in

Os ‘Carmina Burana’ da Fura estarán no Mar de Vigo

CarminaBurana2 |

La Fura dels Baus estará no Auditorio Mar de Vigo, do 30 de novembro ao 2 de decembro, con Carmina Burana, un espectáculo que une a poderosa música de Carl Orff co universo da Fura.

Un espectáculo con música en directo e impactantes escenas. Sobre o escenario, un cilindro de oito metros de diámetro envolve literalmente aos músicos, mentres que as imaxes proxectadas ilustran a obra de principio a fin: unha lúa xigante, o desxeo, unha éxtase floral, unha vendima en directo, as tabernas, cantantes colgados de guindastres e mergullados en viño, auga e lume…

Carmina Burana é unha colección de poemas dos séculos XII e XIII, que se conservaron nun único códice atopado en 1803 por Johann Christoph von Aretin na abadía de Benediktbeuern, en Baviera, e que actualmente se conserva na Biblioteca Estatal de Baviera en Múnich. O códice recolle un total de 300 poemas, escritos en latín, alemán e francés.Nestes poemas enxálzase o pracer de vivir e o interese polos praceres terreais, polo amor carnal e polo goce da natureza, sempre cunha mirada crítica e satírica cara aos estamentos sociais e eclesiásticos da época. Baseándose en 24 poemas deste códice medieval, Orff compuxo a súa obra entre 1935 e 1936 e esta peza musical é o punto de partida do espectáculo de La Fura.


Publicidade

Ao longo dos seus máis de 35 anos de traxectoria, La Fura dels Baus desenvolveu unha linguaxe, un estilo e unha estética propias a partir da creación colectiva. Desde os anos noventa, cultivou o teatro de texto, o teatro dixital, a ópera, os grandes eventos e o cine. La Fura caracterízase por explorar a idea do espectáculo total e atopou na posta en escena operística un territorio perfecto para desenvolver a súa creatividade, utilizando elementos audiovisuales, propoñendo escenografías xenerativas, e reformulando o papel dos cantantes, os actores e o coro dun xeito alternativo.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

mercedes castro |

Tres xornadas de “experiencias teatrais” en Lugo da man de Achádego Teatro

futuro animal |

D10! Encontro para a Formación e Innovación en Circo