Cinco compañías galegas e unha madrileña ofreceran un programa que combina propostas arriscadas con outras máis accesibles a todo tipo de público.
A Mostra Primavera en Danza de Carballo celebrará a súa décimo sétima edición do 26 de abril ao 12 de maio cunha carteleira que inclúe cinco citas coreográficas: Entresoños, de Fran Sieira (26 de abril); Pink Unicorns, de La Macana (27 de abril); Plastic, de Paula Quintas (3 de maio); La desnudez, de Daniel Abreu (4 de maio), e Gaia, de Entremans (5 de maio). Como peche especial, o 12 de maio terá lugar unha gala de baile tradicional a cargo da agrupación coruñesa Xacarandaina, que está a celebrar os seus corenta anos de historia.
O Pazo da Cultura volverá ser o escenario dos espectáculos -cinco de compañías galegas e un da madrileña de Daniel Abreu-, nun programa que combina propostas arriscadas con outras máis accesibles a todo tipo de público. A XVII Primavera en Danza inclúe outras actividades complementarias de achegamento á danza contemporánea, que comezaron o pasado 6 de abril coa masterclass “A contemporaneidade no baile tradicional”, que Fran Siera impartiu no local social de Berdillo.
Ademais, o festival sairá do Pazo da Cultura e presentaranse dous espectáculos de sala en espazos públicos de Carballo: o martes 23 de abril La Macana visitará os institutos do concello e o 3 de maio será a compañía de Paula Quintas quen avanzará Plastic no xardín municipal (13 horas). E, como en anteriores edicións, ao remate de cada función terá lugar un encontro dos espectadores cos coreógrafos e directores.
As entradas individuais custarán entre 2 e 4 euros, e os bonos, 16 euros o ordinario e 14 o reducido (para maiores de 60 anos, menores de 12 e titulares de carné de estudante). Poden adquirirse anticipadamente desde hoxe en www.ticketea.com e no teléfono 902 044 226, ou de xeito presencial na billeteira do Pazo desde unha hora antes do comezo de cada función.