Corpo(a)terra, o Festival de Danza e Artes do Corpo de Ourense, anuncia a abertura de inscricións para Enxebre, o programa de formación que organiza dentro das actividades do festival. Este programa de formación concíbese como unha experiencia intensiva de adestramento en danza. Trátase dunha preparación para a danza dirixida por máis de oito profesionais que imparten obradoiros durante 8 días de encontro e convivencia.
Esta programación está pensada para persoas interesadas nunha formación en danza de nivel medio-alto. Dirixida a profesionais ou estudantes de danza e artes do movemento: circo, teatro físico, performance ; abraza a participantes que viven a danza desde un lugar “amateur”.
Nesta edición apóstase por sumar á dinámica que xa ven sendo usual un intento por dar tempo aos corpos, para experimentar e interiorizar adestramentos e técnicas particulares: Gagá, Body Weather, Assimetrical Motions, Accións Sinxelas…
Desenvolverase en dúas fases de catro días: a primeira, do 2 ao 5 de xullo e a segunda do 8 ao 11. Serán 5 horas e media de formación diarias, con actividades colaterais e coa dispoñibilidade absoluta dun espazo no que compartir información, experiencias e danza. Entre xs profesorxs invitadxs están Julia Zac, Ariadna Monfort, Cristian Urueña, Sara Pons, Jesús Rubio ou Ana Beatrix Pérez.
Desde 2015 este formato de programación convoca a un maior número de participantes. As e os estudantes do programa e artistas involucradxs no festival, pasan a formar parte dunha convivencia entorno á danza e ao intercambio de experiencias que fan que ENXEBRE´danza se convirta nun fervedoiro de información, creación e aprendizaxe.
O prazo para inscribirse remata o 23 de xuño.
O procedemento de inscrición pode consultarse aquÍ. As prazas son limitadas e serán adxudicadas por orde entrada.