Hoxe comeza en Ourense a programación de Corpo (a) terra, un Festival que reivindica un novo uso do espazo urbano e que apela á participación cidadá a través da danza.
O programa comezará ás 21:00, no café Cultural Auriense, con O lugar que non hai, do escritor Estevo Creus, un exercicio de improvisación dentro do corpo, do espazo e da palabra. Unha teoría da desaparición. Ás 22:00, no Calustro do Convento de San Francisco, Nazario Díaz presentará Háblame, cuerpo, un estudo iniciado polo artista en 2016 que parte da figura do artista cordobés Pepe Espaliú (1955-1993) para despregar unha serie de investigacións arredor do corpo, a linguaxe e o territorio.
Mañá, sábado 6, o festival trasládase a Allariz para presentar Macaco Press, un proxecto de libros de artista que ten a súa sede en Xenebra e está formado polo colectivo de artistas Sabrina Fernández Casas e Patricio Gil Flood. Será ás 20:30, na Praza de Abaixo, e poderán verse performances e asistir a lecturas, ademais de poder adquirirse os libro de artista da editorial.
A seguir, ás 21:30, no mesmo lugar, Camilo Regueyra e Lina Yiri Valverde presentarán a peza coa que gañaron o Certame Sólodos. O programa continúa ás 22:00, na Praza do Matadoiro, con Julia Zac, que presenta Interface 123.
O festival volve a Ourense o mércores 10 coa Compañía Alias, que executará danzas espontáneas pola cidade, dende as 19:15 ata ás 23:30. Ademais, ás 20:00, Iker Gómez ofrecerá unha conferencia no Centro Cultural Marcos Valcarcel.
O xoves 11, a Compañía Alias volverá coas súas danzas espontáneas pola cidade, de 20:30 a 22:30. Ás 21:00, Elahood presenta Impermeable na Praza de Santa Eufemia. E ás 21:30, na Escalinata de Santa María, poderase ver á compañía vasca Ertza con Meeting Point.
O programa do día 12 comezará cunha conferencia performativa de Sabela Mendoza, ás 20:00, no Centro Cultural Marcos Valcarcel. Continuará ás 21:00, na Praza de Santa Eufemia cunha nova presentación de Macaco Press, e rematará ás 22:00, no mesmo espazo, coa compañía catalá Unaiuna.
Corpo(a)terra péchase o día 13 cun programa que inclúe unha intervención de Manu Lago, ás 13:00, no Centro Cultural Marcos Valcarcel; unha nova intervención de Macaco Press na Praza de Santa Eufemia ás 20:00; e as actuacións de Iker Gómez (21:00, na Praza de San Martiño), Álvaro Reboredo “Fitinho” (21:30, Mirador de San Francisco), e Jesús Rubio Gamo (22:00, Explanada do Auditorio). O festival rematará coa actuación de DJ Balboa, na Praza de San Marcial, a partir das 23:30.
Enxebre, o programa de formación do festival, xa comezou o pasado día 2 de xullo, con cursos a cargo de Julia Zac, Ariadna Monfort, Cristian Urueña, Sara Pons, Jesús Rubio ou Ana Beatrix Pérez.