in , ,

Josi Lage: “Precísase poñer en valor o feito de que o FETEGA sexa o único festival integramente dedicado ao teatro galego”

Josi Lage
Josi Lage anunciou que despois desta edición deixaba a dirección do Festival de Teatro Galego do Carballiño (FETEGA) para dedicarse de cheo á súa profesión de actriz. Nos moitos anos que leva á fronte deste encontro, o FETEGA medrou, mais a costa de pasar por moitas vicisitudes que ela tivo que enfrontar sen contar con axudas institucionais, só co apoio do seu equipo. A presente edición semella deixar atrás as ameazas que se cerniron sobre o encontro en anos anteriores, cando a continuidade estivo en perigo. Lage fai un balance do seu traballo nun festival que cumpre agora tres décadas. | Manuel Xestoso |

 

Este ano o Fetega celebra o seu 30 aniversario, despois dos problemas do ano pasado e cun mellor orzamento nesta nova edición, como afrontaron esa dificultade?

O feito de que este ano o concello case dobrase o orzamento, coas axudas da AGADIC e o apoio tanto da Deputación, que sempre está, como da empresa Montañesa e os establecementos do Carballiño que colaboran con nós, a vida vese doutra cor. O Festival estivo a piques de desaparecer en dúas ocasións e sempre tivo que ver coa falta de axudas de Agadic; e o ano pasado pasámolo realmente mal. Somos o único festival de teatro galego, exclusivamente en lingua galega, e é unha mágoa que iso ás veces non se considere como un valor. Nós tratamos de ser fieis ao noso nome e ser profesionais. Iso require tempo, require unha programación e require un esforzo durante todo un ano. No Fetega non temos a sorte doutros festivais subscritos a un concello que pon o seu persoal e os seus técnicos en funcionamento. Nós contamos cun equipo que fai todo e que leva 30 anos sacando este proxecto adiante. É difícil pero estamos satisfeitos de que todo o que fixemos é pola xente, polo Carballiño e polos compañeiros que teñen unha praza máis onde mostrar en verán os seus traballos. Que o festival desaparecera ou que estivese a piques de desaparecer, a min doíame sobre todo polos compañeiros, independentemente do traballo de tantos anos. Que non se tivera en conta no seu momento, evidentemente, a min fíxome sacar as unllas. Pero tamén son unha persoa agradecida e se digo cando as cousas non están ben, tamén as teño que dicir cando están ben e estoume referindo tanto ao apoio de Agadic como polo feito de que o concello dobrase o orzamento este ano.

De feito, na rolda de prensa do luns apelaban á vontade das institucións para que o festival non dependese dos vaivéns políticos.

Ten que estar claro e sempre o tivemos claro e é que o festival non podía politizarse. Soa político o de dicir que isto é do pobo e para o pobo, pero concibiuse así, como se concibiu a MIT en Ribadavia. Entón imos respectar esa idiosincrasia e imos a respectar a lingua galega. Non é de ninguén máis, de ningún partido político e imos loitar para que se siga mantendo así. É unha das cousas que máis teño en conta de cara á sucesión: que non se politice e que siga no Carballiño. Que despois siga medrando e que se poida algunha parte noutra cidade, estupendo porque eu aspiro a que a persoa que veña o faga medrar. Ese polbo, nunca mellor dito, con ese concepto estamos traballando agora. O epicentro é o Carballiño pero pode haber tentáculos que se estendan. Eu quero que o festival medre e eu creo que a persoa que veña o vai conseguir.

Aínda que está fóra do programa, como valoras o que esta sucedendo agora no FITO?

Unha tristeza. Tanto a nivel particular como a nivel de festival porque son compañeira, e porque eu estiven nesa situación. Eu sei o que doe non ter as axudas, non ter as colaboracións das institucións e esa é unha das cousas que a min máis me cansaron nestes 20 anos de traballo; lidar coas autoridades é o máis duro.

