in

Xa se coñece a programación teatral do Pazo da Cultura de Narón para o outono

FillosDoSol06 |

Os actores Carlos Blanco e Xosé Antonio Touriñán, coa comedia Unha noite na praia, abrirán en setembro un amplo abano de espectáculos para todos os públicos que traerán ao Pazo da Cultura de Narón. O Padroado da Cultura retomará o venres, día 13 de setembro, a programación cultural do Pazo que se desenvolverá nos catro derradeiros meses do ano, para o que desde o vindeiro 21 de agosto estarán as entradas dispoñibles.

Nas tres funcións (venres 13 ás 20:30, sábado 14 ás 20:00, e domingo 15 ás 19:00) da comedia Unha noite na praia súbense ao escenario do Pazo os cómicos Carlos Blanco e Xosé Touriñán, que colgaron noutras ocasións rápidamente o cartel de entradas esgotadas, polo que previsiblemente esta nova posta en escea terá asimismo unha boa acollida entre o público que se achegue ao Pazo da Cultura naronés.

Cun recital poético-musical De abrentes e ocasos, de Teatro do Atlántico, o venres día 20 ás 20:30, no Café-Teatro do Pazo e desde o eido da poesía aparecen e ocupan o seu lugar o amor, a relación coa terra e a paisaxe, co campo e coa cidade; a loita social, a igualdade de xénero, a dura travesía dos expatriados, a guerra; cuestións que esixen ser abordadas desde o horizonte de Galicia e da lingua galega.

O domingo 22 ás 18:00, a compañía Farrés Brothers SL achegaranos ao teatro xestual e monicreques coa obra El silencio de Hamelin. Qué pasaría se no conto do famoso frautista houbese unha nena xorda?. Obxectos, palabras, linguaxe de signos, un DJ particular… e as vantaxes de ter desvantaxes. Un espectáculo sobre as outras habilidades, sobre cousas que non se din… e que acaban por saír á superficie. Un espectáculo recomendado pola Rede Española de Teatros e Premio FETÉN 2018 á mellor proposta de inclusión.

O sábado 28 ás 20:00, un bo remate de setembro coa obra de teatro clásico Viejo amigo Cicerón, de Ernesto Caballero, unha obra centrada na figura do soado orador romano. O actor José María Pou encarna o personaxe de Cicerón personificando a integridade moral de quen mantén a coherencia das súas conviccións políticas aínda nas máis adversas circunstancias. Político, xurista, orador, filósofo, divulgador, podería encarnar a soada máxima de Terencio pois nada do humano lle resultaba alleo.

Chegado o mes de outubro, o sábado día 5 ás 20:00, un espectáculo de mentalismo e maxia: Toni Bright. Volver a creer, magia de la mente, da man de quen algúns xa catalogan como o mentalista máis prestixioso do estado, desprenderá moitas sorpresas desde o escenario do Pazo.

O venres día 11, ás 20:3 , unha presentación teatralizada de canto e música, O camiño, levaranos a un percorrido polos diversos camiños de Santiago que entran en Galicia, posto en escena mediante a mestura de fotografía, video, presentación teatralizada, canto e música. Setestrelo quere, con este espectáculo, levar ao publico á fantasía de facer o Camiño de Santiago dende a súa butaca e poñer en valor a nosa música.

O mércores 16 (ás 10:00 e ás 12:00) e o xoves 17 ás 10:00, a Compañía Pedras de cartón traerá ao escenario do Pazo a obra Lázaro de Tormes, unha comedia para público de 10 a 13 anos que se enmarca na MOSTRA DE TEATRO para centros escolares.

O teatro clásico en gran formato levantará o telón do Pazo o sábado 19 ás 20:00, coa obra Luces de Bohemia, un traballo que revolucionou o teatro, abrindo con él un novo xénero, o Esperpento, que rompe coas convencións escénicas da etapa anterior. Luces de Bohemia é o mellor esperpento de Valle Inclán, no que se mesturan a visión do mundo bohemio, literario, e a realidade revolucionaria da súa época. É a modernidade na súa forma máis pura: ademais da “deshumanización” vangardista , anticipa a teoría do “distanciamento” do teatro de Bertolt Brecht, o teatro do absurdo da posguerra. En Narón poderá verse a versión do Teatro Clásico de Sevilla, dirixida por Alfonso Zurro e interpretada por Roberto Quintana e Manuel Monteagudo nos papeis principais.

O domingo 20, ás 18:00, o espectáculo La banda de otro – Yee-Haw dos Hermanos Inconfundibles farán que o circo, a música e o humor aneguen o escenario da man dunha banda da que a súa orixe está nalgún lugar do oeste de “Andaluisiana”, ainda que as súas frecuentes fugas fan que sexa difícil atopalos nun lugar específico.

