in

Mensaxe do Día Internacional da Danza 2019

dance 591154 |
| Karima Mansour, Exipto |

 

No principio foi o movemento… e dende a alborada dos tempos, a danza foi un potente medio de expresión e de celebración. Dende os frescos atopados nos túmulos dos faraóns exipcios continuou a inspirar aos creadores até hoxe. O baile empregouse para evocar os moitos deuses e deusas da danza e todos os conceptos e sentidos que encerraban: o equilibrio co cal se conecta a xustiza, a musicalidade, o ton, a conciencia individual e cósmica, e moitos máis.

Lin unha vez que “no tempo dos faraóns se pensaba que a danza elevaba o espírito do danzante e do público, de espectadores e participantes. A música e a danza invocaban os máis elevados sentimentos da condición humana ao tempo que consolaban ás persoas das frustracións e perdas da vida”.

O movemento é unha linguaxe falada por todos nós. O movemento é unha linguaxe universal que pertence a todos. Só precisamos abrir os sentidos e escoitar. Escoitar é o único que se require; escoitar sen interferencias, escoitar sen xulgar, escoitar en silencio e permitir que o movemento nos traspase no instante, porque todo o que está no noso interior e arredor de nós móvese, está en constante movemento. O corpo non mente cando escoita a súa verdade e a revela.

Ao escoitarmos o latexo de corazón, podemos bailar a danza da vida, que esixe movemento, destreza e flexibilidade, unha coreografía en constante cambio.

Nunha época en que os termos conexión e conectividade adquiren novos significados e na que a nosa capacidade de conexión acada o seu punto máis baixo… a danza segue a ser a actividade máis solicitada para restablecer esa conexión perdida. A danza restitúe as nosas raiceiras, nun sentido cultural, mais tamén na acepción sensorial, persoal e individual máis inmediata: ata o cerne, ata o corazón. E, ao tempo, permítenos seguir sendo animais sociais, xa que só cando conectamos con nós mesmos, cando escoitamos o noso ritmo interior, podemos establecer unha conexión auténtica cos outros e iniciar a comunicación.

Na danza compartimos as culturas e as fronteras caen no espazo da inclusión e da solidariedade a través dunha silandeira linguaxe universal.

O corpo é un instrumento para expresármonos, o vehículo da nosa voz, dos nosos pensamentos, dos nosos sentimentos, da nosa historia, do noso ser e a nosa existencia… É a nosa arela de expresarnos e comunicarnos tomando forma no movemento.


Publicidade

A danza é o lugar que nos permite conectar coa nosa verdade, mais para chegar a ela precísase un espazo onde habite o silencio. A danza conéctanos co resto e permite que nos sintamos completos. E só con ese sentimento atopamos a paz. E coa paz vén o silencio. E a través do silencio escoitamos, entendemos e falamos. E nese sosego aprendemos a bailar as nosas verdades. E entón a danza vólvese pertinente.

O movemento e a danza conforman o espazo onde podemos pasar do vertical ao horizontal, do alto ao baixo, e regresar. O movemento e a danza están onde o caos se pode crear e reorganizar, ou non. Onde podemos crear as nosas propias realidades nun fluxo de instantes fugaces, efémeros, que se suceden. Instantes que poden conmovernos e permanecer na memoria para inspirarnos e para cambiarnos a nós mesmos e aos outros para sempre. Aí reside o poder dunha expresión verdadeira e, xa que logo, o poder da danza.

A danza cura. A danza é o lugar onde a humanidade pode encontrarse.

Invito a todas e todos a ir alén das fronteiras, alén das crises de identidade, alén dos chauvinismos, máis alá dos marcos establecidos. Podemos liberarnos desas limitacións para atopar o impulso e o ímpeto desa linguaxe universal. Invítovos a todas e todos a bailar ao ritmo do corazón, da vosa verdade interior, porque é a partir deses sutís movementos –que conducen a revolucións íntimas– que suceden os cambios reais”

 

——–

O Día Internacional da Danza celébrase o 29 de abril desde que foi establecido en 1982 polo Comité Internacional de Danza do Instituto Internacional do Teatro (ITI). Esta data conmemora o nacemento (en 1727) de Jean-Georges Noverre, bailarín e profesor considerado o creador do ballet moderno. Cada ano o ITI confía a unha coñecida personalidade do mundo da danza a redacción dunha mensaxe que se le en todo o mundo. En 2019, esta mensaxe foille encargada á bailarina, coreógrafa e mestra exipcia Karima Mansour.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

DaTeDanzaAkari |

Celebrando o Día Internacional da Danza

CTALMADAOrdemMerito |

A Companhia de Teatro de Almada laureada como Membro Honorário da Ordem do Mérito de Portugal