in

A MITEU Ourense comeza este 25 de abril

Miteu2019Cartel |
A programación desenvolverase do 25 de abril ao 11 de maio.

 

A 24ª edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (Miteu) xa ten datas. Do 25 de abril ao 11 de maio, diversos escenarios da cidade, entre eles o campus de Ourense, acollerán unha intensa programación de 28 espectáculos nos que non só haberá teatro, senón tamén danza e música e que unha vez máis apostará non só por divertir ao público senón tamén por suscitar a reflexión sobre preocupacións sociais, como a migración.

A programación desta edición foi presentada este luns no Teatro Principal, destacando Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, como a Aula de Teatro Universitaria de Ourense, moi vinculada a esta mostra xa que comparten organización, o grupo Sarabela Teatro, recibiu recentemente o Premio de Honra Marisa Soto, concedido pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia en recoñecemento á creación de canteira e públicos que desenvolven.

Fernando Dacosta, director da Miteu, foi o encargado de presentar en detalle a programación, explicando como nesta edición serán 28 os espectáculos e 29 as representacións que haberá, abranguendo teatro de rúa, circo, teatro de actor e actriz, danza e música, buscando “a multidisciplinariedade”. Entre os grupos participantes, apuntou Dacosta, mestúranse grupos profesionais e non profesionais, sendo os primeiros un terzo dos participantes. Ademais dunha forte presenza de grupos galegos, entre eles as aulas de teatro das diferentes universidades, o director da Miteu salientou como haberá compañías de Portugal, México, Nicaragua, Costa Rica e Holanda e de comunidades autónomas como Madrid, Catalunya, Murcia, Castilla y León, Andalucía e Navarra.

Estes grupos, indicou, traerán diversión para o público pero tamén reflexión, salientando a presenza de temáticas como as migracións e a muller e a participación dun grupo con membros con capacidades diversas. Tamén subliñou Fernando Dacosta o retorno que a celebración desta mostra, que atraerá a arredor de 300 participantes, terá para a cidade de Ourense. Por último, recalcou, “isto é cultura. O que nos identifica como humanos”, destacando a importancia do teatro como aprendizaxe, viaxe, procura da emocións e capacidade de seguir aprendendo.

 

Actuacións das aulas da Universidade de Vigo

Nesta edición da Miteu actuarán para o público as catro aulas de teatro e a aula de danza do campus de Ourense e a aula da Universidade de Vigo. Así, a programación da 24 edición da mostra arrancará coa actuación o día 25 de abril da Aula Rosaura, que representará Indo e vindo no centro da cidade, e da Aula Cordelia, que levará ao Teatro Principal a súa peza O corpo estelar. O domingo día 5 de maio, será a quenda de Geppetto, a Aula de Teatro Infantil de Ourense, que representará Aprendiz de bruxa no Auditorio Municipal, e da Aula de Teatro da Universidade de Vigo, que levará ao escenario do Teatro Principal a súa obra Círculo. A Aula Maricastaña será a encargada de pechar esta edición da Miteu o sábado 11 de maio coa estrea de Implosións, drogas, pasma e outras cousas das que preocuparse no Teatro Principal. Por último, a aula de danza do campus, chamada Dou-tras, organizará a 9º Encontro de Danza Interuniversitaria.


Publicidade

 

Programación no campus

O campus de Ourense será tamén un dos escenarios que acollerá a programación desta Miteu. Así, o sábado 27 de abril a antiga capela acollerá a actuación de Citac, procedente de Coimbra, que representará Alba. E nela é que espelhou o céu e o sábado 4 de maio a programación continuará no campus co espectáculo El pueblo escogido, de Teatre de Pas, da Universitat de Lleida.

Tamén nas instalacións universitarias se celebrará o curso formativo desta edición da Miteu, que será ofrecido por Carlos Charly Vargas baixo o título “Construción de máscaras de cartón e introdución de máscaras á escena teatral”. A formación, que se desenvolverá o día 5 de maio, conta con 15 prazas e nela o actor e monicrequeiro de Costa Rica introducirá ás e aos participantes no mundo das máscaras e da comunicación a través delas.

 

Programa

ProgramaMITEU OUR19 |

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

ViravoltaPeDaCama |

Viravolta estrea ‘Contos ao pé da cama’ en Lalín

Citeamor2019 |

Comeza en Cangas o X Ciclo de Teatro Afeccionado do Morrazo