| Texto: Raúl Dans |
A literatura é unha forma de conversación. “Ler libros bos”, dixo Descartes, “é como conversar coas mellores mentes do pasado”. Simplificando, a literatura é unha maneira de coñecer xente.
Coñecín a Gustavo Pernas na Coruña, nas portas de Vídeo Galicia, un dos estudios fundacionais da dobraxe en Galicia. Presentoumo o seu irmán, Miguel, e gustoume desde o primeirísimo momento, como diría Jonathan Franzen de David Foster Wallace ao falar da carta coa que iniciaron unha amizade que, durante un tempo, tivo ben poucas probabilidades de chegar a callar.
Estaría usurpando un lugar que non me corresponde no entorno afectivo de Gustavo se dixese que eramos amigos no sentido pleno do termo. Nunca cheguei a formar parte do seu círculo íntimo nin moito menos. Nunca botamos torpes partidas de xadrez, nin xogamos ao tenis xuntos, como Franzen e Wallace. Pero creo que non lle falto á verdade se digo que Gus e eu nos tiñamos un particular cariño e unha simpatía mutuas. Paradoxalmente, no meu caso ese aprecio foi medrando conforme empezamos a deixar de vernos a miúdo, talvez debido á pátina de nostalxia que o paso do tempo lles imprime a todas as cousas, dándolles un brillo e unha intensidade especiais.
Daquela, cando Gus e eu nos coñecemos hai preto de trinta e cinco anos, el viña de lincenciarse en Historia da Arte e aínda non escribira ningunha das súas obras. Eu tampouco. Eu nin sequera imaxinaba que chegaría a facelo. Talvez Gus si. Tiña cinco anos máis ca min, era un tipo culto e posuía unha visión xa moi formada do mundo. Moi probablemente, tamén do seu futuro. Gus tiña ideas, conviccións, e un discurso combativo e comprometido ben estruturado –como de irmán maior- que eu temía non chegar a posuír nunca.
Estou seguro de que Gus si comprendía de verdade xa daquela os fundamentos do materialismo dialéctico enunciado por Marx e Engels, por poñer un exemplo. Cando falaba da Primeira Guerra do Golfo facíao con autoridade, e Derrida e o Situacionismo parecían non ter segredos para el.
Gus pertenceu ao mundo da dobraxe durante moitos anos. Foi case unha década de contacto diario nos estudios. A finais dos noventa do século pasado a gran purga do sector en galego e a caída dos prezos en castelán, botárono da profesión. Entón gañou unha praza como docente na Escola de Imaxe e Son da Coruña, e así acabou coa preocupación que lle ocasionaba o permanente estado de inestabilidade laboral do oficio da interpretación. Foi unha época frutífera para el: escribiu e puxo en escena unha decena de textos que tamén publicou. Un día, hai uns anos, o fastío da loita contra un sistema teatral cada día máis miserento –que condicionou (sería absurdo obvialo) moitas das escollas estilísticas de Gus como autor teatral, conducíndoo cara aos logomonos da súa última época-, botouno, dicía –o fastío da loita-, tamén da escena galega e el e Ánxela, a súa muller, pecharon Áncora Producións, a compañía que crearan en 1989.
Nesas dúas décadas, Gus construíu unha obra poderosa e persoal que contribuíu dunha maneira capital a sancionar a madurez da escena e a literatura teatral galegas.
Gus era un tipo cordial e educado, amosábase amable e compracente con todo o mundo. Até certo punto, claro. Nunha ocasión, saíndo dunha das salas de Vídeo Galicia, Gus viu algo que lle sorría con cara de circunstancias desde o chan enmoquetado do corredor que conducía á sala de espera. Alguén perdeu a dentadura postiza?, preguntou. Si, contestou a voz de Juan Guisán, director de dobraxe e un dos fundadores da profesión en Galicia, é miña, tráema, por favor. Disque Gus foi taxativo: Era boa, sae e cóllea ti!
Si, Gustavo era moi escrupuloso. Todo hipocondríaco o é.
