Os concellos da provincia da Coruña poderán escoller entre os 1.776 espectáculos que se inclúen no catálogo da Rede Cultural da Deputación da Coruña, unha cifra considerabelmente maior a do pasado ano xa que nesta nova edición a convocatoria abriuse a todas as compañías e produtoras galegas.
Case catrocentas propostas máis é o incremento que o catálogo da Rede Cultural da Deputación da Coruña experimenta nesta nova edición na que a oferta ascende a 1.776 espectáculos fronte aos 1.359 do pasado ano.
“A cantidade de propostas presentadas mostra que a Rede Cultural é un balón de osíxeno para o sector e un motor para a contratación no ámbito artístico ademais de unha ferramenta sólida para achegar a oferta cultural a todos os públicos, en especial, aos dos concellos de menos habitantes”, explica a vicepresidenta e deputada da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei.
“Escena ao vivo!”, a categoría profesional de artes escénicas e musicais, é o programa que máis espectáculos inclúe no catálogo da Rede Cultural da Deputación da Coruña dirixida á programación nos concellos. Máis da metade das propostas da oferta cultural deste ano pertencen a este apartado que inclúe un total de 1.076 espectáculos dos que 508 corresponden a teatro e monicreques, 513 a música e 55 a danza.
Un total de 136 son as películas que compoñen a oferta do programa “Visións!” destinado a promoción de cinema e contidos audiovisuais, unha nova aposta que ten, entre outros obxectivos, buscar espazos de distribución para as producións galegas.”Lingua á escena”, o apartado de espectáculos profesionais de música, teatro, danza, narración oral e monicreques con contidos específicos orientados á dinamización social da lingua galega para concellos duplica nesta segunda edición de existencia o número de propostas con 25 espectáculos.
Finalmente, o apartado non profesional, “Alicerce”, destinado á programación en concellos e entidades de compañías amadoras de música, danza e teatro ofrece un total de 529 espectáculos.
Desde a Deputación da Coruña animan aos concellos a participar na Rede Cultural que, segundo Goretti Sanmartín, significa unha “corresponsabilidade” da Deputación e os Concellos na programación cultural”. Destacou tamén o esforzo pola mellora das condicións de produción dos espectáculos xa que, desde a Deputación procuran que a Rede “sexa un exemplo de boas prácticas en xestión cultural con garantía de condicións óptimas de desenvolvemento dos espectáculos”.
Máis de dous millóns de orzamento da Deputación
Nesta nova edición, a área de Cultura da Deputación destina máis de dous millóns de euros á Rede Cultural que o pasado ano programou case dous mil espectáculos e proxeccións.
O orzamento da Rede Cultural ascende a 2.060.000 euros que achega a Deputación, cantidade que se incrementará coa parte que incorporan os concellos o que supón consolidar o programa que leva actuacións culturais a todo o territorio dos municipios da Coruña. A convocatoria incorpora tamén novidades no camiño da profesionalización da xestión cultural e da mellora das condicións de produción e distribucións dos espectáculos, tanto para o público como para as compañías e profesionais que participan na Rede Cultural.
A Deputación da Coruña achega o 75% do orzamento da programación do circuíto para concellos de menos de 5.000 habitantes, o 60% para os que van dos 5.000 a 10.000 habitantes, 50% para os que contan cunha poboación de entre 10.000 e 20.000 habitantes, un 40% para os que van de 10 a 50.000 e un 30% aos que superan os 50.000 habitantes. Para entidades, a Deputación achega o 70% do orzamento das actuacións do programa “Alicerce”.