in

Sete espectáculos en A esCEEna, a V Semana de Teatro e das Artes Escénicas de Cee

Commedia16 |
O próximo luns 19 de agosto comeza en Cee a V Semana de Teatro e das Artes Escénicas de Cee, “A esCEEna”, que se prolongará ata o domingo 25 e que levará sete espectáculos á vila fisterrá. Todas as funcións serán no Auditorio Baldomero Cores ás 21:30. | Foto: Rosinha Rojo |

A Mostra comeza o día 19 con Vida de cans, de Talía Teatro, un texto escrito e dirixido por Cándido Pazó. Dani Trillo, Tono Casais e Artur Trillo póñense na pel de Nemo, Nolo e Lupo, tres cans moi diferentes entre eles aos que lles toca compartir un recinto que lles preparou o seu amo. Moi grande, moi cómodo, moi ameno, moi limpo… pero recinto. Ben tratados, ben atendidos, ben alimentados, ben acariñados… pero recluídos. Fóra do recinto está a liberdade. Cos seus desacougos, as súas incertezas, os seus problemas, os seus perigos… pero liberdade.

O martes 20 será a quenda de Fantoches Baj e o seu Auga que non vas beber…, un recital satírico para monicreques, onde destacan diversas cantigas populares como A Saia da Carolina, O sermón do padre Damián ouO cura está malo, entre outros cantos e contos que remiten sempre a unha memoria colectiva de transmisión oral e que o autor une para contar as aventuras e desventuras amorosas do muiñeiro Xosé coa Carolina, baixo a libidinosa tutela do padre Damián, cura de Agolada.

O mércores 21, Contraproducións presentará Commedia, unha obra que volveu a ser posta en escena 25 anos despois do éxito da súa estrea e que gañou o Premio María Casares ao Mellor Espectáculo na última edición destes galardóns. Segundo explica o seu director –hai 25 anos e hoxe-, Cándido Pazó, “trátase da mesma peza cunha realización plástica redefinida, un tratamento musical reelaborado, unha actuación reestilizada, pero co mesmo concepto fundamental: xogar a facer commedia dell’arte para divertirnos e divertir”.

Publicidade

O xoves 22, Estudo Momento levará a Cee Macbeth. O ruído e a furia, unha nova versión dun dos clásicos de Shakespeare.  Manuel Lourenzo é o responsable desta adaptación en formato curto que interpretan Xoán Carlos Mejuto, Luís Iglesia, Iria Ares, Carlos Sante e David Perdomo.

O venres 23, Bernarda, de Malasombra propón unha reinterpretación do clásico de Lorca escrita e dirixida por José Prieto, pero situada en Galicia en 1975. Unha muller que queda viúva con fillas mozas e decreta un rigoroso loito, pero traslada a acción a unha vila de Galicia case corenta anos máis tarde, en 1975, nun momento clave da nosa historia recente, no que as ansias de cambios chocan coas tradicións máis arraigadas, como é neste caso, o loito.

O sábado 24, a compañía Sarabela, con Normas para saber vivir na sociedade actual, presenta un texto de Jean Luc Lagarce que desvela as perversas mecánicas que se agochan detrás da ritualización das relacións persoais, da falta de franqueza que se nos impón dende unha represión dos sentimentos que acaba por coutar o desenvolvemento persoal.

O domingo 25 a semana vira cara á comedia con Papar sen cancelas, un delicioso espectáculo onde o público poderá deleitarse cunha exquisita selección gourmet dos mellores pratos da nosa lingua. Linguas soltas, linguas hábiles, linguas deslinguadas, linguas para todos os gustos! Artes para a cociña cómica de tres xeniais chefs preparando o menú para personaxes entre o máis distinguido do panorama galego actual. Con Isabel Risco, Pedro Brandariz e Fran Rei.

 

 

 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Yahoraque02 |

En agosto, circo en Compostela

CASTELO CONTA 2019 |

Touriñán presentou o programa da nova edición de Castelo Conta