O Festival herDanza de Compostela chega á súa cuarta edición do 2 ao 7 de setembro. O evento reforza nesta nova entrega os seus obxectivos de promoción e difusión da danza contemporánea, de fomentar o encontro entre profesionais do sector e de dar visibilidade aos creadores e creadoras de Galicia. E todo isto en espazos singulares da cidade, non habituais para os espectáculos de danza.
A IV edición do Festival herDanza ofrecerá durante seis días diversas actividades en torno á danza: espectáculos de rúa, formación, visionados de danza e reflexións teóricas sobre a danza. Todas as actividades son de acceso libre, coa única excepción da formación, que require inscrición previa e pagamento da actividade.
Programa
herDanza arrincará o luns 2 de setembro na Casa do Matadoiro, cunha sesión de cata de viño e maridaxe ás 20:00 horas. Ao día seguinte, no mesmo lugar, celebrarase unha conversa sobre “Intervencións en espazos non convencionais: danza e corpo en lugares singulares”, con Merce de Rande e Bebeto Cidra.
O mércores 4, a xornada comezará pola tarde, ás 17:15, coa intervención Dancentergala no CGAC, onde un cuarto de hora despois se proxectará o documental Fuera de escena e se conversará coa súa directora, Alejandra Aguirre. Logo, ás 20:00, na praza de Salvador Parga, I love the microphone, un espectáculo de rúa con Rakhal Herrero. O programa do día péchase ás 21:15, na Casa do Matadoiro, cunha conversa sobre “Expresionismo alemán: danza e outras expresións artísticas de principios do século XX”, con Berta Secall Pons e Rosa Marta Gómez Pato.
O xoves 5, a danza trasládase ao parque de Bonaval (19:00), co espectáculo Danza líquida, de Rebeca Ponte e Carlota Pérez. Ás 20:00, a compañía Schattenidentität representa All the world is a stage na igrexa das Ánimas. O programa da xornada complétase coa proxección ás 22:00 h, na Casa do Matadoiro, do filme Der grüne tisch (La mesa verde).
A Fundación Granell acolle o venres 6, ás 19:00, o espectáculo Saída de emerxencia: sentir verde, con Milagros Bordones e Carlos Jesús García. Unha hora despois, na igrexa de Santa María Salomé, In the middle of the night, unha representación de rúa de Rebeca Carrera. E ás 22:00, proxección de Tanzträume na Casa do Matadoiro.
A última xornada de herDanza, o sábado 7, terá xa pola mañá dúas propostas no Airas Nunes: a intervención Nais, de Lupe Carballo (12:45), e a presentación do libro Teatro físico: la revolución de las formas, con Alfonso Rivera. Pola tarde haberá tres espectáculos: Sintonía 20, da compañía Sin Papeles (18:00, no Museo do Pobo Galego); Mostra da residencia de creación, con Bebeto Cidra (19:00 h no CGAC); e Lloc Jox Xoc, de Santiago de la Fuente e Diego Buceta (20:00, na praza de San Martiño Pinario).
Formación
Aos espectáculos, residencias e conversas, herDanza suma a súa dimensión formativa, cun adestramento intensivo, en colaboración coa USC e o IES Rosalía de Castro, para profesionais interesados/as nas artes do movemento. Así, Rakhal Herrero impartirá o obradoiro A escena do dous (exploración e desenvolvemento de dúos) o martes 3 e o mércores 4, de 10:00 a 14:30 horas. Pola súa parte, Rebeca Carrera encárgase do taller “Destruír o corpo cotián”, con formación o xoves 5 e o venres 6, de 10:00 a 14:30 horas.