Desenvolverase do martes 19 ao venres 22 con compañías galegas, de Italia e Lituania.
O Festival Internacional de Teatro Universitario de Compostela alcanza este ano a súa vixésimo quinta edición cunha nova programación que se desenvolverá entre o martes 19 e o venres 22 coa participación de compañías galegas, de Italia e Lituania. Organizado pola Aula de Teatro da USC, o festival conta un ano máis co respaldo da Deputación da Coruña.
O Festival subirá o pano o martes 19 da man da Compañía da Aula de Teatro da USC coa representación de A muller que tiña medo e marchou vivir ao Carrefour, cunha duración de 47 minutos. A obra propón unha reflexión sobre o medo e como este pode condicionar a vida das persoas. A partir de textos e dirección de Roberto Salgueiro, ten unha duración de 47 minutos e é apta para todos os públicos. O reparto intégrano, por orde de intervención, Lara Pouso, Xiana Fole, Antía González e Inma Fernández. Completan o elenco Gerardo Fuentes (cartel e programa) e Javier López Jorge (piano).
O mércores 20 subirá ao escenario un grupo da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia coa obra Para. Ela, dramaturxia elaborada a partir de textos de Eurípides, Calderón de la Barca e outros cunha duración de 60 minutos.
A Teatras Studija Palèpè Vilniaus Gedimino Technikos Universitetas de Lituania representará o xoves 21 a peza Icarus de Justinas Marcinkevičius. Terá unha duración estimada de 70 minutos e subtítulos en castelán.
Para completar o programa, o venres 22 Piccola Compagnia Impertinente de Italia interpretará The chinese whispers de Pierluigi Bevilacqua, cunha duración aproximada de 55 minutos.
Todas as representacións desenvolveranse no Teatro Principal ás 21.00 horas con entrada gratuíta previo paso polo despacho de entradas. As entradas poderan retirarse dende as 18.00 horas.