in

Convocado o programa de coproducións do Centro Coreográfico Galego

Directo93 |
Cada unha das propostas elixidas contará cunha achega máxima de 18.000 euros por parte da Agadic, ademais de ter á súa disposición a sede do CCG na Coruña para o seu desenvolvemento. O prazo de solicitude está aberto ata o 27 de xuño.

 

A Consellería de Cultura e Turismo acaba de poñer en marcha o novo programa de coproducións do Centro Coreográfico Galego (CCG) para seleccionar os tres espectáculos de danza que serán apoiados en 2019 no marco desta iniciativa. A convocatoria desenvólvese a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), que destinará un máximo de 18.000 euros a cada unha das propostas seleccionadas e lles cederá, así mesmo, as instalacións do CCG na Coruña para a súa realización.

Segundo o anuncio de licitación publicado na web da Agadic, esta achega económica non poderá exceder o 80% do orzamento total do proxecto, que deberá ser orixinal e inédito. O apoio materializarase a través da sinatura de tres contratos en réxime de coprodución, aos que poden optar “persoas físicas ou xurídicas, así como sociedades civís, comunidades de bens ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia”, ademais de unións temporais de empresas, dedicadas profesionalmente á produción escénica e que desenvolvan a súa actividade maioritariamente en Galicia. Quedan excluídas desta convocatoria as asociacións e demais entidades sen fins de lucro.

Unha comisión integrada por tres profesionais das artes escénicas e presidido pola directora do Centro Coreográfico Galego, Mercedes Suárez, será o encargado de valorar as solicitudes presentadas. Con tal fin, analizará e puntuará criterios que teñen que ver coa calidade e interese do proxecto artístico, a súa estratexia de promoción e difusión, a repercusión na creación e fomento de públicos, o apoio doutras estruturas no seu financiamento, a traxectoria profesional do equipo artístico e a proposta económica.


Publicidade

Os proxectos poden presentarse ata o vindeiro 27 de xuño, xuntando coa solicitude unha memoria detallada, os currículos dos profesionais a cargo da dirección artística e mais do elenco e o seu orzamento pormenorizado.

Nas anteriores temporadas, o Centro Coreográfico Galego coproduciu os espectáculos Pink Unicorns, de La Macana; Directo 9, de Pisando Ovos; Corps Sonore, con SóloDos; Son, de Nova Galega de Danza, e Atlántica, de BalletNorte.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

JesúsRubio |

Corpo(a)terra abre as inscricións para o seu programa de formación, Enxebre’19 Danza

theater 1477670 1280 |

I Premio Platta de Teatro Breve – Portugal 2019