in

Ribeira presenta o seu ciclo de teatro máis longo da última década

sarabelanormas |
Foto: Ovidio Aldegunde

A Mostra de Teatro de Ribeira –que foi presentada onte para anunciar que a partir do próximo día 5 de agosto xa se poderán adquirir os bonos– será a máis longa da última década e estenderáse dende o 27 de setembro até o 5 de decembro.

A compañía Sarabela, con Normas para saber vivir na sociedade actual, será a encargada de inicialo o vindeiro 27 de setembro. Trátase dun texto de Jean Luc Lagarce que desvela as perversas mecánicas que se agochan detrás da ritualización das relacións persoais, da falta de franqueza que se nos impón dende unha represión dos sentimentos que acaba por coutar o desenvolvemento persoal.

O 4 de outubro será a quenda de Redrum Teatro, que presentará Idiota, unha obra de Jordi Casanovas, que trata sobre a presión e a inxustiza que exerce o sistema político e económico sobre os individuos e que está protagonizada polos actores Machi Salgado e Susana Sampedro.

Malasombra tomará o relevo o venres 11 de outubro con Bernarda, unha reinterpretación do clásico de Lorca escrita e dirixida por José Prieto, pero situada en Galicia en 1975.

O 18 dese mesmo mes, Ibuprofeno Teatro levará ata Ribeira Casa O’Rei, un xogo escénico creado a partir de O Rei Lear de Shakespeare, protagonizado por Miguel Borines, Victoria Teijeiro, Marián Bañobre, Teté García, Víctor Mosqueira e Xosé M. Esperante.

Na semana seguinte, Dinamo representará Eu queríame casare, unha comedia total que relata a historia de dous auténticos perdedores na procura da súa última oportunidade no amor, protagonizada por Lucía Veiga e Pedro Brandariz.

Xa en novembro, Redrum regresará a Ribeira con Invisibles, sete testemuñas reais de maltrato ás que dan vida tres actrices: Mela Casal, Sheyla Fariña e Nieves Rodriguez.


Publicidade

Talía chegará o 8 de novembro con Vida de cans, un texto escrito e dirixido por Cándido Pazó; Dani Trillo, Tono Casais e Artur Trillo póñense na pel de Nemo, Nolo e Lupo, tres cans moi diferentes entre eles aos que lles toca compartir un recinto que lles preparou o seu amo. Moi grande, moi cómodo, moi ameno, moi limpo… pero recinto. Ben tratados, ben atendidos, ben alimentados, ben acariñados… pero recluídos.

Contraproduccións levará, o día 15 dese mes, A compañeira de piso, unha comedia negra sobre a capacidade de reconducir o tren de la vida. As actrices Rebeca Montero e Patricia Vázquez poñen en escena a adaptación desta comedia da norteamericana Jen Silverman sobre dúas mulleres maduras que, con situacións contrapostas, se enfrontan a un importante cambio vital.

O día 22, Producións Excéntricas representa Carpe diem, un espectáculo dirixido por Quico Cadaval que combina o cinismo, a intriga e o ritmo nunha historia que arranca a modo de anécdota cinematográfica: unha muller e un home coñécense nunha previsible festa de fin de ano e comezan unha relación adúltera.

Xa o 29 de novembro, as actrices de A Panadaría tomarán o escenario para recuperar a historia de Elisa e Marcela, espectáculo arredor da historia de amor de dúas mulleres a principios do século pasado que obtivo catro galardóns nos Premios María Casares de Teatro.

De Ste Xeito será a compañía encargada de poñerlle o ramo á Mostra de Ribeira con Running, unha obra escrita e dirixida por Esther Carrodeguas e interpretada por Stephy Llaryora e Sergio Macías.

Entre o 5 de agosto e o 6 de setembro poderán adquirirse os bonos na oficina de atención ao cidadán da casa consistorial; o prezo é de 25 euros e dá acceso ás once representacións.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Mapa |

‘Mapa’, do Colectivo Glovo, premiada no Certamen Internacional de Coreografía Burgos – NY.

ernesto casares |

Homenaxe a Ernesto Chao e á Agrupación Abrente na MIT