in ,

Xose Prada gaña o Premio Platta de Teatro Breve – Galicia

teatroo |

Xosé Prada acadou o I Premio Platta de Teatro Breve – Galicia coa peza Morreu a tía María. O texto será publicado na colección PLATTA en galego, castelán e portugués, dentro das actividades da Plataforma Transfronteiriza de Teatro Amador.

O xurado estivo composto por Joan Giralt, dramaturgo e docente na ESAD Galicia, a actriz Sonia Rúa e o crítico Manuel Xestoso, actuando como secretario con voz pero sen voto Pedro Pablo Riobó, da erregueté. O xurado valorou de xeito especial o excelente uso da lingua, a axustada construción dramática da obra e a súa adscrición á tradición popular do teatro galego.

Ademais da súa publicación, o texto será o material de traballo das lecturas dramatizadas en tres linguas que terán lugar no Carballiño o día 12 de maio dentro do programa do Festival de Teatro Transfronteirizo.

 

O autor

Xosé Prada Martínez, naceu no Carballiño (Ourense) en 1943. Dende moi novo estivo comprometido cos movementos culturais da súa vila: teatro xuvenil, Cine Club Carballiño (que este ano cumpre o 50 aniversario), Xornadas de Cine e Vídeo en Galicia… e, máis adiante, foi membro fundador e impulsor de Tiruleque, Grupo de Teatro, co que leva trinta e catro anos traballando na escena e montando a Mostra de Teatro Amador “Terras do Orcellón”.


Publicidade

Foi correspondente no Carballiño do xornal La Región de Ourense, para posteriormente pasar a escribir artigos dominicais nas páxinas provinciais de La Voz de Galicia baixo o título de “Profundando”, na lembranza do conto de Castelao.

Comezou escribindo contos, relatos, algún ensaio sobre tiro olímpico… ata chegar as obras teatrais, case que obrigado polas circunstancias. A preocupación na compañía pola falta de textos de teatro en galego –textos dos que nos inicios estaban escasos– levouno a escribir os textos que logo Tiruleque representaría. Segue divertíndose con ese labor e pensa continuar realizándoo “ata que se me esgote o bo humor e as ganas de rir… que vai ser tarde”.

 

O certame

O Premio PLATTA de Teatro Breve en tres linguas nace en 2019 co obxectivo de estimular a escrita teatral e promover tanto a súa tradución como a súa difusión nos diferentes territorios que configuran a Platta Plataforma Transfronteiriza de Teatro Amador (Federación Galega de Teatro Afeccionado, Federación de Grupos Aficionados de Teatro de Castilla y León, Teatro do Noroeste – Centro Dramático de Viana e erregueté). O premio estrutúrase ao longo do ano en tres certames que se corresponden coa lingua do territorio que acolle cada un dos festivais transfronteirizos: I Premio PLATTA de Teatro Breve – de Castilla y León (castelán), I Premio PLATTA de Teatro Breve – Galicia (galego), I Prémio PLATTA de Peças Curtas de Teatro – Portugal (portugués). Este texto é o segundo da colección PLATTA de teatro breve editada pola erregueté, e cofinanciada pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

festival |

Convócanse as subvencións a festivais de artes escénicas e música

SGAE3 |

Convocatoria de textos en galego para o ciclo de lecturas dramatizadas da SGAE