in

De Ste Xeito estrea ‘Running’ en Vigo

Running |

O Auditorio Municipal de Vigo acolle este venres, 5 de abril, ás 21:00, a estrea de Running, unha comedia da compañía De Ste Xeito, escrita por Esther F. Carrodeguas e interpretada por Stephy Llaryora e Sergio Macías.

Running, que dende a produtora definen como “unha suorosa comedia”, é a segunda colaboración de Carrodeguas con De Ste Xeito, despois de Loló e Mamá, estreada agora hai un ano tamén en Vigo.

Running presenta fillas e fillos de parellas anteriores. Nais divorciadas. Avós na residencia. Adolescentes co pavo. O pequeño coa crise dos 8. Os grandes coa dos 40, coa dos 50, coa dos 60. Clases de ioga para liberar o estrés, patinaxe artístico os luns, danza jazz os martes. E ser taxista. Das fillas, dos fillos, das fillas dos demais, do pai, da nai, da avoa, dos primos. E os deberes. Os deberes da escola e o resto de deberes. Deberes e obrigas. Coidar de todo e de todos menos dun mesmo. Como facer que as axendas cadren?

E por outra banda: de verdade quero comezar algo novo que poida supoñer máis deberes e menos pensar nun mesmo? Romeo e Xulieta tiñan as familias na contra dun amor prohibido. Xulia e Román aínda non saben se tanto se queren, pois as súas familias, as súas vidas, e os seus propios medos impiden brindar con esa primeira cervexa que podería facer nacer ou morrer o amor eterno.


Publicidade

En escena, unha actriz e un actor que terán que suar a camiseta para meterse na pel de todas as personaxes desta vertixinosa comedia.

 

FICHA

Compañía: De Ste Xeito Producións
Autoría e dirección: Esther F.Carrodeguas
Elenco artístico: Stephy Llaryora e Sergio Macías
Escenografía e vestiario: De Ste Xeito Producións e Esther F.Carrodeguas
Deseño de iluminación: Javier Quintana

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

MatarileCircoPulgas16 |

Ana Vallés, finalista do Premio Max á Mellor Dirección Escénica

asfillas bravas |

“As fillas bravas” de Chévere contra o cambio climático