in

O PP rexeita no Parlamento cambiar o marco lexislativo para dotar de autonomía ao CDG

ParlamentoCEC2 |
????????????????????????????????????
O debate sobre o Centro Dramático Galego chegou o pasado venres ao Parlamento a través dunha proposición non de lei do PSdG-PSOE que instaba á Xunta de Galicia a cambiar o marco xurídico para que o CDG puidese cumprir o seu papel con autonomía e tamén a través dunha pregunta do BNG sobre a valoración do goberno galego “a respecto da situación na que se atopa o CDG e das súas propostas para o sector escénico e para o centro”.
| M.X. | | Foto: Arquivo do Parlamento de Galicia |

 

A PNL do PSdeG-PSOE instaba á Xunta a “iniciar, cos representantes do sector, un proceso de elaboración dun novo marco legal que dotase dunha autonomía real e das ferramentas necesarias para o cumprimento do seu papel”. A proposición –semellante á outra presentada en maio de 2018 polo grupo do BNG e que tampouco saíu adiante pola oposición do PP– recibiu o apoio de En Marea e BNG pero foi rexeitada cos votos en contra do PP.

O PsdG-PSOE fixo un percorrido pola traxectoria do centro durante os últimos anos, durante o que sacou a relucir a dimisión dunha parte do tribunal de selección do elenco do espectáculo Martes de Carnaval, a presunta “externalización” levada a cabo na montaxe de Divinas Palabras Revolution, e as múltiples denuncias públicas da Asociación de Actores e Actrices de Galicia a respecto do funcionamento do Centro.

María Burgo lembrou, igualmente, que o Ministro de Cultura José Guirao convocou unha reunión do Consejo Estatal de las Artes Escénicas y de la Música en decembro de 2018 no que se iniciaron os traballos para analizar as diversas formas xurídicas dentro do sector público que poderían satisfacer mellor as necesidades de centros semellantes ao CDG, e que á cita non acudiu ningún representante da AGADIC (Axencia Galega de Industrias Culturais) nin da Consellaría de Cultura.

Olalla Rodil, invocou a propia lei de creación da AGADIC, que prevé que se constitúa un ente autónomo para a xestión das unidades de produción que viñan do antigo INAEM e que foron adscritos de forma provisional á AGADIC. “É un mandato legal crear esa institución”, suliñou Rodil, para superar o exceso de burocratización e a escasa produción tanto do CDG coma do Centro Coreográfico Galego, que “non están a responder aos obxectivos para os que foron creados”.

Ánxeles Cuña, de En Marea, lembrou a súa propia experiencia dentro do sector e do propio Centro Dramático (que dirixiu entre 2006 e 2007) para falar dunha produción insuficiente, cunha distribución mínima e sen repercusión na sociedade, “o cal atenta contra o dereito á cultura da cidadanía”. A representante de En Marea, cre que o que se necesita “é vontade política” e lembrou que o PP anunciou un plan estratéxico para a cultura en 2016 e que “aínda estamos esperando por el e se non hai plano estratéxico non hai política cultural”. Segundo Cuña, desestruturación, precariedade e inestabilidade son as tres eivas maiores do CDG e “hai modelos que se poden importar”. Para ela, o tema crucial é que “o diálogo debe abrirse á refundación do CDG”. “Sabemos das complexidades legais, pero estamos aquí para resolvelas”, rematou.

Os populares negaron que a situación fose tan negativa como a debuxaba a oposición e reclamaron un debate serio e pausado sobre “que significa máis autonomía para o Centro”. Teresa Egerique dixo que “entre liñas” podía ler na exposición de motivos da oposición a reclamación dun maior control político e que iso “é contraditorio coa reclamación de maior autonomía” e apelou a un proceso de reflexión en profundidade sobre o que necesita o teatro galego para o futuro para ver “como podemos modificar a lei”.

