O festival Titiriberia. Olladas sobre os cristovos, estrea hoxe sábado ás 21:30, As varietés do Barriga verde, montaxe de produción propia que pretende reproducir, cunha óptica actual, os espectáculos que a familia Silvent realizaba na súa barraca de xeito previo á representación da obra de Barriga Verde. Con ese espírito, a produción reunirá as actuacións de compañías galegas como Mircromina, Tanxarina Títeres, Títeres Alakrán, Os Monicreques de Kukas, Diego Anido ou Arturo Nono. Todo baixo a presentación da actriz Iria Pinheiro e a coordinación musical de Alonso Caxade, Joam Casas e Paco Nogueiras. O espectáculo, producido polo festival, terá lugar na Barraca de Titiriberia instalada na Feira de Francos e servirá de antesala as actuacións que o domingo terán lugar nela, co obxectivo de recuperar o San Martiño como espazo tradicional da difusión e exhibición do xénero dos títeres.
Precisamente, o domingo chegará a segunda estrea desta terceira edición do Titiriberia: Dona Barriga Verde. Este espectáculo de Larraitz Producións Artísticas supón unha actualización das formas e dos xeitos do clásico personaxe dos monicreques de cachaporra, achegando unha protagonista feminina que, sen perder os gags clásicos, fomenta novas visións aos roles de xénero e aos estereotipos dos monicreques.
A Asociación Morreu o Demo colabora co proxecto prestando asesoramento histórico e documentación. A intención é que esta montaxe, producida desde a propia organización do festival, poida xirar con posterioridade en diferentes feiras tradicionais e eventos que están a contar de xeito habitual con títeres tradicionais. Dona Barriga Verde estrearase na Barraca de Titiriberia que se instalará na Feira de Francos o domingo 11 de novembro ás 12.00 horas.