Ademais das xa anunciadas aparicións do director Robert Wilson e da actriz Isabelle Huppert na obra de Darryl Pinckney, Mary said what she said, o Festival de Almada vai homenaxear ao director Carlos Avilez e será escenario da volta ao teatro de María de Medeiros. Ademais, acollerá a estrea en Portugal de Macbettu, un Macbeth en lingua sarda dirixido por Alessandro Serra que foi escollido como o espectáculo do ano 2017 pola Asociación Nacional de Críticos de Teatro en Italia. Entre o 4 e o 18 de xullo, o festival acollerá 38 espectáculos.
“No futuro, cando miremos cara atrás, o 2019 será o ano que en que viñeron Robert Wilson e Isabelle Huppert e, de feito, grazas ao esforzo conxunto co Centro Cultural de Belém, o Festival de Almada recupera nesta edición unha das súas características máis distintivas”, destaca o director artístico do festival, Rodrigo Francisco, referíndose á capacidade que o evento mantén de atraer primeiras figuras do teatro internacional.
A actriz portuguesa Maria de Medeiros compartirá o escenario do Teatro Municipal Joaquim Benite con Bulle Ogier (que entrou no elenco de películas como O discreto encanto da burguesía de Buñuel e protagonizou L’Amour Fou de Jacques Rivette) os días 7 e 8 de xullo en Un Amour Impossible, que parte da novela de Christine Angot, nunha posta en escena de Célie Pauthe estreada en París en 2017.
Ademais, no Teatro Nacional D. María II presentarase a última creación do director belga Jan Lauwers. Depois do éxito obtido na última edición do Festival con Isabella’s room, a actriz Viviane De Muynck (que a revista Les Inrockuptibles aclamou como “a mellor actriz viva”) protagoniza este ano a última creación de Lauwers. Guerra e Terebintina está baseada na novela que Stefan Hertmans escribiu sobre a I Grande Guerra a partir do diario do seu avó, que a crítica internacional considera unha obra con “todas as características para se converter nun clásico”.
Nun festival cunha intensa presenza internacional, Almada tamén verá as estreas dunha adaptación da compañía de teatro residente de Se é isto um homem, de Primo Levi, con dirección de Rogério de Carvalho e interpretación de Cláudio da Silva; así como O soño, de Strindberg, dirixido por Carlos Avilez e presentado polo Teatro Experimental de Cascais.
O festival abrirase o 4 de xullo na Escola D. António da Costa, con A Boda de Bertolt Brecht, realizada por Ricardo Aibéo, á que seguirá, os días 5, 6 e 7, Provisional Figures, proxecto de Marco Martins con actores non profesionais de Great Yarmouth, no Reino Unido.
Tamén a partir do día 5, o Teatro Nacional D. Maria II de Lisboa recibirá As Três Sozinhas de Anabela Almeida, Cláudia Gaiolas e Sílvia Filipe.
Vero Cendoya estará presente con La Partida un espectáculo coreográfico de rúa para cinco bailarinas, cinco xogadores de fútbol e un árbitro, a partir textos de Eduardo Galeano, que terá lugar na Praça São João Baptista, tamén o segundo día do festival.
Rafael Álvarez pon en escena Esquilo, Nacimiento y Muerte de la tragedia, mentres que a compañía T4, de Bos Aires, leva ao escenario Un Poyo Rojo. Tamén estará presente a tamén arxentina País Clandestino, de Maëlle Poésy e Jorge Eiro.
O Théâtre de Nîmes, de Francia, leva á Escola D. António da Costa Franito “unha revisión brillante do flamenco” dirixida por Patrice Thibaud, mentres a compañía Non Nova, de Nantes, presenta Saison Sèche, peza estreada no Festival de Avignon o ano pasado con dirección e dramaturxia de Phia Ménard e Jean-Luc Beaujault.
Pola súa banda, as compañías 1er Temps, de Dakar, e ABC, de París, levan a Almada De Quoi sommes Nous Faits ?!, unha proposta coreográfica para catro intérpretes de Andréya Ouamba con posta en escena de Catherine Boskowitz.
O espectáculo de honra deste ano –escollido polo público da edición anterior para que se repetise en 2019– é Dr. Nest, da alemá Familie Flöz, e será levado á escena o día 14, no escenario grande da Escola D. António da Costa.
O festival tamén acollerá concertos, unha noite para nenos na terraza da Escola D. António da Costa o día 9 de xullo, cursos de formación, exposicións e debates.