O Auditorio Constante Liste de A Ramallosa (Teo) acolle esta fin de semana unha mostra conxunta de Goldi Libre, Salvador e Anatomía dunha serea, os tres espectáculos creados ata o momento dentro da Berberecheira, o laboratorio de creación de Chévere.
Ademais, para documentar os traballos realizados ata o momento, Chévere vén de editar o libro Berberecheira, que reúne os textos dos tres espectáculos xunto cunha serie de materiais fotográficos e escritos. O obxectivo deste volume é recoller o proceso de creación das obras e deixar así un rexistro escrito dunha arte efémera como é o teatro.
A Berberecheira é un laboratorio de creación escénica promovido e xestionado polo grupo Chévere, que forma parte do plan de residencia desenvolvido no concello de Teo. Unha iniciativa que utiliza como soporte a estrutura, os medios, o coñecemento, a experiencia e a proxección dunha compañía veterana como Chévere, para apoiar proxectos de creación innovadores que desbordan o núcleo estable do grupo e ampliar así as voces e as poéticas vencelladas ao percurso artístico de Chévere. Nestes primeiros anos, a Berberecheira centrou o seu interese en proxectos escénicos que documentan experiencias e historias persoais, contadas en primeira persoa e conectadas con acontecementos colectivos.
Os espectáculos producidos na Berberecheira caracterízanse por:
- o rigor no tratamento das fontes documentais,
- a exposición de experiencias persoais que conectan con problemas e feitos colectivos,
- a narración en primeira persoa,
- a investigación sobre o teatro autobiográfico,
- a xestión colectiva do proceso de creación,
- a apertura do proceso de investigación á participación doutros axentes creativos, técnicos e sociais,
a veracidade dos feitos narrados, - o establecemento dun pacto claro co espectador en relación á verdade e á ficción,
- a exploración de rexistros, soportes, narrativas e formas escénicas innovadoras.
Goldi Libre: autorretrato dun insubmiso preso nos cárceres de Felipe González é un traballo de teatro documento sobre o movemento de insubmisión dos anos 80-90 do século XX en España, sobre as persoas que formaron parte do mesmo e sobre a súa exitosa estratexia de desobediencia e confrontación non violenta co aparato do Estado. Goldi Libre fíxose a partir da memoria, a experiencia e o testemuño de César Goldi, veciño de Teo e actor que en 1993 foi condenado a 2 anos, 4 meses e 1 día de prisión por negarse a realizar tanto o servizo militar como a prestación social substitutoria. Cumpriu a condena no cárcere da Coruña.
En escena: César Goldi. Dramaturxia, dirección: Xron. Xefa de produción/asistencia dirección: Patricia de Lorenzo. Escrita: César Goldi, Xron, Manuel Cortés. Escenografía, atrezzo, vestiario: Berberecheira. Deseño de iluminación: Fidel Vázquez. Espazo sonoro: Xacobe Martínez Antelo. Comunicación: Xana García.
Salvador é unha obra de Borja Fernández para un actor/músico e unha video jockey/manipuladora de obxectos, a medio camiño entre o documental e a ficción teatral, na que se combinan texto, movemento, música en directo e proxeccións de vídeo. Salvador trata sobre os movementos migratorios, as desaparicións e os reencontros, centrando o seu interese nos casos de homes casados que emigraron sós a mediados do século pasado a Suramérica e no impacto da súa ausencia na configuración das comunidades locais, das familias e dos seus descendentes. Salvador investiga especificamente a misteriosa figura de Benito Fernandes Meirinho, avó paterno de Borja Fernández, que emigrou a Brasil en 1959 e nunca máis volveu.
Idea, creación e actuación: Borja Fernández. Dirección: Borja Fernández, Uxía Vaello. Asistencia dirección: Diego Anido. Asistencia dramaturxia: Cláudio Dias. Textos: Borja Fernández, Manuel Cortés. Audiovisuais e iluminación: Laura Iturralde. Espazo sonoro: Borja Fernández. Vestiario: Uxía Vaello. Produción: Borja Fernández.
Anatomía dunha serea é unha peza de teatro documental e autobiográfico, construída sobre a memoria e a experiencia persoal da actriz Iria Pinheiro como muller, como nai e como vítima da violencia obstétrica. Unha muller que leva no seu corpo a pegada da violencia obstétrica sufrida durante o parto, narra a súa historia dun xeito directo, aberto e autocrítico. Un relato construído mentres a ferida segue aberta, porque as secuelas aínda non foron reparadas e o seu testemuño terá toda a visceralidade propia dun caso aberto. Anatomía dunha serea fala das condicións nas que se dá a vida na sociedade actual, de como concibimos a maternidade nun mundo dominado pola lóxica do beneficio económico, de como asumimos a violencia contra as mulleres dentro dun hospital ou dunha sala de partos. Fala de violencia de xénero en lugares insospeitados. Da falta de respecto pola intimidade nas contornas sanitarias e de certos tabús que persisten na sociedade hoxe e aquí.
Actriz protagonista: Iria Pinheiro. Escrita: María Lado, Iria Pinheiro. Dramaturxia, dirección: Xron. Escenografía, atrezzo e iluminación: Suso Jalda. Fotografía e cartel: Paula Pez. Comunicación: Xana García. Xefa de produción e asistencia de dirección: Patricia de Lorenzo. Espazo sonoro: Xacobe Martínez Antelo.