in

En agosto, circo en Compostela

Yahoraque02 |
Catro compañías de novo circo –Punto Cero, UpArte, Kanbahiota e El Fedito– representarán durante este mes as súas obras nas rúas compostelás.

 

Mañá, xoves 8 de agosto, chega a Compostela o espectáculo Y ahora qué?, da compañía Punto Cero, que levou o premio do público no Festival Artescena 2017. Será ás 19:30 horas, na praza da Quintana. En caso de choiva, a actuación será no Teatro Principal. Entrada de balde e para todos os públicos.

Puntocero é unha compañía formada en Gran Bretaña polos madrileños Zenaida Alcalde e Miguel Muñoz, que recentemente foron parte da rodaxe da nova película de Disney Dumbo, dirixida Tim Burton.

Y ahora qué? fálanos de Paula, de volátil personalidade; Susana, cuadriculada ata a loucura; e Eva, desesperada por ter un bebé. As tres conviven con Magda, unha pintora de maior idade cuxa experiencia lles serve de grande utilidade. Con esta mestura, todo pode pasar neste espectáculo duns 55 minutos. Humor surrealista, un toque poético e esperanzador, un trapecio, pintura en directo e impresionantes e belas coreografías nunha fachada de finas cordas de algodón serán os ingredientes desta emocionante peza que recibiu o premio do público no Festival Artescena 2017, en Ávila.

 

O vindeiro día 14, a compañía UpArte presentará Áureo, tamén ás 19.30, na Praza da Quintana. UpArte nace en Murcia en 2012, baixo o teito de La Chimenea Escénica. Nos seus comezos ningún dos integrantes practicaran circo nin se imaxinaban profesionalizándose nesta arte, pero o seu adestrador Vitaliy Motouzka, veterano acróbata ruso, soubo transmitirlles a súa paixón polo circo e fixo que da nada xurdira a compañía profesional de circo que é a día de hoxe. Actualmente, formada por 7 membros e o seu adestrador. Aínda que segue composta na súa maioría por murcianos tamén hai un coruñés, unha Arxentina e, por suposto, un ruso.

Áureo mergulla ao espectador nunha atmosfera chea de harmonía e proporción, combinando beleza, plasticidade e, á vez, risco, tensión e impacto. Acrobacias de alto nivel técnico nun espazo no que as relacións entre obxectos e persoas foron calculadas con precisión e argumento. Nada é arbitrario. Non hai historia, só crear no espectador o atractivo cara ao visual, combinando con humor saltos de barra rusa, banquina portés e manipulación da escenografía.


Publicidade

 

O día 22, na praza da Quintana, ás 19:30 e ás 21:00, Kanbahiota Troup presentará Trapecio volante. Catro trapecistas, unha barra e unha estrutura de trapecio volante. Só hai que conseguir axustalo para poder conquistar o aire coas súas acrobacias, non sen algunha caída inesperada .

Visitaron medio mundo cos seus shows: Palestina, Brasil, Sáhara, Francia, Italia, Colombia, Uruguai, Portugal… Kanbahiota significa reviravolta en brasileiro. Do seu nome até a súa esencia, todo pasa polo movemento. Desde o ano 2002, esta compañía fai do aire o seu escenario. Aprópianse do vento nas prazas e do ambiente no teatro. Calquera recinto é perfecto para acoller o seu característico talento e as súas depuradas técnicas aéreas. Os malabares, a danza, o circo e a maxia son as ferramentas destes artesáns do espectáculo.

 

Xa o día 29, El Fedito presentará Oyún, ás 19:30 na Quintana. Oyun (do turco xogo), xirou por multitude de escenarios en diversos países da man de Federico Manini, que provén do mundo da arquitectura e a arte, disciplinas que estudou durante varios anos en diversas Universidades. O espectáculo obtivo numerosos premios, entre eles o 2º Premio Circasa Off 2018 (Sevilla), e os Premios dos festivais Circarte, Kaldearte, Circaire, Nosolocirco e Jaén Paraíso Interior.

Quen ou que é a escultura? O malabarista ou o artefacto creado? Que é a estabilidade? Cal é o límite? Estas preguntas conducen á procura do máis difícil aínda, do equilibrio perfecto cara á arquitectura dos malabares, a harmonía entre todos os elementos: potas, culleres, cordas, pelotas.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Tannhauser |

Rolda Internacional: 7 / 08 / 2019

Commedia16 |

Sete espectáculos en A esCEEna, a V Semana de Teatro e das Artes Escénicas de Cee