén de gañar este ano o Premio María Casares á Mellor Escenografía por Resaca de ilMaquinario Teatro.
O vestiario está deseñado pola artista ourensá Sandra Varela (último Premio do Certame de Artes Plásticas da Deputación de Ourense) e Carlos Alonso (Premiado en sete ocasións co Premio María Casares).
O deseño gráfico é obra de José Lameiras, e a fotografía corre a cargo de Lucía Estévez (Premio María Luz Morales a Mellor Videoensaio e Premio Lav.Mov 2018).
A axudantía de dirección está realizada por Melania Cruz (Premio Mestre Mateo á Mellor Actriz Protagonista 2018, Premio María Casares á Mellor Actriz Protagonista 2016) e a versión, iluminación e dirección recae en Tito Asorey (Premiado con cinco María Casares en diferentes categorías, actor en Serramoura, Fariña, Servir y proteger…).
Todo este equipo traballou conxuntamente para crear un espectáculo dinámico, comprometido e que de seguro fará as delicias do público asistente.
Xira
Tras a estrea na Casa da Cultura Manuel María en Barbadás, o espectáculo xirou durante este ano 2018 por diversos teatros e auditorios: Casa da Cultura do Concello de Monforte, Teatro Pastor Díaz de Viveiro (dentro do certame de Teatro SuperArte), Auditorio Municipal do Carballiño (como parte da programación da Mostra de Teatro Amador, na que recibiu o Premio do Público) e ten previsto seguir xirando por diversos escenarios do país no 2019.
As vindeiras prazas a visitar serán a Casa da Cultura de Ferreira de Pantón (11 de novembro), o Teatro Lauro Olmo no Barco de Valdeorras (16 de novembro) e de novo Ourense (3 e 4 de decembro), nesta ocasión con funcións matinais na Escola Municipal de Teatro para estudantes de Secundaria.