in

“As fillas bravas” de Chévere contra o cambio climático

asfillas bravas |
As Fillas Bravas, personaxes creados pola compañía Chévere, serán as protagonistas do evento climático organizado este ano no marco do proxecto Descarboniza! Que non é pouco… O espectáculo Bravas fronte ao cambio climático, que contará tamén coa participación do contacontos Celso F. Sanmartín, celebrarase no Teatro Principal o próximo 10 de abril.

 

As Fillas Bravas, son personaxes creados pola compañía Chévere, “tres mulleres que tocan e cantan o que lles peta como antes fixeron a súa nai, e a nai da súa nai, porque todas son fillas do vento, mulleres de andar a pé do toxo”. A súa participación no evento climático do Descarboniza! Que non é pouco… ten que ver co “papel destas mulleres como sustentadoras dunha memoria de baixa enerxía, dun pasado cheo de dificultades pero tamén de coñecementos tradicionais que poden ser moi útiles para afrontar os retos presentes e futuros do cambio climático”. No espectáculo teatral presentarán a súa experiencia vital e compartirán as súas reflexións como fillas, netas e avoas de mulleres bravas.

Bravas fronte ao cambio climático tamén contará coa participación do poeta e contacontos de Celso F.Sanmartín que “axudará a recuperar a memoria das prácticas cotiás con baixa enerxía”. Tamén participará un grupo de rapaces e rapazas do Centro Cívico de Conxo, que participan nunha liña de traballo do proxecto Descarboniza que aposta polo intercambio interxeracional”.

O espectáculo será o 10 de abril, a partir das 20:00, no Teatro Principal. A entrada será de balde, pero é preciso retirar previamente a invitación na propia billeteira do Teatro Principal, de martes a sábado en horario de 18:00 a 21:00.

 


Publicidade

Descarboniza! Que non é pouco…

O programa Descarboniza! Que non é pouco… conta na actualidade con máis dun cento de participantes, a maioría delas mulleres maiores. Neste curso, as actividades desenvólvense nos centros cívicos da Rocha, Vite, Sar, Bornais, Santa Marta, Lavacolla e Busto, co obxectivo de “organizar e acompañar a grupos de persoas que estean dispostas a descarbonizar os seus estilos de vida e reducir así as emisións de gases de efecto invernadoiro”. A principal novidade nesta edición do proxecto é que o Grupo de Investigación de Pedagoxía Social e Educación Ambiental da Universidade de Santiago formou aos traballadores e traballadoras da rede de centros cívicos, para que se encarguen de dirixir as actividades de xeito directo.

Ademais, o proxecto Descarboniza! Que non é pouco… vén de chegar a Donostia, grazas a unha subvención de 44.000 euros da Fundación Biodiversidade, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica. Na cidade vasca, o proxecto ten un carácter exploratorio e estase iniciando con tres grupos de traballo, dous de memoria e un de mulleres.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Running |

De Ste Xeito estrea ‘Running’ en Vigo

eroski paraiso |

A adaptación cinematográfica de ‘Eroski Paraíso’ abrirá o Festival de Cans