Afundación, a Obra Social de ABANCA, presentou a súa Tempada de Teatro de xaneiro a maio no Teatro García Barbón (Afundación) de Vigo. Os abonos estarán dispoñibles do 20 de decembro ao 13 de xaneiro. | Foto. Matteo Bertolino |
Abrirá a tempada Eroski Paraíso, unha produción de Chévere dirixida por Xesús Ron e interpretada por Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Cristina Iglesias e Fidel Vázquez. Gran triunfadora nos Premios María Casares de 2017, representarase o 18 de xaneiro ás 20:30.
A seguinte obra será Fedra, dirixida por Luís Luque e protagonizada por Lolita Flores, Juan Fernández, Críspulo Cabezas, Eneko Sagardoy e Tina Sainz, que poderá verse en escena o próximo 10 de febreiro ás 19:30. Paco Bezerra é o autor desta versión aclamada pola crítica española e que xa se puido ver no Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo.
A tempada continuará con Señora de rojo sobre fondo gris, de Miguel Delibes, dirixida por José Sámano e protagonizada por José Sacristán no papel dun pintor, con moitos anos no oficio, sumido nunha crise creativa. Será o 24 de febreiro ás 19:30.
O 8 de marzo, a partir das 20:30, poderase ver Auto de los inocentes, dirixida por José Carlos Praza e interpretada por Fernando Sansegundo, Israel Frías, Pepa García, Montse Peidro, Sonia Goméz Silva e Jorge Torres. A obra narra a historia dunha familia siria formada por un pai e os seus dous fillos, que perde á nai na súa travesía polo Mediterráneo e que ao chegar ao campo de refuxiados sofre un problema burocrático que augura unha posible separación dos seus membros.
Si no te conociese, de Sergi Belbel, será a seguinte obra incluída no cartel desta tempada. Marta Hazas, Unax Ugalde, Ana Cerdeiriña e Óscar Jarque presentarán esta produción de Outubro e o Centro Dramático Nacional o 24 de marzo ás 19:30.
O 27 de abril, ás 20:30 representarase o clásico francés Cyrano de Bergerac de Edmond Rostand, dirixida por Alberto Castrillo-Ferrer e con José Luis Gil, Ana Ruiz, Álex Gadea, Alberto Castrillo-Ferrer, Rocío Calvo, Ricardo Novo, Carlos Heredia e Javier Ortiz no elenco.
A tempada continuará con Cinco horas con Mario, de Miguel Delibes, dirixida por Josefina Molina e interpretada por Lola Herrera. Será o 8 de maio a partir das 20:30. Mandíbula afilada, de Carles Alberola, pechará a Tempada de Teatro o 23 de maio ás 20:30. Dirixida por Mario Hernández e protagonizada por Jon Plazaola e Noemi Ruiz, achégase á crise dos trinta e reflexiona sobre como crecemos, se buscamos desesperadamente volver ser nenos ou que espera a vida de nós.