O martes 22 (ás 10:00 e ás 12:00 horas) e o mércores 23 ás 10.00 horas a compañía Elefante Elegante trae o espectáculo Patapatúm, un teatro visual sen palabras, para público infantil entre 6 e 9 anos, que mostrará como os maiores, atados pola espiral do tempo con compromisos e obrigas, non son quen de facer un oco na súa apretada axenda para compartir a fantasía cos máis pequenos.


Publicidade

O sábado 26 ás 20:00 horas, Chévere leva ao teatro a historia da Curva España, un lugar na antiga estrada de Ourense onde o enxeñeiro José Fernández España morreu en 1927 cando deseñaba a liña ferroviaria entre Puebla de Sanabria e Ourense. Unha peza que ironiza sobre o xénero documental combinando teatro e cine en directo. Unha alegoría sobre España que se serve dun relato local transmitido oralmente de xeración en xeración entre a xente da comarca de Verín, para confrontar a realidade coa ficción, a historia coa lenda. Estará protagonizada por Patricia de Lorenzo e Miguel de Lira.

O martes 29, rematando outubro, ás 10:00 e ás 12:00, e o mércores 30 ás 10:00, será unha comedia Fillos do sol, de Contraproducións, escrita e dirixida por Cándido Pazó, será o espectáculo que a Mostra de Teatro para os Centros escolares adicará a un público de 14 a 17 anos. A obra recrea os últimos días de Eduardo Pondal e a súa loita por rematar o poema épico Os eoas.

Novembro comezará coa ópera Pagliacci, o sábado día 2 ás 20:00. A música e o libreto en italiano pertencen ao compositor Ruggero Leoncavallo e relata a traxedia dun marido celoso e a da súa muller nunha compañía teatral da comedia da arte.

O domingo 3, ás 18:00, a compañía Teatro do Noroeste representará a comedia musical Animais de compañía para un público infantil a partir de 6 anos. Escrita e dirixida por Eduardo Alonso, esta comedia musical en forma de fábula está protagonizada por unha cadela e unha gata ás que lles dan vida Imma António e Manuela Varela. A peza trata en clave de comedia unha situación cotiá nunha casa dunha moza amante dos animais para establecer un paralelismo entre a situación que viven as súas mascotas e o que acontece na sociedade actual.

O martes 5, ás 10:00 e ás 12:00, e o mércores 6 ás 10:00, a compañía Ghazafelhos porá en escena Acuario dirixida a un público infantil de 3 a 5 anos, enmarcada na Mostra de Teatro para centros escolares.

O sábado 9, ás 20:00, a danza será protagonista no Pazo coa obra Tejidos al tiempo, da Choni Compañía Flamenca, historia contada cunha nova linguaxe visual, pero que recorre a medios expresamente flamencos. Unha reflexión sobre o tempo, a vida e a loita para conquistar a morte, algo que só será posible creando unha nova vida.

O domingo día 10 no Café-Teatro do Pazo da Cultura, ás 18.00 horas, a compañía Caramuxo Teatro representará o espectáculo Ñam!, unha comedia para público infantil a partir de 1 ano.

O sábado 16, ás 20:00, o novo espectáculo da compañía Sarabela Teatro, Crónicas do Paraíso, presenta ao público un universo viaxeiro poboado por bandidos, armas, diñeiro e sangue, pero non hai mortes, ninguén morre, quizais porque estean todos mortos ou porque o verdadeiro bandido siga eternamente vivo. Os negocios escuros colocan os personaxes en situacións irónicas entre a vida e a morte onde a eternidade acaba por afirmarse como o máis duro castigo xudicial.

E o derradeiro mes do ano, decembro, comeza, o sábado 7 ás 20:00, cunha ópera infantil coa Orquestra Sinfónica de Galicia, co título O loro de Carlos V, unha ópera buffa para todos os públicos baseada nunha idea orixinal do compositor Nani García. É un canto infantil e ao mesmo tempo unha obra artística con vocación de entusiasmar e emocionar ao público máis esixente.

A programación teatral deste ano no Pazo da Cultura rematará o domingo 15, ás 18:00, a compañía Pérez & Fernández representará a comedia Os nenos da Variola para público infantil a partir de 7 anos.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

MarGomez |

Comeza o XIX Festival Manicómicos da Coruña

CamiñoEscenaNorte |

Camiño Escena Norte desenvolverá a cooperación teatral con Asturias, Cantabria e Euskadi