in

O festival Itineranta cumpre unha década

EFIMER |
Os días 31 de xullo e 1 e 2 de agosto verán en Pontevedra a décima edición do festival Itineranta, o único dedicado á espectáculos itinerantes de rúa. Na edición de 2019 repítese o formato de tres noites con itinerarios alternativos para once formacións chegadas de diferentes puntos.

 

Unha selección das mellores compañías, mostrarán nas rúas da cidade as máis novas propostas das artes escénicas (zancos, malabares, teatro, cabaret, batukada, performance, música en directo, lume, pirotecnia …) para a celebración do maior Festival de Espectáculos Itinerantes de Rúa.

Itineranta comeza mañá, mércores 31 de xullo, ás 20:00, co espectáculo Rum Rum… Trasto Karts da compañía Xip Xap (Lleida), que propón unha carreira de coches na que pode ocorrer de todo, coa participación dun condutor malvado poñendo trampas e o enxeño dun científico tolo que lles sabe atopar solución aos enganos.

Ás 21:00, Tutatis presenta a súa visión persoal dunha celebración tradicional menorquina que celebra a animalidade primitiva do cabalo e recupera o peso da tradición nunha representación contemporánea, Caballos de Menorca.

Ás 22:00 Efimer sae de festa coa Morte con The dance of the death. Un esqueleto de seis metros de alto, feito de fíos e sostido por un guindastre eléctrico, cobra vida e ritmo para deleite do público, que non pode resistirse a bailar con el.

O xoves 1 de agosto, ás 19:45, Todozancos (Badalona) presenta Bangaluru Cercavila, unha creación teatral que representa o festival de cores de Punjab, celebración da primavera hindú, nunha festa de sensacións na que hai danzas, acrobacias en zancos, fume de cores, proezas e moitas sorpresas.

Ás 20:30 os burgaleses Tiritirantes chegan con Ulterior, el viaje, un pasarrúas espectacular no que seis personaxes divertidos percorren a cidade cunha familia de criaturas fascinantes de ata cinco metros de altura. O fío condutor da historia é o profesor Copérnico, un científico tolo que inventou unha máquina para viaxar ao futuro.


Publicidade

Xa ás 21:15 será a quenda de Discípulos de Morales (Castellón) con Pákostein, froito das mentes enfermas de catro doutores que querían xogar a ser deuses e fóiselles a man. O resultado é un monstro pouco agraciado que mide 4,50 metros de altura e é manexado polos seus catro pais. Un subproduto creado nun mundo onde son máis importantes os triunfos persoais e a fama que o propio benestar das persoas.

Ás 22:15 os zaragozanos K de Calle (Zaragoza) percorrerán a cidade con The Recyklantex, un espectáculo de gran formato no que personaxes do futuro terrestre (os reciclantes) pasan por rúas e prazas acompañados do seu Gran Dragón Mutante. Sorprendente e visual, eses seres van interactuando co público e, sobre todo, iluminando e “purificando” as rúas cos seus elementos pirotécnicos.

Ao día seguinte, o 2 de agosto, La Baldufa (Lleida) propón unha viaxe sen precedentes que traslada ao público ao mundo do soño e da imaxinación con Zeppelin a partir das 19:45 horas. Marcello, o Inventor mecánico, e Ursus, o valente Piloto acróbata, realizan un voo de exhibición no que os asistentes participan.

Ás 20:45, os colombianos Palo Q’sea chegan con Rompe Candela, un pasarrúas no que música, teatro e pirotecnia confabúlanse para explicar lendas e mitos.

Unha hora despois, ás 21:45, os valisoletanos Kull D’ Sac traen a Itineranta o seu espectáculo Ragnarok, unha colorista proposta de lume e efectos pirotécnicos ao ritmo de baile sobre zancos.

A traca final será ás 22:45 e estará a cargo da compañía bilbaína Deabru Beltzak con Symfeuny, que incendiará a rúa cos seus tambores, o seu ritmo e o seu espectáculo de lume.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

AKAFlyhard |

‘A.K.A. (also known as)’, de Flyhard, e ‘Jauría’, de Kamikaze, Premios do Público en Ribadavia

CurvaEspaña |

Curva España