A AAAG trasládalle aos grupos parlamentarios a necesidade de instar á Xunta de Galicia para que inicie un proceso para dotar ao Centro Dramático Galego dun marco legal e dunha autonomía real que permita o seu normal funcionamento.
A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) reuniuse esta mañá cos grupos parlamentarios do PsdeG, En Marea e BNG para transmitirlles a preocupación polo esmorecemento e a burocratización do Centro Dramático Galego (CDG), institución de teatro público dependente da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). A vicepresidenta da AAAG, Mabel Rivera, na compaña de Roberto Pascual, director da Mostra Internacional de Ribadavia e vogal experto do Consejo Artístico de Teatro, da Comisión Executiva e do Consello de Estado de Música e Artes Escénicas, reuniuse con Ánxeles Cuña Bóveda, do Grupo En Marea; Concepción Burgo, do Grupo do PSdeG, e con Olalla Rodil do grupo do BNG, esta mañá no Parlamento. Co grupo do Partido Popular, a xuntanza está pendente de concretar a data para transmitirlle as mesmas inquedanzas.
Nas tres reunións de hoxe, trasladou a preocupación da AAAG, entidade sindical que reúne a gran parte da profesión e da dirección escénica, pola situación que atravesa o CDG nos últimos anos, definida pola baixa contratación de intérpretes, a escasa produción, as polémicas ao redor dos procesos de selección de elenco, a deriva administrativa, a burocratización ou a mingua das xiras de distribución.
Todas estas eivas foron denunciadas ao longo dos anos por parte da AAAG, dende que a Agadic decidiu na tempada 2016 instaurar un sistema de selección de elencos coa montaxe Tartufo, baseados na libre concorrencia e as leis que rexen a función pública, un marco legal que non se axusta á realidade do sector escénico nin ás particularidades laborais dos intérpretes. A AAAG, considerando que a lei debe adaptarse á realidade, denunciou ao longo destes anos as presuntas irregularidades que se produciron nos concursos públicos co afán de demostrar o imposible encaixe destes procedementos co sistema escénico. A AAAG tamén subliñou publicamente a situación dada na montaxe Divinas Palabras Revolution, no que o CDG optou por hibridar o proceso de contratación, de xeito que sete membros do elenco foron escollidos por concurso público, mais dous protagonistas foron contratados a través dunha compañía privada, producíndose así unha externalización de servizos.
Diálogo fallido
A AAAG, xa no 2017 alertou destas situacións e solicitou unha mesa sectorial entre a administración e as asociacións profesionais representativas do sector para abordar non só o procedemento de selección de elencos, senón o conxunto do funcionamento do CDG ao completo para dar conta dunha reivindicación reiterada nos últimos anos no sector: a refundación da institución pública de teatro, de xeito que conte cunha entidade xurídica propia, uns orzamentos de seu e unha independencia que poida encaixar o funcionamento público coas particularidades tanto artísticas como laborais do sector. A Agadic finalmente convocou esa mesa de traballo en 2018, non obstante atallou todo intento por abordar a problemática do CDG no seu conxunto, limitándose a procurar un parche aos procesos de selección de elencos.
Institucións análogas
A situación de burocratización que, a ollos da AAAG, afecta ao CDG non se circunscribe unicamente ao marco galego, xa que institucións análogas do estado atravesan situacións semellantes. É o caso do Instituto Nacional de Artes Escénicas y Musicales, instituto do que dependen institucións como o Centro Dramático Nacional ou a Compañía Nacional de Teatro Clásico, que o pasado mes de decembro viu como un grupo de traballo (conformado por representantes sindicais, as 14 direccións dos centros de creación artística, os vogais da Comisión Executiva Estatal das Artes Escénicas e da Música e a Unión de Actores) aprobou por unanimidade recomendar ao Ministerio de Cultura dotar o INAEM dunha lei propia e un calendario de desenvolvemento desta proposta. Deste xeito, vemos que noutros lugares do estado, con casuísticas se non iguais, si comparables, están a procurar solucións ao respecto do desaxustes entre marcos legais e o normal funcionamento de institucións públicas de creación artística.
A AAAG trasládalle así aos grupos parlamentarios a necesidade de instar á Xunta de Galicia a través da Cámara para que inicie un proceso semellante ao levado a cabo a nivel estatal para dotar ao Centro Dramático Galego dun marco legal e dunha autonomía real que permita un funcionamento que, hoxe por hoxe, está entorpecido, lastrando o seu desempeño, o seu prestixio e a súa conexión co público.