O programa desenvolverase o día 29 de Abril para conmemorar o Día Internacional da Danza.
Danza no aeroporto e nas estacións de ferrocarril e autobús de Santiago de Compostela é a proposta coa que a Deputación da Coruña conmemorará o vindeiro 29 de abril o Día Internacional da Danza. O programa “Danza en Tránsito” quere achegar ao público ao baile contemporáneo en espazos de movemento.
A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, e a comisaria do programa, Rut Balbís, presentaron en rolda de prensa o programa “Danza en Tránsito” que o vindeiro día 29 sorprenderá con espectáculos en movemento ás persoas que cheguen o marchen de Santiago de Compostela desde o aeroporto e ás estacións de ferrocarril e autobús. No acto de presentación participaron tamén o Xefe de Estacións Ámbito Galicia, Juan M. Cutrín Martínez e o Director e Xerente de Tussa, José Ramon Mosquera Ferreiro.
Visibilizar a variedade de propostas é un dos obxectivos de “Danza En Tránsito” que inclúe no seu programa profesionais da danza contemporánea, swing, performance, break dance, street dance, danza tradicional, danza acrobática e danza inclusiva como Traspediante, Compañía IO, Vella Escola, Can Cun Quinqué, Fundación Down · USC e Cantigas e Agarimos. A iniciativa finalizará cunha instalación onde o público poderá bailar no seu tránsito e así celebrar este día coa danza.
“Con “Danza en Tránsito” buscamos sorprender en espazos en que non se agarda atopar un espectáculo, fóra de escenarios de teatros e auditorios, achegar a danza a un público en movemento, para que se deteña e se sorprenda coa beleza da danza”, sinalou na súa intervención Goretti Sanmartín Rei que defendeu tamén a necesidade de buscar novos públicos para a danza, unha arte escénica que se programa pouco desde os centros de arte institucionais e privados e que precisa aínda un forte impulso para chegar a un maior número de persoas.
“A danza móvese maiormente en circuítos especializados, en programas singulares destinados a un público fiel que asiste á oferta cultural desta disciplina artística e é preciso abrir eses círculos e promover que aumente o público para os espectáculos de danza”, explica Goretti Sanmartín que destaca tamén o esforzo da área de Cultura da Deputación da Coruña para promocionar o xénero na Rede Cultural convidando ás institucións a que programen danza na súa oferta cultural.
Para a comisaria do programa, Rut Balbís, “a danza segue sendo para moitos unha descoñecida, ademais, hoxe en día existen moitos estilos e tendencias ós que o público non poden acceder con facilidade por isto, a importancia de normalizar a nosa relación ca danza, de facer dela algo cotiá”.
“Santiago é a elixida por ser un exemplo de un ir e vir continuo de xente, tanto de xente de aquí como todas esas viaxeiras que se achegan de todo o mundo a coñecer a cidade”, apunta Rut Balbís que dirixe un programa que sorprenderá ao escoller escenarios pouco habituais para a programación artística co obxectivo de “colocar a danza no día a día das persoas e sorprender a todas estas persoas que se atopan en tránsito, esperando un medio de transporte, ou subindo ou baixando del, con micro pezas de danza de estilos diferentes”.
O programa iniciarase na estación de ferrocarril, para continuar na de autobús e rematará no aeroporto cunha oferta en que se inclúen sós, dúos e mesmo algún cuarteto de danza nunha proposta que inclúe estilos como danza contemporánea, danza inclusiva, Break dance, Lindy Hop, danza tradicional galega, performance ou danza acrobática.
“Danza en Tránsito” diríxese, polo tanto, a aquelas persoas que se atopan -como a propia danza durante a súa coreografía ou a performance- en movemento, dun lugar a outro. “Algo ten tamén de coreografía o fluxo da xente que hai nos aeroportos e nas estacións co cal os espectáculos vanse mimetizar con estes escenarios extraordinarios. Ademais de ir ao encontro con este novo público será unha maneira de recibir ás persoas visitantes cun elemento que identifica Santiago de Compostela como é a cultura”, destaca Goretti Sanmartín da filosofía do programa.
Programa completo:
Estación de ferrocarril· Rúa do Hórreo, 75 A, 15702 SCQ
11:45 · Entrada/Despacho de billetes · Can Cun Quinqué · Danza Contemporánea
11:55 · Corredor subterráneo · Cia trasPediante · Performance
12:15 · Plataforma 2 · Cantigas e Agarimos · Danza Tradicional
12:25 · Entrada/Despacho de billetes · Vella Escola · Street Dance / Cypher
Estación de autobuses · Praza de Camilo Díaz Baliño, 15704 SCQ
14:55 · Planta 1 · Entrada Sur/Despacho de billetes · Compañía IO · Danza Acrobática
15:05 · Planta 1 · Entrada Norte/Fronte aseos · Compostela Swing · Lindy Hop
15:15 · Entreplanta · Vella Escola · Break Dance
15:25 · Planta -1· Plataformas · Cia trasPediante · Danza Contemporánea
Aeroporto de Santiago · Lavacolla, S/N, 15820 SCQ
17:00 · Planta 1 · Portas de embarque · Can Cun Quinqué · Danza Contemporánea
18:40 · Planta 0 · Recollida de equipaxes · Vella Escola · Break Dance
19:00 · Planta 0 · Vestíbulo de chegadas · Cantigas e Agarimos · Danza Tradicional
19:15 · Planta 1 · Espazo Cultural · Compañía IO · Danza Acrobática
19:30 · Planta 1 · Facturación Saídas · Fundación Down e USC · Danza Inclusiva
19:45 · Planta 1 · Frente á entrada Control de Seguridade · Vella Escola · Street Dance / Cypher
20:00 · Planta 1 · Fronte á entrada do Control de Seguridade · Aquí bailo eu! · Instalación para o público