in ,

Comeza en Cangas o X Ciclo de Teatro Afeccionado do Morrazo

Citeamor2019 |
sdr

O martes 2 de abril arrinca no Auditorio Municipal de Cangas o X Ciclo de Teatro Afeccionado do Morrazo (CITEAMOR) cun programa que, agás o 16 de abril, se desenvolve todos os martes ata o 4 de xuño.

O pregón inaugural correrá a cargo da actriz moañesa Antía Costas ás 20.15 horas para continuar coa actuación de Avelaíña Teatro que presenta A ópera de a patacón, de Roberto Vidal Bolaño.

Nesta nova edición do CITEAMOR participan doce grupos de teatro, once deles da comarca. Do total, catro pertencen a distintas asociacións culturais (Grupo de Teatro Charaviscas, Os deslinguados, Petanaporta Teatro e Grupo de Teatro da Asociación Mulleres de Moaña), seis aos diferentes institutos (IES Johan Carballeira, IES María Soliño, Colexio Eduardo Pondal, IES Rodeira, IES As Barxas e IES Paralaia), un de integración DOA Furafollas Teatro mais o grupo convidado, Avelaíña Teatro de Pontevedra. Dentro da programación, a organización destaca o feito de que a metade dos espectáculos están escritos polos mesmos grupos tanto desde a creación colectiva como individual, algo que pon de relevo “a gran afección que hai no Morrazo non só pola interpretación senón tamén pola dramaturxia”.

Como vén facendo nos últimos anos, o CITEAMOR inclúe dous cursos de 8 horas dirixidos a toda a poboación: “Narrar co corpo, narrar coa palabra” e “Escachar coa comedia”. O prezo dos cursos é de 20 euros por persoa.

“Narrar co corpo, narrar coa palabra” é un obradoiro de creación escénica que terá lugar os sábados 6 e 13 de abril de 17:00 a 21:00 na Sala de Exposicións do Auditorio. Este espazo formativo parte do movemento e de textualidades para construír unha pequena acción escénica será impartido por Alfredo Rodríguez (director, actor-intérprete e pedagogo) e por Olga Cameselle (directora de movemento artístico, coreógrafa e bailarina-intérprete).


Publicidade

O segundo taller estará impartido por Areta Bolado, actriz cofundadora da compañía A Panadería, licenciada en interpretación pola ESAD de Galicia que recibiu en 2015 o Premio María Casares á Mellor Actriz Secundaria por PAN! PAN! Baixo o título “Escachar coa comedia”, o obradoiro que terá lugar os sábados 11 e 18 de maio, intentará “poñer patas para arriba a comedia e abrir as así as fiestras do humor”.

Por último, todos os martes o Ciclo contará con unha exposición de libros de teatro pertencentes ao Fondo Teatral María Casares para dar a coñecer ao público a colección existente na Biblioteca Central de Cangas.

CartelCiteamor2019 |

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Miteu2019Cartel |

A MITEU Ourense comeza este 25 de abril

Performa2019 |

IV Congreso Internacional ‘Performa’