O festival Titiriberia. Olladas sobre os cristovos, organizado pola Asociación Cultural Morreu o Demo para o Concello de Teo e coa colaboración da Deputación da Coruña, continúa hoxe a súa programación cunha mesa redonda ao redor dos roles femininos no xénero dos títeres tradicionais. Coincidindo coa estrea da primeira versión de Barriga Verde con protagonista feminina o vindeiro domingo na Feira de Francos, o festival Titiriberia aproveita a ocasión para reflexionar sobre o papel da muller neste xénero escénico.
Igual que noutros campos da tradición, tamén nesta arte popular deuse a repetición de estereotipos sobre o xénero e o comportamento da muller. Nese senso, a necesidade de reflexionarmos e de reconstruírmos as mensaxes que a este respecto se achegan dende os monicreques aparece como algo fundamental para avanzar na recuperación dos mesmos. A mesa celebrarase ás 20.00 h. na Mediateca do Grilo, en Cacheiras, e contará coa participación de profesionais dos títeres como Larratiz Urruzola, Cristina Collazo e Isabel Rei. O acto estará moderado pola investigadora Comba Campoi.
Barriga Verde ataca de novo
Ademais, a programación da xornada inclúe un novo espectáculo de títeres: Barriga Verde ataca de novo, de Títeres Alakrán. A montaxe trata dun feirante de roupa que, desesperado polas nulas vendas, vese sorprendido pola aparición de sona mundial que lle merca todo o xénero. O empresario decátase de que o tenderete é unha vella estrutura teatral que lle evoca a súa infancia nas romarías galegas. A obra poderase ver ás 18.00 horas, no Local da Sociedade Recreativa San Xoán de Calo (Igrexa, 12. Calo).