A Compañía Nacional de Danza presentarase por primeira vez na Coruña coa Orquestra Sinfónica de Galicia , dirixida nesta ocasión por Manuel Coves. Será os días 22 e 23 de novembro, no Pazo da Ópera.
Dentro do programa de Temporada 2019-2020 da Orquestra Sinfónica de Galicia inclúense dúas xornadas de ballet que traerán á Coruña o espectáculo Carmen, baseado no clásico de Georges Bizet, con coreografía de Johan Inger. A dramaturxia será de Gregor Acuña-Pohl, a escenografía de Curt Allen Wilmer e os figurinos de David Delfín.
Cando Johan Inger recibiu o encargo da CND, de montar unha nova versión de Carmen, atopouse ante un enorme reto, pero tamén unha gran oportunidade. A súa aproximación a este mito universal tería que achegar algo novo. Para iso, Inger decidiu centrarse no tema da violencia, aproximándose a ela a través dunha mirada pura e non contaminada… a dun neno. Partindo deste enfoque, Inger crea un personaxe, que propicia que sexamos testemuñas de todo o que pasa, a través dos seus ollos inocentes, á vez que contemplamos a súa propia transformación.
O espazo escénico para esta nova proposta de Carmen baséase conceptualmente na creación dunha escenografía clara e limpa, definida pola sinxeleza e rotundidade das formas, e pola honestidade visual dos materiais elixidos. Búscase a asociación de atmosferas mediante a reinterpretación da novela orixinal, evitándose calquera tipo de estética costumista. Sevilla é un lugar calquera, a fábrica de tabacos é calquera industria e os montes de Ronda representan un estado de ánimo ao límite, que traducido ao espazo reflíctese como suburbios, ámbitos escuros, agochados ou inseguros.
As pautas marcadas polo director foron sobriedade, atemporalidade, contemporaneidade e un sutil achegamento á década de 1960. Todo visto desde a simboloxía e a metáfora. Os caracteres e personalidade dos personaxes serán por estes conceptos. A súa idea é crear unha nova Carmen, fuxindo dos estereotipos estéticos da obra e da época, desdobrando e trasladando os seus personaxes a unha especie de equivalente contemporáneo.
A creación coreográfica de Inger recibiu o premio Benois de la Danse en 2016 entre outros premios.