É imposible non recoñecelo no personaxe de Adolfo Bile en Anatomía dun hipocondríaco. Gustavo pon na boca da Doutora Falla unha descrición perfecta do suxeito: “Ten os ollos ben espertos… Tamén ten o arco ciliar apuntado, o nariz recachado, a fronte despexada, os pómulos saíntes e o queixo retraído.” Estou seguro de que Gus levaba barba para darlle ao seu queixelo a firmeza que non tiña e que esixía ese discurso seu de voz potente e hiperbólica expresividade.
En certa ocasión –creo lembrar que foi na presentación dun libro de Manuel Vieites sobre a dramaturxia galega- Gus faloume do moito lle impresionara A morte de Iván Ilich, de Tolstoi. De feito, esa lectura fixérao caer nunha depresión. Eu mesmo estaba sumido nunha depresión nese momento e non se me ocorreu nada mellor que compartir con el unha perla de sabedoría que adquirira coa miña propia experiencia: a cousa mala –como lle chamaba D.F. Wallace á depresión- vainos acompañar sempre, pode haber períodos brancos, períodos prolongados cos nervios baixo control, pero sempre estará aí. Que malo, contestoume el, palidecendo e cun riso nervioso, poñéndose se cadra un pouco máis dereito do que xa andaba sempre, botándose para atrás, mellor dito, nun xesto como de hipermetrope moi característico del.
Por suposto, eu non quería ser malo. Polo menos non naquela ocasión. Porque é certo que o humor que eu gastaba con Gus, e do que Gus gozaba mesmo cando era el o obxecto da miña mordacidade, adoitaba ser bastante malicioso e nada correcto. Lémbroo dicíndome que malo!, ou que bruto!, ou ala! en máis dunha ocasión. A min gustábame escandalizalo con toda clase de barbaridades. Era moi impresionable e bastante inocente, e iso facíao moi entenrecedor.
Tiveron que pasar case dez anos desde a estrea do seu primeiro texto dramático, O galego, a mulata e o negro, até que este foi editado en 1999. Aquela foi para el unha longa espera. Gus amaba a literatura e creo que no fondo, máis que como actor ou director teatral, querería que o lembrasen primeiramente como home, penso eu, pero a continuación como autor dramático. É dicir, como escritor.
Despois dos seus primeiros textos, fronteirizos máis ca nada no plantexamento escénico, Gustavo foi conducindo tamén a súa escritura con teimosía cara a esa beira da literatura onde apenas hai rastro diso que se chama trama, os personaxes carecen de identidade e ou non teñen obxectivos definidos, ou estes son francamente pouco ambiciosos, como conseguir que lles dea unha raiola de sol no rostro, en Isóbaras. Máis que personaxes, son cobaias nese laboratorio que é o espazo escénico.
No teatro de Gus non aparecen de súpeto fantasmas do pasado para poñelo todo patas arriba e tampouco cómpre descubrir quen fixo que, nin por que razón. As preguntas son quen somos, que facemos aquí e será Deus ese que nos observa? O de Gus é un teatro de accións mínimas que case nunca conducen a nada. Fóra toda progresión dramática, fóra clímax. É un teatro da conversación, como apuntou Anxo Abuín, que tende á abstracción e ao absurdo. Os apuntamentos naturalistas na súa obra parecen erros non forzados dun partido de tenis moi competido. E se lles poñemos un nariz de pallaso aos seus personaxes? Diríase que nada da súa proposta dramática se perverte.
Gus segue case ao pé da letra os preceptos da ortodoxia de vangarda, así que no fondo é todo un clasicista. Tamén é moi europeo. E urbano.
A través da súa obra, Gus conversa –en virtude desa forma xa plena de diálogo que a literatura establece entre escritores- con algúns dos máis grandes referentes da modernidade: Kafka, Beckett, Ionesco, Jarry… Bota extensas paroladas con Arrabal, e non tanto con Pinter ou o seu admirado Sanchis Sinisterra. E que non me esqueza Fellini.
