in

Nuria Sotelo leva á Guarda ‘Rosa’, dentro do programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero”

Nuria Sotelo Danza
| Foto: Rubén Vilanova |

 

O vindeiro xoves día 1 de agosto a Praza do Reló da Guarda acolle unha nova acción da Campaña Mulleres en Acción – Violencia Zero promovida dende a Deputación de Pontevedra e na que colabora o Centro de Información á Muller da Guarda (CIM).

Esta actividade duns 20 minutos de duración, que terá lugar ás 21:00h na Praza do Reló, contará coa representación da peza Rosa, da artista Nuria Sotelo, unha acción de danza-teatro na que se aborda, a través do movemento da intérprete e da mobilización espacial do público, conceptos sexolóxicos como a intersexualidade, a convivencia entre sexos e os rasgos e modos dos suxeitos, pondo en cuestión xerarquías e preconceptos establecidos.

Publicidade

 

Nuria Sotelo

Nuria Sotelo é bailarina e coreógrafa, buscadora de novas linguaxes escénicas e impulsora da Cía. de danza-teatro Licenciada Sotelo. Ligada á danza dende a súa infancia a través do ballet, continúa coa súa formación en danza contemporánea nas Aulas de danza e Teatro de las Universidades de Santiago de Compostela e Ourense así como en workshops internacionais.

Combina actividade escénica coa docencia nos campos do corpo, danza e a creación escénica, traballando con adultas, adolescentes, profesionais da escena, grupos de integración e familias.

Como intérprete traballa en compañías de danza e de teatro como o Centro Coreográfico Galego, Femme Fatale, Experimentadanza, Teatro Resoante, Elefante Elegante, Matarile Teatro…

Como intérprete participa en creacións de compañías de danza e de teatro como Lerchas (2007), Varadas (2008) e Cabarencrise (2009) de Femme Fatale; A ollada nas mans (2009), Xogando coa Arte (2010) e Lo que callo (2011), de Experimentadanza; In  (2009) de Elefante Elegante; Galicia Canibal (2012) de Antón Reixa; ou Staying Alive (2013) de Matarile Teatro, entre outras.

A compañía Licenciada Sotelo aparece en 2010 para englobar os traballos que Nuria Sotelo aborda sola e en compañía. Entre eles están:

  • 2010: Manifesto e Métanse nos seus asuntos (cocreación e dirección de Ana Vallés)
  • 2011: Desmemoriada Usted está aquí (dirección Ana Vallés e interpretación Natxo Montero e Nuria Sotelo)
  • 2013: Estado de gracia
  • 2014: Silencio por favor 
  • 2016: Ensaio amor, coproducida polo Festival Alt de Vigo e o Festival Escenas do Cambio. Premiada no certame coreográfico de Madrid

Sotelo ten gañado premios como o do Certame Coreográfico de Madrid 2017, na que foi galardoada como coreógrafa pola peza Ensaio amor, ou Premio de interpretación Maruja Villanueva 2017 do Concello de Padrón

Actualmente está inmersa no proxecto A Casa Vella, espazo residencia artística e infiltración social a través do corpo e a arte no rural alaricano.

Publicidade

 

Mulleres en acción. Violencia zero

O 25 de novembro de 2015 nacía “Mulleres en acción. Violencia zero” da Deputación de Pontevedra para apoiar e visibilizar as nosas creadoras galegas, poñendo o foco sobre a tremenda lacra da violencia machista que azouta cada día a nosa sociedade. “Mulleres en acción. Violencia zero” foi ademais foco informativo e ocupou portadas e espazos de relevancia nos medios de comunicación, non só locais, senón rexionais e mesmo nacionais. O cancelo #ViolenciaZero tivo milleiros de impactos nas redes sociais e provocou unha grande interacción co público, especialmente entre as e os máis novos. Obxectivos cumpridos: visibilidade para poñer en valor e implicación da cidadanía para promover unha actitude crítica fronte á realidade.

Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Transfiguration |

Transfiguration

AKAFlyhard |

‘A.K.A. (also known as)’, de Flyhard, e ‘Jauría’, de Kamikaze, Premios do Público en Ribadavia