 

Intervención do director do Agadic


Publicidade

O director da AGADIC, Jacobo Sutil, acudiu á sesión da Comisión de Educación e Cultura para responder unha pregunta de Olalla Rodil, en nome do grupo parlamentar do BNG, sobre a valoración do goberno galego a respecto da situación na que se atopa o CDG e das súas propostas para o sector escénico e para o Centro. Rodil citou tamén as múltiplas denuncias do sector sobre o “esmorecemento” do Centro, a redución da produción e a mingua das xiras, ademais de facer referencia á desaparición de proxectos de proxección exterior como o Proxecto Nós.

Para o BNG “deberían saltar todas as alarmas na Consellaría cando todo un sector non sente como propio o que debería ser o seu ‘buque insignia’”. Rodil apuntou a dúas cuestións que cre fundamentais: por unha banda, a reformulación do CDG e doutras unidades de produción para asegurar a súa autonomía e, pola outra, asegurar que a substitución de Fefa Noia sexa realizada de maneira áxil para que non haxa un período de baleiro, de 18 meses, semellante ao que se deu tras a renuncia de Manuel Guede en xuño de 2015.

Jacobo Sutil comezou explicando que a idea de que a renuncia de Fefa Noia fose anunciada con catro meses de antelación respondía á necesidade de que o proceso de substitución fose o máis rápido posible e negou que na anterior transición houbese unha parada de 18 meses.

A seguir, Sutil declarou que a sociedade galega cambiara dende a fundación do CDG, hai 35 anos, e que, polo tanto, o papel do CDG debía cambiar tamén, “traballando sempre man a man co sector”, dixo, pero “tendo sempre en conta que os nosos recursos son sempre escasos”. Recoñeceu que existe unha “difícil convivencia” entre o feito artístico realizado dende a administración pública e a legalidade e estivo de acordo na necesidade de “actualizarnos”. O director da AGADIC, non obstante, pediu unha reflexión sobre que tipo de autonomía se reclamaba para o CDG e lanzou unha pregunta: “queren que sexa o director o que, como nas compañías privadas, poida elixir directa o elenco sen concorrencia, transparencia e igualdade de oportunidades? A iso non sei que van responder”, apostilou.

Na súa resposta, Olalla Rodil, insistiu en que se precisa desenvolver a disposición transitoria segunda da lei de creación da AGADIC, que indica que debe crearse un autónomo do que pasen a depender as unidades de produción, para tentar que os cambios que nos últimos anos se produciron na lexislación, sobre todo o que ten a ver coa contratación pública, non supoñan unha distorsión e un conflito cun sector que ten as súas particularidades. “A creación artística precisa que se lle busque un encaixe dentro da legalidade”, buscando unha estrutura xurídica que permita adecuar á situación actual a produción artística.

Rodil subliñou que a relación co sector “que de maneira unánime sente o CDG coma un ente afastado” debería servir de inspiración á Consellaría para aprobar un Estatuto propio para o Centro Dramático, de xeito semellante a como o ten o Centro Dramático Nacional, que conta con el dende o ano 2011”.

A deputada do BNG rematou apelando ao diálogo “pero para manter un diálogo debemos saber que propostas ten a Xunta e seguimos sen saber absolutamente nada dos proxectos que ten o goberno galego en materia cultural, nin cara a onde nos queren levar, e iso dentro dun marco no que pretenden planificar a política cultural a medio prazo, coa tan anunciada e nunca cumprida Estratexia da Cultura Galega 2021”.

Sutil obviou a referencia á Lei de Creación da Agadic para afirmar que non se lle dera “ningunha razón para cambiar a estrutura xurídica do CDG máis que a forma de selección de elencos” e que non se lle ofrecen alternativas válidas. Concluíu declarando que “entre todos debemos coidar o Centro Dramático Galego”.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

DespoisDasOndas4 |

Galicia Escena PRO comeza mañá en Compostela con seis espectáculos galegos

DuasDonas09 |

Ampla variedade de estilos na segunda xornada de Galicia Escena Pro