Hai quen quere ver na escritura de Gus a pegada do cine (un cine sen elipses?), como se ter unha escritura unicamente teatral soubese a pouco ou fose un demérito. Gustavo apela aos nosos límites naturais, ao clima e á nosa forte tradición oral “quentada ao pé da lareira” para explicar o seu teatro, un teatro que adoita suceder na cabeza dos personaxes, como as boas novelas, polo que estariamos máis preto dunha verdade obxectiva dicindo que Gus toma elementos da linguaxe narrativa, e non tanto da cinematográfica. Pero se por algo se caracteriza a súa obra é por ser teatral case até a extenuación.
Como afirma Harold Bloom n´O canon occidental “todo escritor ambicioso sae á area só no seu propio nome” e saír á area quere dicir saír a combater. A Literatura é unha Historia de confrontacións, o campo de batalla dunha loita agónica contra todo e contra todos: contra os predecesores, contra os coetáneos e tamén contra os escritores do futuro. A loita é tamén contra un mesmo. Contra as túas limitacións, esas que a fin de contas determinan o teu estilo, e contra as túas supostas virtudes. Contra a túa obra presente, contra a pasada e contra a que ha de vir. Unha loita por ser amado, admirado, recoñecido. Por impoñer a túa visión, por permanecer na memoria da xente e que as túas obras, como arelaba David Foster Wallace, se sigan lendo dentro de cen anos.
Tampouco creo que lle falte á verdade nesta ocasión se afirmo que entre Gus e eu existía un vínculo de rivalidade nunca expresado. Sei que non me engano polo menos no que me atinxe a min. Parte da miña obra medrou sobre os alicerces desa competitividade secreta que eu polo menos si que sentía. En máis dunha ocasión, mentres escribía, pensei en Gus e pregunteime se aquilo no que estaba a traballar sería bo abondo para sorprendelo e, por que non, superalo.
Ás veces atopabámonos casualmente con Gus e Ánxela nas rúas da Coruña. Unha tarde de Reis na rúa Alfredo Vicenti; aquela outra ocasión na entrada do cine Riazor –Irene e eu dubidabamos como chamarlle á nosa segunda filla e despois daquel encontro decidimos poñerlle o nome de Ánxela-; en Santa Cristina unha tarde de outono, xa de noite… E aquela vez, non lembro onde exactamente, pouco despois de sufrir eu un cólico nefrítico. Fíxenlle unha descrición detallada do episodio e case esvae no chan só de pensar que lle puidese pasar a el. Esa vez si que fun algo malo, admítoo. Pero Gus sobrepúxose ao susto e convidounos a velo en Snakizados. É un monólogo dunha escritura portentosa, puro nervio. E Gus estaba cheo de enerxía.
Máis que gabar a súa obra –que non necesita de min para defenderse- ou as súas capacidades como actor e director, creo que o mellor e máis sentido tributo que lle podo render a Gus como artista é confesar que cada unha das miñas obras está escrita tamén contra el. Se cadra eu non estiven á altura, pero para min Gus foi un gran rival.
No persoal, só podo dicir que vou estrañar aqueles encontros fortuítos nas rúas da Coruña. Aínda tiñan que quedarnos algúns.
Non sei, Gus, cen anos é moito tempo. Para todos. Pero, parafraseando a Kerouac, ti fixeches o que estaba na túa man –que non foi pouca cousa-, así que por que preocuparse? Non sei se escribimos para que nos queiran ou para que, o que si sei é que ti para iso non necesitabas escribir nin unha palabra: a xente queríate.
Poida que os amigos, como escribiu recentemente Inma López Silva, non se convertan en tinta cando se van para sempre. Parte de razón non lla quito. Tampouco lla quito a Nietzsche cando di que “cando encontramos palabras para algo, é que xa está morto nos nosos corazóns”. Afortunadamente, talvez eu non dese coas palabras exactas para expresar o pracer que supuxo que Gus formase parte da miña vida. Do que si estou certo é de que unha gran parte do home que foi está na súa obra. E iso non morrerá nunca.
A Coruña, 19-XII-2018