Froito de máis de vinte anos de traballo, o Grupo de Investigación Valle-Inclán da USC (GIVIUS) presentou este martes na Facultade de Filoloxía o Archivo Digital Valle-Inclán (1888-1936) , que contén o fondo documental, bibliográfico, iconográfico e gráfico do escritor, con 4.500 documentos e 80.000 imaxes dixitalizadas. En versión trilingüe galego-español-inglés, o Arquivo pode consultarse de maneira libre.
O fondo bibliográfico e documental do GIVIUS, que constitúe a orixe e soporte do Arquivo Dixital Valle-Inclán, é produto da adquisición paulatina das obras do autor publicadas en vida –hoxe na Biblioteca da USC–, e da persistente indagación hemerográfica en bibliotecas locais, estatais e internacionais, que permitiron recompilar una extensa tipoloxía de material textual, iconográfico e gráfico, fundamental para reconstruír e documentar episodios biográficos de Ramón del Valle-Inclán, o seu pensamento estético e político, o peculiar proceso de escritura e publicación das súas obras, así como trazar a traxectoria e posición da produción valleinclaniana no campo literario do seu tempo.
No acto de presentación, que presidiu o vicerreitor de Investigación e Innovación, Vicente Pérez Muñuzuri, interviñeron a profesora Margarita Santos Zas, directora da Cátedra Valle-Inclán USC e do grupo de investigación que dende 1994 traballa no proxecto; a decana da Facultade de Filoloxía, María José López Couso; a xestora do Archivo Digital Valle-Inclán, Carmen Vílchez; o director do CESGA, Manuel Mauro Fernández; a profesora da Universidade da Coruña e membro do Grupo de investigación Laboratorio de Bases de Datos (LBD), Ángeles Saavedra Places; e María José Malmierca, do CESGA.
Arquivo dixital de autor
O modelo de arquivo dixital de autor empregado deseñouse para analizar a complexa obra de Valle-Inclán, que describe a produción do escritor vilanovés e permite reconstruír tanto a secuencia creativa dun texto como a súa múltiple rede de relacións profesionais e artísticas. A sistematización e explotación dese vasto corpus requiría a posta en marcha dunha base de datos e o desenvolvemento dunha ferramenta web que permitise a catalogación, visualización, consulta e exportación da información, algo posible grazas ao traballo do grupo Enxenio-LBD da Universidade da Coruña e do Cesga, onde se aloxa o Arquivo Dixital. 4. O LBD atesoura unha ampla experiencia na creación de bases de datos e sistemas de información así como de bibliotecas dixitais e recuperación da información no campo específico das Humanidades. Precisamente o auxe das humanidades dixitais foi posto en valor polo vicerreitor Pérez Muñuzuri, que avanzou que se trata “dunha das liñas estratéxicas en investigación da USC”.
A directora do grupo Valle-Inclán fixo no acto un relatorio secuencial do proxecto dende os seus inicios. “Cando nos reunimos coa empresa Enxenio-LBD e nos preguntaron que era o que queríamos conseguir coa arquivo respondémoslles cun ‘todo’”, contou. E, en efecto, “agora calquera persoa interesada poderá gozar coa iconografía ou as ilustracións, baixar as obras orixinais, importar citas textuais para traballos de investigación, achar os xornalistas que o entrevistaron, os ilustradores dos seus libros, os artistas que o retrataron, as institucións e os organismos que frecuentou, os xornais onde publicou…”, explicou a profesora Santos. “En definitiva –dixo– o noso obxectivo é devolverlle á sociedade o que nos prestou con fondos públicos”.
O Arquivo non é, por tanto, simplemente un repositorio ou biblioteca dixital da obra do escritor, senón que constitúe un potente recurso de investigación grazas ao modelado de datos e ao buscador avanzado implementado, que permite, entre outras posibilidades, obter nunha consulta a historia textual dunha obra, rastrexar concordancias ou o visualizar a rede de máis de 2.000 suxeitos tecida polo escritor cos axentes e organismos consignados.
Amplo equipo
O equipo interdisciplinar que levou a cabo o deseño e construción do Arquivo foi dirixido no ámbito académico por Margarita Santos Zas e integrado por Rosario Mascato Rei, Francisca Martínez Rodríguez e Carmen E. Vílchez Ruiz, quen, ademais, realizou os labores de coordinación co equipo informático do Laboratorio de Bases de Datos da Universidade da Coruña dirixido por Ángeles Saavedra Places e Eduardo Rodríguez López. No ámbito académico tamén foi fundamental o traballo de procura, compilación e sistematización do fondo documental desenvolvido por Javier Serrano Alonso.
O Arquivo Dixital Valle-Inclán é unha realidade grazas ao financiamento dun Proxecto de Investigación do MICINN e ás axudas concedidas ao GIVIUS en dúas convocatorias consecutivas do programa Grupos de Consolidación e Estructuración de Unidades de Investigación Competitivas da Xunta de Galicia.
Link ao Archivo Digital Valle Inclán.