in

Comeza o XIX Festival Manicómicos da Coruña

MarGomez |

Do 15 ao 18 de agosto celebrarase na Coruña a XIX edición do Festival Manicómicos: teatro cómico, clown e circo contemporáneo ateigarán as rúas da cidade. O Festival ten a intención de amosar, xunto a xoves artistas galegos, a primeiras figuras do panorama cómico internacional.

O programa comeza o día 15, no Parque de Santa Margarida. Ás 19:00, Mere Clown presenta Aparvaolimpiadas: un intento de atleta polifacético verase involucrado en multitude de problemas para lograr a ansiada medalla olímpica, facendo un repaso das cerimonias de apertura e clausura, así como dalgúns dos deportes máis populares. Ás 20:30, Kerol representará Welcome To My Head: un home ao fío da esquizofrenia invítanos a viaxar entre os pregues do seu cerebro. Personaxe descarado, desbordante de tenrura, sarcasmo e loucura, Kerol amósanos os efectos adversos que produce vivir nos nosos tempos… unha sorprendente miscelánea de malabares excéntricos e beatbox bufonesco. Xa ás 22:00, Inda Pereda trae Lubbert, un espectáculo de comedia física inspirado na súa pintura favorita, “O Xardín das Delicias” de El Bosco: Lubbert Dash, é o primeiro esbozo de ser humano na terra. Adora o seu xardín e encántalle explorar mundos imaxinarios nel.

O día 16, Manicómicos trasládase aos Xardíns de Méndez Núñez. Ás 12:30, a compañía de Mar Gómez presenta Slapstick, unha homenaxe ao cine mudo na que se se transporta ao ámbito das artes de rúa unha curtametraxe cómica sen pantalla na que golpes, caídas e situacións fisicamente extremas e inverosímiles se gozan en directo para lembrarnos que tras os gags que nos poden volver a facer rir coma si fósemos nenos hai unha gran dose de humanidade. E ás 20:00, Sincronacidas presenta a premiada Oh!Limpiadas: dúas mulleres aburridas da súa rutina diaria entran nun mundo de ensoñación onde a súa xornada laboral é retransmitida coma se se tratase dunha competición olímpica. Estas situacións cobran vida grazas á combinación de técnicas como a danza e as acrobacias, todo bañado cunha gran dose de humor que lle dá soporte a ese mundo de disparate.

Ese mesmo día pero no Obelisco, ás 19:00, Cris-is presenta Wet Floor: o público chegará a ver unha peza teatral, Hamlet, pero antes a empresa Wetfloor, con máis de trinta anos de experiencia, deberá deixar a escena preparada para os artistas. Unha tarefa sinxela que se converterá nunha misión imposible abocada ao desastre. E as 22:00, haberá un novo pase de Welcome To My Head, de Kerol.


Publicidade

O día 17, no Campo da Leña, comeza ás 12:00 cunha nova función de Wet Floor, de Cris-is. Xa ás 19:00, Los Barlou mostrarán, en Set Up, que sucede antes dun espectáculo. Ou antes deste espectáculo: os tres torpes personaxes que se dispoñen a comezar realizan unha montaxe chea de obstáculos, imprevistos e sorpresas. Malabares, maxia, monociclos e equilibrios imposibles, todo con humor a esgalla. Ás 20:30, Sempre Arriba acode ao festival con C’est Pas Possible, unha viaxe cara ao reencontro con un mesmo e co pracer de vivir e compartir. Un espectáculo en linguaxe de clown, con acrobacia aérea, que invita ao público a empaparse das emocións que o seu personaxe vive en escena. Para finalizar o día, a compañía de Mar Gómez representará La Vie en Rose: con humor e unha mirada cinematográfica, esta obra de danza teatro hibrida o teatro xestual, a danza o clown para mostrarnos a sorprendente historia dunha parella que, tras chegar á cúspide do éxito, descende até o máis clamoroso dos fracasos.

O día 18, no anfiteatro do Parque de Santa Margarida, ás 12:30, Los Barlou repetirán con Set Up e, ás 19:00, como xa vén sendo habitual, o festival pechará cunha Gala na que se poderá desfrutar tanto de artistas locais vencellados á asociación como de artistas invitados. Diversión para público familiar con números de circo, clown, acrobacias, música e humor.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Cárcaba |

Aberto o prazo para presentar propostas a SóLODOS en Danza 2019

FillosDoSol06 |

Xa se coñece a programación teatral do Pazo da Cultura de Narón para o outono