in

Rolda Internacional: 7 / 08 / 2019

Tannhauser |

O pasado 31 de xullo, faleceu aos 91 anos Harold Prince, director e produtor, e a persoa que máis premios Tony recibiu, un total de 21. Prince era unha verdadeira lenda en Broadway, onde dirixiu musicais míticos como O violinista no tellado, Cabaret, Zorba, Follies, Sweeney Todd, Evita ou O fantasma da ópera.

Prince traballou con compositores como Jason Robert Brown, Stephen Sondheim e Andrew Lloyd Webber, con coreógrafos como Michael Bennett, Bob Fosse e Jerome Robbins, e dirixiu a estrelas como Elizabeth taylor, Liza Minelli, Jack Cassidy ou Angela Lansbury.

Os seus espectáculos foron admirados por ter unha madurez que os apartaba do puro entretemento propio do musical da súa época e que fixeron que a súa complexidade fose comparada coas obras de Chkhov ou Ibsen. As súas influencias ían dende as obras de Brecht até o teatro ruso ou xaponés, o que lle confería á súa obra unha personalidade que o fixo triunfar no difícil mundo de Broadway.

 


Thomas Ostermeier estreou no Festival de Salzburgo unha adaptación da novela de Ödön von Horváth Mocidade sen Deus, na que un profesor observa a progresiva brutalización dos seus estudantes, así como o seu esvaramento cara á ideoloxía nazi.

Ostermeier declarou verse atraído cara a esta obra polo ascenso da ultradereita en Austria e tamén ao percibir “que hoxe falta algo do que as culturas xuvenís lles ofrecían aos mozos cando aínda había unha identidade no rock ou máis tarde no punk. Non temos culturas pop de esquerda, cultura protesta. Os adolescentes tenden a cuestionar a xeración dos seus pais e mesmo provocar ou sublevarse, e iso é algo que hoxe só se pode facer, por desgraza, usando símbolos politicamente correctos ou escoitando rock legal

Apartándose do seu estilo habitual, a produción de Salzburgo presenta vestiario e aderezos de época. Os poucos elementos contemporáneos inclúen algunhas proxeccións de vídeos en directo e micrófonos no escenario, nos que varios actores murmuran o pensamento do profesor.

 


A versión de Tannhäuser que abriu o Festival de Bayreuth –con dirección escénica de Tobias Kratzer e dirección musical de Valery Gergiev– provocou unha acalorada polémica entre o público. A lectura de Kratzer ridiculiza o respecto reverencial ao compositor alemán e inclúe algúns elementos polémicos como a drag queen Le Gateau Chocolat, unha Venus hippie e unha iconografía baseada na imaxe comercial dos MacDonalds.

A montaxe, porén, obtivo gabanzas da crítica, que enxalzou tanto a delicadeza da versión de Gergiev coma o enxeño de Kratzer, que converte o coro de peregrinos nun monllo de snobs que acoden á estrea de Tannhäuser. Venus é aquí unha delincuente medio hippy que deambula nunha vella furgoneta da década de 1960 e que trata de boicotear a estrea, coa axuda dun anano e dunha drag queen negra. Nun momento dado, colgan da fachada do teatro un cartel cun extracto do ensaio Arte e revolución de Wagner: «Libres na vontade, libres na acción, libres no gozo».

 


A 73ª edición do Festival de Avignon, organizada ao redor do concepto “odiseas”, decepcionou a unha parte da crítica que considerou que, malia brandir a bandeira do teatro documental, só amosou unha versión académica do xesto político. Segundo estas críticas –con excepcións como a da compañía suíza Rimini Protokoll e a brasileira Christiane Jatahy– a maioría das obras deixouse de lado a procura estética, que foi substituída polo “sermón político”. Un exemplo deste desencanto foi a recepción de Architecture, de Pascal Rambert, que foi considerada “plúmbea” pola maioría dos comentaristas.

Non obstante, obras como as de Roland Auzuet, François Gremaud, Akram Khan, Wayne McGregor ou o propio Olivier Py –director do festival– atoparon o beneplácito do público e a crítica presentes.


Publicidade

Dúas das obras máis aplaudidas foron Outside de Kirill Serebrennikov, unha oda á liberdade na contemplación do universo creativo de Ren Hang, un poeta e fotógrafo chinés opositor do goberno do seu país; e Nous, l’Europe, Banquet des peuples, un texto de Laurent Gaudé dirixido por Roland Auzet, un poema polifónico que se interroga sobre a identidade europea e sobre o papel da cidadanía no seo das institucións políticas europeas.

 


Paul McCartney confirmou que escribirá a banda sonora dun musical: aos seus 77 anos, será o responsable da adaptación para a escena do filme de Frank Capra It’s A Wonderful Life. McCartney escribirá a música das cancións e, en colaboración con Lee Hall, tamén a letra. A estrea será a finais de 2020.

Na película dirixida por Capra, James Stewart é un home que pretende suicidarse na véspera de Nadal, despois de ser acusado de enganar a clientes do banco nunha pequena cidade dos Estados Unidos. Un anxo da garda descende do ceo e móstralle como terían vivido as persoas da súa vila sen as boas accións que fixo ao longo da súa vida.

 


En Francia, o actor e director Francis Huster lanzou unha petición en Internet, acompañada dunha carta ao Presidente da República, solicitando que os restos de Molière sexan trasladados ao Panthéon. A petición acadou xa 5000 sinaturas de apoio.

Na carta, o actor di que quere “facerlle xustiza” ao xenio do teatro “a quen lle debemos catro séculos de momentos de risa liberadora, de coraxe, de pura tenrura”, e manifesta que lle gustaría que o dramaturgo se unise ao templo dos grandes homes en 2022, cando se fan 400 anos do seu nacemento.

 


O Festival de Aix en Provence abriu cunha posta en escena do Requiem de Mozart a cargo de Romeo Castellucci, que o formula como unha especie de Atlas de Extincións, un catálogo de todo o que desapareceu dende a Prehistoria até os nosos días.

O festival, no que Pierre Audi se estreaba como director xeral, adoita abrir con óperas de Mozart, pero é a primeira vez que o fai cunha escenificación do Requiem.

Outras obras destacadas do festival foron a versión dirixida por Ivo van Hove de Ascenso e caída da cidade de Mahagonny, de Bertolt Brecht e Kurt Weill, con dirección musical de Esa-Pekka Salonen, ou o Jakob Lenz de Wolfghang Rihm, con dirección escénica de Andrea Breth e musical de Ingo Metzmacher.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Digitalball |

Nace a plataforma dixital de artes escénicas Mundo Escénico

Yahoraque02 |

En agosto, circo en Compostela