in

O ‘Ricardo III’ de Ostermeier na nova tempada do Teatro Dona Maria II de Lisboa

RichardIIIOstermeier |
Temas de relevo para a sociedade actual, forte presenza internacional de figuras europeas e apoio á escrita e á dramaturxia dos novos creadores, son tres liñas básicas na nova programación do Teatro Nacional Dona Maria II de Lisboa.

 

A abertura da temporada 2019/2020 farase con tres títulos de primeira liña: Pur Présent, de Olivier Py, director do Festival d’Avignon, que é unha reescrita das traxedias de Esquilo dende a prisión; Antígona, de Mónica Garnel, sobre a traxedia de Sófocles; e Coleção de Artistas, de Raquel André, unha colección de fragmentos doutras pezas. Son tres títulos que marcan o que será o desenvolvemento da nova tempada.

O TNDM quere reafirmar diferenzas nas temáticas traballadas polos espectáculos: “Defendemos a absoluta liberdade de creación dos artistas, mais parte do servizo público é crear pontes entre liberdade de creación e os temas que debem ser debatidos, fenómenos sociais que debem ser reflectidos e pensados criticamente pola arte e, neste caso, polo teatro”, declara Tiago Rodrigues.

Exemplo disto, é o espectáculo Fake, de Inês Barahona e Miguel Fragata –de Montanha Rusa e Do Bosque para o Mundo, que acostuman traballar espectáculos para público infantoxuvenil– que van facer, por primeira vez, un espectáculo para o público xeral, que ten por tema as ‘fake news’, a desinformación, a comunicación social, as redes sociais, a forma como o fenómeno da desinformación se ten propagado e como “ten tido un efecto transformador moi negativo, na forma como nos organizamos e pensamos en canto sociedade, co impacto político e social e de mentalidades que ese fenómeno ten”.

“Interésanos moito o traballo artístico desta dupla de criadores, mais existe tamén un traballo de debate, de reflexión sobre a sociedade” e, simultaneamente, a promoción da escrita de novos textos en portugués”, afirmou Tiago Rodrigues, engadindo que a peza terá a súa estrea absoluta en marzo de 2020.

Outro caso que o director artístico do TNDM apunta é o espectáculo Aurora Negra, non só porque, mais unha vez, promove a escrita de teatro en portugués e os novos criadores, senón tamén porque trata a cuestión da muller negra en Portugal.

Trátase dun traballo creado e interpretado por tres mulleres negras –Cleo Tavares, Isabel Zuaa e Nádia Iracema -, “tres artistas absolutamente fantásticas no noso medio”. “Estamos a traballar unha temática importante na sociedade portuguesa: a representatividade das mulleres e dos homes negros, neste caso das mulleres, na sociedade, a falta de igualdade no acceso aos postos directivos, de liderado, de decisión, e aquí, curiosamente, no teatro, está o reflexo, non hai moitos espectáculos creados e dirixidos por mulleres ou homes negros no teatro portugués”, subliñou.

 

Primeiras figuras do teatro europeo

En canto á produción internacional, “crea, efectivamente, unha diferenza”, porque reforza a aposta en espectáculos de artistas de referencia, sobre todo europeos, e que “ou tratan a cuestión do repertorio, dos grandes textos clásicos con ollar contemporáneo, ou que teñen relación coa escrita”.


Publicidade

O primeiro a ser presentado, en outubro, será Ibsen House, dirixido polo australiano Simon Stone, unha produción do Toneelgroep Amsterdam, unha das grandes compañías europeas, dirixida polo holandés Ivo van Hove, “que roda por todo o planeta e que volta a Portugal”. Trátase dunha dramaturxia de moitas pezas de Ibsen mesturadas como se fosen a historia de unha soa familia.

A peza revisita, “con ollos de hoxe, toda a dramaturxia de Ibsen”, reescrita por Simon Stone, “un artista absolutamente notable, que traballou nos grandes escenarios de todo o mundo, tanto en teatro como en ópera, e que se estrea em Portugal”, declarou Tiago Rodrigues, destacando que este “foi un dos grandes éxitos” do Festival d’Avignon de 2017″.

En novembro, chega “un espectáculo dunha beleza plástica incrible”, a última creación do artista francés Philippe Quesne, Crash Park, que conta un relato de supervivencia duns pasaxeiros, despois dun desastre aereo nunha illa. Esta é unha peza que fai “referencia ao patrimonio literario de Robinson Crusoe, da Illa do Tesouro, do Señor das Moscas, de todas esas historias de literatura de supervivencia nas illas, facendo un retrato crítico, mais moi poético do que é a nosa sociedade e como nos organizamos case instintivamente”, considerou.

Unha das grandes sorpresas desta temporada é o espectáculo Ricardo III, de Thomas Ostermeier, coa Schaubhüne de Berlín. “É un espectáculo xa mítico, creado hai tres anos, mais que marca a década. Será un dos espectáculos estudados durante moitos anos, para saber que é o teatro europeo neste inicio do século XXI. Conta co que eu considero un dos maiores actores vivos de teatro do mundo – Lars Eidinger – que interpreta Ricardo III, e que será presentado en datas moi particulares”: 31 de decembro e 02 e 03 de xaneiro, referiu Tiago Rodrigues.

“Non hai memoria, aquí na equipa do TNDM, de facer un espectáculo de ano novo, mais cremos que este Ricardo III é tan absolutamente extraordinario, tan especial e ao mesmo tempo tan ambicioso de montar nesta casa, que pensamos que precisaba de marcar un momento de viraxe. O cambio de ano no Dona Maria será con esta traxedia shakesperiana dirixida por ese monumento do teatro que é o Thomas Ostermeier”.

Aínda no panorama internacional, o director artístico revelou que volverá a estar presente en Portugal “un dos grandes nomes do teatro europeo”, Frank Castorf, que dirixiu durante moitos anos a Volksbühne, en Berlín, e que é considerado un dos grandes directores da segunda metade do século XX e inicio do século XXI, do teatro europeo.

O director traerá o espectáculo Bajazet, “unha mestura que Frank Castorf fixo da traxedia de Racine a partir da analoxía feita por Artaud entre o teatro e a peste; daquela é unha ollada que mestura unha traxedia neoclásica, como é a de Racine, en versos alexandrinos, con esa idea do teatro da crueldade de Artaud”.

“Unha pescuda moi teatral e, ao tempo, cun elenco absolutamente fenomenal, un elenco exclusivamente francés e francófono, liderado por Jeanne Balibar”, dixo Tiago Rodrigues, destacando que “vai ser unha oportunidade do público ver un dos grandes nomes do teatro e do cinema francés en escena”.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

CarmenInger |

A Sinfónica de Galicia e a Compañía Nacional de Danza achegan ‘Carmen’ á Coruña

CDG AGADIC

A erregueté organiza unha mesa redonda sobre o Centro Dramático Galego