Hoxe 23 de novembro, a partir das 18:00, A Marabunta tomará diversos espazos do Teatro Colón da Coruña. As áreas de Cultura e de Igualdade da Deputación da Coruña organizan esta proposta en que diferentes creadoras do panorama galego desenvolven performances especificamente pensadas para o espazo do Teatro Colón. Movemento, corpo, interacción co público, discurso… para combater desde a cultura o feminicidio. Arte contra a violencia machista e como ferramenta de sensibilización e denuncia social.
A Marabunta propón un percorrido artístico por diversos espazos do Teatro Colón. Diversas intervencións creativas onde as linguaxes artísticas se desbordan e mesturan, onde as prácticas escénicas transitan sen permiso, dende o escénico, o performativo, o danzístico, o corporeizado, o poético, o musical, o cantado-contado-poemado.
Até 13 mulleres artistas participan desta Marabunta na que amosarán a diversidade e a forza da creación artística fronte a violencia patriarcal.
A Marabunta defínese como “un mullerío, unha reunión, unha xuntanza de mulleres artistas que desbordan os espazos do Teatro Colón por un día. Mullerío que alza as voces e os corpos nunha barafunda tumultuosa que a través de diversas accións artisticas pon o foco sobre a multitude de violencias exercidas contra as mulleres. Mulleres barulleiras que alborotan, bourean que conforman unha verdadeira rebuldaina, revolta artística contra as violencias machistas.”
A violencia sexista adopta moitas formas e manifestacións que afondan a súa raíces no sistema heteropatriarcal. A persistencia destes valores sexistas no pensamento hexemónico das nosas sociedades, conleva tanto a violencia física como a psicolóxica no apoio dunha liña de pensamento que invisibiliza, infravalora e ataca as mulleres. Na transformación deste pensamento é, precisamente, na que resulta fundamental incidir, a través dun pensamento feminista na busca dunha igualdade real.
As creadoras interpelan ao público, dende a conferencia-concerto, o barullo escénico, o rebumbio poético, a danza performada ou a voz escénica, nun diálogo aberto que busca poñer o foco na variedade de violencias exercidas contra a muller. Accións artísticas que sinalan con corpo poderoso e voz firme, os numerosos tentáculos dunha violencia estrutural que ten que ser erradicada.
Programa
- Clara Gayo, Beni Barciela, consulting feminista (18:00) Duración: 20′.
- Atenea García, Anónima, (18:30 horas) Duración:20′.
- (Descanso 30′)
- Artemisa Semedo, Benvid@a á Terra, (19:30) Duración: 20′.
- Ánxela Blanco e Mónica de Nut, Sexo ou as fillas do mar (20:00) Duración:15′.
- (Descanso 30′)
- Blanco&Roja, Pasescalabra (21:00) Duración:50′. Con María Roja, Alba Blanco, Iria Azevedo, Anabell Gago, Mai Insua, Atenea García e Marta Pérez.