Seis compañías daranse cita a partir do vindeiro mércores 13 de marzo sobre as táboas do Teatro Vidal Bolaño do campus de Vigo na 21ª edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario, Miteu. A Aula de teatro da USC será a encargada de erguer o pano desta edición da mostra coa representación de A muller que tiña medo e marchou a vivir ao Carrefour, dirixida por Roberto Salgueiro. A Aula de teatro universitaria de Ourense- Maricastaña, continuará coas representacións da Miteu o 3 de abril coa posta en escena de Implosións, drogas, pasma e outras cousas das que preocuparse, unha dramaturxia do seu director Fernando Dacosta, inspirada nos primeiros libros da saga Malaussène de Daniel Pennac. As representacións continuarán os días 24 de abril con Círculo da Aula de Teatro Universitario do Campus de Vigo; o 25 de abril con PARA. ELA. da ESAD; o 8 de maio con Papá está en la Atlántida da compañía mexicana Los Pinches Chamacos e finalizarán o 9 de maio con La construcción del muro de Teatro Espressivo de Costa Rica.
Todas as representacións comezarán ás 18.30 horas e a entrada é libre ata completar o aforo do do teatro.
Premios de Honra Marisa Soto para abrir boca
A Miteu botará a andar este ano coas propostas de dúas compañías que recentemente acadaron o Premio de Honra Marisa Soto que outorga a xunta directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia e co que se recoñece, en verbas da asociación “o inxente labor das aulas de teatro da USC e do campus de Ourense, Maricastaña, auténticas canteiras para a nosa escena profesional dende as súas respectivas fundacións a comezos dos anos 90 do pasado século”.
Con A muller que tiña medo e marchou vivir ao Carrefour, a partir de textos e dirección de Roberto Salgueiro, a Aula de Teatro da USC propón ás e aos espectadores unha reflexión sobre o medo e como este pode condicionar a vida. O elenco da obra, que abrirá este vindeiro mércores a 21ª edición da Miteu, está integrado, por orde de intervención, por Lara Pouso, Xiana Fole, Antía González e Inma Fernández. Completan o elenco Gerardo Fuentes (cartel e programa) e Javier López Jorge (piano). O 3 de abril a Aula de Teatro Universitario de Ourense porá en escena Implosións, drogas, pasma e outras cousas das que preocuparse, inspirada nos primeiros libros da saga Malaussène de Daniel Pennac. Baixo a dirección de Fernando Acosta, a obra estrutúrase nunha serie de historias interrelacionadas que se moven polo noir. A través da viaxe e vivencias de personaxes que habitan nos baixos fondos da cidade, e cun toque de humor negro, a intención da obra é achegar, segundo explica o director da aula, unha reflexión sobre a vida.
Dramaturxia con selo vigués no mes de abril
As representacións da Miteu continuarán o 24 e o 25 abril coa posta en escena das obras Círculo da Aula de Teatro Universitario do Campus de Vigo e PARA. ELA. da ESAD, respectivamente. Dirixida por Sonia Rúa e Casilda Alfaro, Círculo, obra do escritor Suso de Toro, aborda a esencia do ser humano e da volta a nós mesmos, dese recoñecernos no espello que é o “outro”, e no espello do outro que somos nós. Como di Nano, protagonista da obra de Suso de Toro: “A vida non é como un programa de televisión, todo moitas parvalladas e esas risiñas que poñen artificiais e todo moito no seu sitio (…) O teatro ten cousas que non ten ningunha outra cousa, como dignidade de plantarse sen escapar a correr”.
PARA. ELA. da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia é unha dramaturxia da docente María Francelina elaborada con fins pedagóxicos a partir dos textos En estado de espera de Santy Portela; Fedra, versión Paco Portela; Fedra de Eurípides; El alcalde de Zalamea de Calderón de la Barca; Para de Samuel Kiró e Dear Dad de Care Norway. A obra, que se representará o 25 de abril, é unha peza sobre o acoso e a violencia, noutra sociedade e con outra educación, que pretende xerar outro debate sobre a nosa realidade actual, facendo partícipe ás e aos espectadores, hoxe xuíces, e invitándoos a reflexionar dun xeito multifocal.
Propostas internacionais para baixar o pano
A cara máis internacional da Mostra Internacional de Teatro Universitario chegará ao campus de Vigo coas dúas últimas representacións, procedentes de México e Costa Rica o días 8 e 9 de maio, respectivamente. Papá está en la Atlántida, obra de Javier Malpica, que baixo a dirección de Esteban Castellanos, porá en escena a compañía Los Pinches Chamacos, é unha historia de orfandade , de amor, loita e solidariedade entre dous irmáns que emprenden unha viaxe para buscar ao seu pai nos Estados Unidos.
A Miteu baixará o pano o día seguinte coa posta en escena de La construcción del muro a cargo da compañía costarriqueña Teatro Espressivo. A obra de teatro escrita polo gañador do premio Pulitzer Robert Schenkkan, meses antes de que Donald Trump asumise o mandato como presidente dos EEUU, denuncia os discursos de odio contra as persoas migrantes da rexión, ao tempo que formula un panorama distópico de efectos que poderían estar máis preto do que o público imaxina. Para Natalia Rodríguez, directora executiva de Teatro Espressivo “na compañía reafirmamos o noso interese por poñer en escena obras que ofrecen lecturas de momentos históricos nos que se vulneran os dereitos e a condición humana. Esta obra é urxente e necesaria en momentos onde miles de migrantes se desprazan masivamente buscando unha mellor oportunidade”. O elenco da obra está encabezado pola artista guatemalteca Magdalena Morales e actor e produtor costarriqueño Antonio Rojas.