Inspirándose na peza de Samuel Beckett Á Espera de Godot, Jorge Louraço Figueira presenta no Teatro Carlos Alberto (TeCA), entre os días 9 e 13 de xaneiro, o espectáculo À Espera de Beckett ou Quaquaquaqua. Estreada en novembro de 2017, a peza cruza lembranzas de personaxes de teatro con feitos históricos, facendo unha homenaxe especial a Francisco Ribeiro, coñecido como Ribeirinho.
O ano de 1959 centra o espectáculo, sendo a data en que Ribeirinho dirixiu por primeira vez o clásico de Beckett –peza que, hai agora sesenta anos, foi tamén estreada no Porto, precisamente no Teatro Nacional São João. Polo medio sublíñase tamén un importante “accidente” biográfico real: a presenza do dramaturgo franco-irlandés en Portugal, cando se refuxiou no Hotel Cidadela, en Cascais, e que Jorge Louraço Figueira desvía para a ficción, transformándoo nunha figura de À Espera de Beckett ou Quaquaquaqua. A peza culmina no ano de 1973, altura en que Francisco Ribeiro fixo chegar o seu espectáculo a Angola, presentándollo a colonos e militares.
Responsable do texto e a dirección, Jorge Louraço Figueira afirma que o espectáculo “é unha reflexión sobre a vontade de non facer nada e sobre o dilema entre desistir e perseverar”.
À Espera de Beckett ou Quaquaquaqua pode ser visto de mércores a venres, ás 21:00; o sábado, á 19:00; e o domingo, á 16:00.