O que lle pasa ao FITO é inconcibible. Un festival que leva tantos anos que leva e que é un referente a nivel galego en que ser apoiado. O concello debería facelo a súa bandeira. Dóeme a súa situación do FITO e gustaríame mostrarlles o meu apoio como compañeira e como directora do festival de teatro galego.

Volvendo ao festival, unha das grandes novidades é o cambio de nome. No festival sempre se preocuparon de homenaxear a historia do teatro galego. Cres que é necesario a reivindicar esa historia?

É necesario desde todos os puntos de vista e desde todos os ámbitos. Eu fixen todo o posible para manter ese nomes e oxalá, como digo sempre tivese máis espazos e máis cartos para poder crear. Son figuras que instauraron a profesionalidade no teatro galego. Dorotea Bárcena era unha besta en escena marabillosa, unha actriz, unha dramaturga e unha directora incrible. E fixo moito polo teatro galego e moito polas mulleres. Eu tiven a sorte de traballar con ela na súa compañía e no CDG, cando nos dirixira outro grande como Roberto Vidal Bolaño, e quería renderlle esa homenaxe. Falei cos fillos e eles agradeceron a idea, deron a autorización e aí están os premios Dorotea Bárcena. E convertéronse nuns premios reputados.

Trátase dunha reivindicación non só do teatro que se fai no presente senón tamén da historia que vén detrás.


Publicidade

Claro. Como o nome de Celso Parada. Para min é o máis importante deste ano. Máis importante que a programación, as axudas, ou as novidades. Diso é do que máis contenta me vou.

Precisamente, como vostede marcha, cal é a valoración que fai da evolución do Festival nestes anos.

Que confiasen nun proxecto que nun principio non era o que é agora foi unha cuestión de perseveranza. Eu comezaba cun handicap: son unha muller e, ás veces, custou que outros homes me aceptasen nun posto de dirección. Antes, o festival era máis pequeno. Sempre se tentou que fose profesional pero para ser profesional tes que xerar unha marca. Eu souben que me tiña que rodear do mellor equipo posible: dos mellores fotógrafos, dos mellores videógrafos… porque cun bo equipo arredor é máis fácil medrar.

Nesta etapa como directora prestoulle unha especial atención á situación da muller nas artes escénicas.

Creo que os debates que organizamos están funcionando moi ben, aínda que sempre se pode mellorar e reforzar. Pero non é so as mesas de debate: estou moi orgullosa de que o ano pasado o 90% da programación fose en feminino. Temos directoras, escenógrafas, iluminadoras. Hai un montón de mulleres talentosas que teñen que saír á luz.

Os monólogos son outra das novidades que deixa esta edición. Que cre que poden achegar ao festival?

Creo que frescura. Os monologuistas, igual que os compañeiros de circo, sempre están queixándose de que non se lles ten en conta, coma se o xénero do monólogo fose algo menor. E eu considerei que neste festival debería ter un espazo. O teatro non único nin lineal, todos os xéneros deben ser contemplados, e decidimos tomar esa opción. Tamén queriamos abrir unha sección de performance, pero polo de agora non foi posible: xa non tiñamos nin cartos, nin tempo, nin espazos… Veremos no futuro

E cal é o balance persoal de Josi Lage despois de todos estes anos. Que aprendeu, de que se arrepinte, de que se alegra?

A corazón aberto, debo dicir que me custou a vida levar o festival de teatro galego a onde está agora. Moito esforzo persoal, familiar, físico, psíquico, económico… Nunca me deu rendemento económico e ata é posible que fose contraproducente para a miña carreira como actriz nelagúns momentos de tensión. E eu son actriz por riba de todo.

Foi un esforzo moi grande, pero moi enriquecedor: aprendín moito como persoa e descubrín as capacidades que teño para que a xente crea en min. En certo sentido, medrei co Festival, medramos xuntos.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

EntreSoñosFranSieira |

Vigocultura presenta a súa programación para outubro e novembro

SarabelaSaramago |

Sarabela: “A continuidade do FITO non está garantida”