in

Galicia Escena PRO comeza mañá en Compostela con seis espectáculos galegos

DespoisDasOndas4 |
A carteleira inaugural ofrece as obras infantís Mai Mai, de Baobab, e Ummm!! de Avento; as montaxes Liberto, de Marelas, e Despois das ondas, de Butaca Zero; a peza de teatro-danza A Gala, de Licenciada Sotelo, e a proposta de rúa Oh!Limpiadas, a cargo de Sincronacidas.

 

Galicia Escena PRO, o mercado galego das artes escénicas organizado pola Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo e pola asociación profesional Escena Galega, inicia mañá a súa sétima edición para brindarlles ás 20 compañías seleccionadas unha plataforma para presentar as súas últimas producións diante do público xeral e dos 150 programadores e demais profesionais do sector acreditados. Nesta primeira xornada, a carteleira ofrece seis espectáculos de produción galega: catro teatrais (dous deles para público familiar), un de rúa e outro de teatro-danza.

Será, deste xeito, o día de máis actividade escénica dos catro dos que consta o evento, xa que Galicia Escena PRO rematará o xoves 13 despois de ter exhibido 17 espectáculos galegos e tres de fóra de Galicia, ademais de realizar diferentes actividades de encontro e intercambio profesional. Precisamente, unha das novidades deste ano é a instalación da sede de recepción no Centro Obra Social Abanca, edificio que será o epicentro da axenda de reunións entre acreditados, impulsadas pola incorporación da figura do facilitador.

Como en anos anteriores, Galicia Escena PRO conta tamén co público xeral, que pode acceder aos espectáculos segundo a dispoñibilidade de cada espazo. Así, os espectadores poderán retirar a súa entrada, de xeito gratuíto, nos despachos de billetes correspondentes desde unha hora antes do inicio das representacións.

 

Teatro familiar con monicreques e música

A programación comezará ás 11:00 no Salón Teatro, onde a compañía pontevedresa Baobab Teatro representará Mai Mai, unha proposta de Andrea Bayer e Óscar Ferreira sobre a historia do último oso panda do planeta, na que mesturan monicreques con interpretación actoral.

Tamén para todos os públicos é o seguinte título da carteleira, que se traslada ás 13:00 á Sala Germán Coppini da Fundación SGAE para ofrecer Ummm!! Unha comedia musical para chupar os dedos!, a cargo de Teatro Avento Producións, e con Martín Maez e Rocío Salgado no elenco.

Estas dúas funcións contarán, ademais, no patio de butacas con grupos concertados de nenos e nenas procedentes de distintos centros de ensino da cidade.


Publicidade

 

Tarde de referentes e interpretacións femininas

Xa pola tarde e sen saír do edificio da Finca Vista Alegre, dará comezo ás 16:30, na Sala 2, Liberto, o último de Marelas Producións, un canto á vida interpretado por Rocío González, Cris Iglesias e Lucía Aldao.

A continuación, Galicia Escena PRO abrirase por vez primeira ao teatro de rúa con OhLimpiadas!, a montaxe de Compañía Sincronacidas, que despregará na praza da Quintana 50 minutos de combinacións entre técnicas de danza, portés acrobáticos e humor, nun espectáculo que foi Premio Fetén 2019.

A seguinte función programada correrá a cargo de ButacaZero, que representará ás 20:00, no Teatro Principal, Despois das ondas, con dirección de Xavier Castiñeira, cinema en directo de Roi Fernández e coreografía de Sonsoles Cordón. A peza conta o hipotético retorno da actriz María Casares a Galicia nunha xira teatral. Despois das ondas, de Ernesto Is, foi a obra gañadora do Premio Rafael Dieste da Deputación da Coruña que agora a converte en espectáculo teatral en coprodución con ButacaZero. As actrices Belén Constenla e Nerea Brey dan vida á actriz nunha obra que percorre a súa biografía.

A última proposta do día entra no ámbito das novas linguaxes escénicas a través das artes do movemento, da man de Licenciada Sotelo e A Gala. O Salón Teatro acollerá ás 22:30 esta peza de danza-teatro inspirada na figura de Maruja Mallo e creada e interpretada por catro mulleres: Cris Vilariño, Nuria Sotelo, Andrea Quintana e Rebeca Carrera.

A xornada pecharase coa primeira Noitescena PRO, un novo formato de encontro que se repetirá tamén a partir da medianoite do martes e do mércores para congregar na sala compostelá Riquela Club os axentes acreditados arredor dun programa musical sen desvelar e nun ambiente distendido que favoreza a interrelación.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Crimenytelon |

O FIOT de Carballo recibe o galardón Galego do Ano do Padroado Fogar de Bergantiños.

ParlamentoCEC2 |

O PP rexeita no Parlamento cambiar o marco lexislativo para dotar de autonomía ao CDG