in

O Teatro Principal de Tui xa é propiedade municipal

telontui |

O Concello de Tui é xa o propietario do Teatro Principal de Tui, logo de que onte na notaría de Tui tivera lugar a sinatura da escritura de compra-venda, por importe de 30 mil euros, entre a Fundación Teatro Principal e o Concello de Tui.

Unha vez que o Teatro Principal de Tui é xa propiedade municipal comezarase a traballar de cara a súa rehabilitación, segundo explicaba o alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín. Nese senso un dos primeiros pasos será actualizar o proxecto de rehabilitación redactado nos anos 80 polo arquitecto César Portela. Precisamente hai meses o rexedor tivera xa un contacto con este arquitecto que retomará agora unha vez o inmoble é xa municipal. Unha vez cuantificado o importe preciso para que o Teatro Principal recupere o seu esplendor.

En canto ao financiamento entre as vías que se barallan está o 1,5% Cultural. Vázquez Padín lembrou que o Principal é o único teatro de España que non se rehabilitou dos que estaban incluídos no Plan Director de Infraestruturas Culturais de Rehabilitación nos anos 80’.

En canto ao uso desta infraestrutura cultural explicaba o alcalde que se baralla que poidan funcionar coma un auditorio que complemente outras instalacións que hai xa cidade e dea resposta á demanda deste tipo de espazos cultural.

O Teatro Principal existe dende 1844, e forma parte dun conxunto de teatros que se construíron durante o século XIX en diversas localidades de Galicia: A Coruña, Santiago, Ourense, Lugo, Pontevedra…Dous anos antes, unha emisión de accións conseguiu os fondos para levantalo. Polo seu escenario pasaron compañías de teatro, de ópera, de zarzuela, bandas musicais, orquestras e coros… galegas, españolas e portuguesas.


Publicidade

En 1891 tiveron lugar nel os primeiros Xogos Florais en galego que, presididos por Manuel Murguía, significaron un grande impulso para a concienciación da identidade galega. Considérase que estes Xogos –que contaron co presenza de Alfredo Brañas, Salvador Cabeza de León, Eladio Rodríguez, Filomena Dato e outras personalidades das letras da época– constituíron o primeiro acto público desenvolvido integramente en galego.

Serviu durante a II República como salón de baile e de actos sociais e, posteriormente, foi reconvertido en cine. En estado de ruína, foi salvado dunha ameaza de derribo pola Fundación Teatro Principal, que logrou comprar o inmoble grazas a unha subscrición popular.

No ano 2002, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia decidiu concederlle o Premio de Honra Marisa Soto á Fundación Teatro Principal de Tui, cuxo obxectivo pasa pola salvagarda e a rehabilitación do histórico recinto. Abandonado dende os anos setenta, o Teatro Principal de Tui viviu baixo a ameaza do derrubamento nas últimas décadas. No ano 1997, elaborouse un Plan Especial do Conxunto Histórico de Tui, unha proposta integral que buscaba, ao seu xeito, abrir Tui ao río do mesmo xeito que Vigo buscaba abrirse ao mar. No citado plan, recollíase o derrubamento do vello Teatro Principal, en contra do defendido nun informe da Comisión Territorial do Patrimonio Histórico. Así xurdiu a Asociación Pro-Rehabilitación do Teatro Principal que, tras unha serie de mobilizacións, conseguiu paralizar a destrución da sala. O citado colectivo serviu de xermolo para a Fundación Teatro Principal de Tui que, constituída oficialmente en xuño do ano 2000, iniciou o proceso de recadar fondos para a rehabilitación do inmoble.

 

Na imaxe: antigo pano do Teatro Principal de Tui.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

invisibles1 |

Redrum leva ao escenario os relatos do maltratro do libro ‘Invisibles’

ARRAIANASEMPREVIVA |

Estela Lloves estrea no Festival Catropezas do Teatro Ensalle