Empate no Premio do Público da MIT 2019. Os espectáculos A.K.A. (also known as), da compañía Flyhard de Cataluña e Jauría, dos madrileños Kamikaze, obtiveron a maior puntuación. | Foto: Rosinha Rojo |
A estrea en Galicia destes dous espectáculos non defraudou: o excepcional nivel interpretativo de Albert Salazar en A.K.A. aumenta o palmarés deste fenómeno teatral de pequeno formato que se puido ver na Igrexa da Madalena. Aos once premios cos que chegou este texto que fala de cuestións de fondo social coma a islamofobia ou a crise de identidade, súmaselle este rotundo aplauso do público de Ribadavia, afeito a ter en cada edición espectáculos de diferente formato e xénero.
Por outra banda, Kamikaze, na liña do teatro documento, encheu o Auditorio do Castelo e recibiu un gran aplauso por Jauría, espectáculo creado a partir do auto xudicial do caso de La Manada e que en Ribadavia presentou un novo final para a peza despois da sentenza xudicial recentemente coñecida. A dramaturxia de Jordi Casanovas, a posta en escena de Miguel del Arco ou a interpretación coral dun gran elenco, conduciron a situar a este espectáculo do último día da MIT compartindo primeiro posto no Premio do Público da MIT 2019.
A MIT 2019 pechou cun balance moi positivo, cunha gran afluencia de público visitante. Tanto colectivos de afeccionados ao teatro de Madrid, Euskadi ou Londres, como de público galego de cidades coma Vigo ou Santiago de Compostela e Ourense, déronlle un impulso ao festival, que crece en diversidade e convivencia.
A multitudinaria homenaxe a Ernesto Chao e de celebración dos 50 anos de Abrente, os espectáculos de rúa ou os coloquios posfunción dos foros da MIT, mostraron o interese e a motivación do público, que nalgúns casos ateigaron as actividades. Os coloquios foron unha aposta dende hai escasamente catro edicións e hoxe xa son un clásico de encontros e preguntas aos artistas que converte a visita á MIT nunha experiencia completa de aprendizaxe, goce e descubrimento.
Segundo a organización “a MIT afronta retos futuros con todo este respaldo e o aumento da recadación de venda de entradas. En vindeiras edicións, o festival promoverá conseguir máis recursos para realizar máis funcións (que o público non quede fóra en espectáculos de formato reducido como A.K.A.) e mellorar os servizos existentes. Tamén está en marcha a elaboración dun documental sobre os 35 anos e cuxas entrevistas e elaboración do guión xa se puxo en marcha aproveitando a actividade deste ano de celebración. Dirixido e producido por Ainhoa e Blanca, de A&B, comunicación e deseño, este orixinal documental será a súa ópera prima”.
A organización considera que esta foi “unha edición especial, de proxección e consolidación exterior, de ampla difusión mediática, de coproducións galegas e grandes referentes internacionais, co apoio institucional da inauguración por parte do Presidente da Xunta pero coa liberdade e independencia dun festival popular, feminista, aberto á crítica e ao xogo teatral amplo”.