in

Service No. 5: Dare to Keep Kids Off Naturalism

Linder02 cópia |

O ollo do observador

| Manuel Xestoso |

 


Capa95 |
O número 95 da erregueté | Revista Galega de Teatro comeza hoxe a distribuírse para chegarvos como agasallo de Nadal. As persoas subscritoras terédelo axiña na casa; as que aínda non vos suscribistes, estades a tempo de facelo ou de encargalo nas librarías. Esta crítica do espectáculo de Adam Linder que se puido ver na Fundação Serralves do Porto é un adianto do que vos poderedes atopar xunto con outros moitos contidos.

 


O primeiro que o visitante atopa é o contrato que Adam Linder asinou coa Fundação Serralves, no que se especifican os «servizos» que a compañía do primeiro prestará á segunda, cun nivel de detalles técnicos e legais que está a medio camiño entre o regulamentario e o paródico. Non obstante, hai algunha cláusula que indica que o nivel abaneará cara ao paradoxal, xa que, se por unha banda se trata de describir coa maior precisión o comportamento dos bailaríns, pola outra infíltrase a idea de que a ficción será a que rexa o evento.

Non é un detalle menor, xa que, ademais de apuntar a cuestións que atinxen –e reformulan– ao xeito de observar un espectáculo que ten lugar nun espazo en principio construído con outra finalidade, advirten de que esa ficción levará a función cara a unha teatralidade que enmascara a «verdade» que se supón que o visitante dun museo tratará de atopar nas obras alí expostas.

A obra de Adam Linder é unha desas ás que os xornais tratan de aplicar a fórmula «rompedor» ou «iconoclasta». Mais o certo é que o coreógrafo procede dunha formación clásica no Royal Ballet e que bailou co Nederlands Dans Theater, coa compañía de Michael Clark e coa Bonachela Dance Company. O clásico non constitúe en si mesmo unha etiqueta senón que concirne unicamente ao estilo e iso nótase en Service No. 5: Dare to Keep Kids Off Naturalism, na que a elegancia formal non abandona nunca unha proposta que non deixa de arriscar nas múltiples arestas que posúe.

Os catro bailaríns, que interpretan a obra durante cinco horas, toman a galería para crear unha serie de tableaux vivants de contido enigmático pero cun sentido que reta as nocións básicas de miímese e representación, para introducir dúbidas no visitante da galería. As primeiras preguntas que asaltan ao espectador incumben á duración: debemos acomodarnos e tratar de contemplar a totalidade da representación malia que o minimalismo dos movementos non indica en ningún momento unha progresión dramática no sentido máis convencional do termo? Pode o observador aprehender o sentido dunha obra de varias horas asistindo a ela durante uns poucos instantes? Son preguntas pertinentes en tempos en que a fruición da obra foi substituída polo consumo cultural.


Publicidade

Pero ademais, o desafío de Linder implica unha reformulación do teatral: a frase máis repetida nos textos que escoitamos en off é «We are not your mirror». A teoría do realismo de Stendhal da arte como espello acusa o reto que lle apón un monllo de bailaríns cuxas accións, ás veces absurdas, resisten o discurso do efecto realidade e insinúan que hai unha certa narrativa subterránea nesa reivindicación do formal que se nos mostra. Ante a distracción permanente que nos circunda, a contemplación da obra e a vulneración do tempo convencional transforma a mirada para devolvernos o relato do sagrado que a arte posuía antes de caer nas mans da industria cultural.

Por suposto, é a experiencia case escultórica –na que non se debe esquecer o papel principal da banda sonora de Steffen Martin– dos corpos na execución da coreografía a que ocupa esa xuntura entre o plástico e o conceptual nunha sutil e paulatina deconstrución do movemento que leva a crear a expectación ante unhas formas que o espectador debe ordenar e reconfigurar. Nese movedizo terreo entre a danza, o teatro, a instalación e a performance, Linder demostra que se pode traballar con ideas que subverten a orde tradicional sen perder de vista a exquisitez formal e o alento poético.

 

Service No. 5: Dare to Keep Kids Off Naturalism, de Adam Linder.

Dirección e coreografía: Adam Linder.
Elenco: Leah Katz, Justin F. Kennedy, Noah Ramadan, Stephen Thompson.
Son: Steffen martin
Figurinos: Adam Linder e Natalia Gattini.

Fundação Serralves, Porto. 25 de marzo de 2018.

Manuel Xestoso

Manuel Xestoso

Crítico cultural e escritor. Traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e colabora en publicacións como Grial, Faro de Vigo, Sermos Galiza ou Nós Diario, entre outras. Foi subdirector da Erregueté dende 2016 ata 2020. Publicou Antón Reixa. Ghicho distinto, xunto a Xosé Cid Cabido (Xerais, 2012), e o volume de poemas As ruínas de Europa (Galaxia, 2017).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

DansPernas |

A arte da conversación, por Raúl Dans

Aguratrat |

Os Domingos do Principal de Pontevedra fan vinte anos